Suspendida a Copa Galicia de balonmán 2020/21

A Federación Galega de Balonmán tomou a decisión ante a "delicada situación sanitaria que se está a vivir cos rebrotes da Covid-19 e das restricións ao deporte con contacto"

A Federación Galega de Balonmán informou este luns da cancelación da Copa Galicia 20/21 ante a "delicada situación sanitaria que se está a vivir cos rebrotes da Covid-19 e das restricións ao deporte con contacto". A decisión foi tomada tras a reunión mantida coa Secretaría Xeral Para o Deporte.

Segundo informa nun comunicado a federación, tomouse a decisión de cancelar a Copa Galicia 20/21 en todas as categorías –infantil, cadete, xuvenil e sénior– "considerando a opción de poder trasladala no calendario 20/21 a outras datas".

Ademais, optouse por manter os play off previos ao inicio das competicións da tempada 20/21 cos mesmos grupos que se ía disputar a Copa Galicia, cos cabezas de serie como organizadores de cada un dos sectores.

Ademais, a  Federación Galega de Balonmán tomou a decisión de cambiar o formato dos play off das categorías xuvenís masculinas e femininas, "pasando do formato de locatario/visitante, ao formato tipo sector na fin de semana do 25, 26 e 27 de setembro de 2020". Ademais, mantéñense as datas de inicio das competicións sénior, "deixando aberta a posibilidade de retrasar o seu comezo en función dos posibles cambios que poidan producirse na regulación vixente na semana do 10 ao 16 de agosto de 2020".

"A celebración dos play off e o inicio das competicións da tempada 20/21, dependerán da evolución da pandemia sanitaria nas primeiras semanas de setembro e da regulación da volta á actividade en materia deportiva, por parte da Secretaría Xeral Para o Deporte", apunta a federación.

Más en Deporte General
Comentarios