lunes. 16.05.2022 |
El tiempo
lunes. 16.05.2022
El tiempo

Támara Echegoyen: "Non todo o mundo ten a posibilidade de chorar un cuarto posto nuns Xogos Olímpicos"

Támara Echegoyen (dereita) no campo de regatas olímpico. EFE
Támara Echegoyen (dereita) no campo de regatas olímpico. EFE
Unha mensaxe de desmitificación e humanización da deportista de élite, desde a máxima naturalidade e sinceridade. Así relata Támara Echegoyen a súa segunda medalla olímpica de chocolate

Discutir que Támara Echegoyen está no podio das mellores deportistas galegas de tódolos tempos é como afirmar que a terra é plana. Ficar sen medalla despois dos Xogos Olímpicos de Tokio 2020 non resta nin un raio de mérito ao seu traballo. Echegoyen é pragmática, clara e sincera a máis non poder. Nin ocultou as bágoas de frustración que verqueu polo seu cuarto lugar nin oculta que ese mesmo cuarto lugar só está ao alcance duns poucos privilexiados.

Cuarta en Rio, cuarta en Tokio e nos dous casos dunha maneira cruel. Débelle diñeiro a alguén?
Creo que non (risas). Son dous cuartos postos e máis ca min non creo que o sufrise ninguén. Foron campañas olímpicas distintas. Chego a tódolos Xogos con opcións de medalla, pero hai que ser conscientes de que mentres eu fixen unha VOR, mudei de tripulante coa comecei de cero e dispuxemos dun período de dous anos de aclimatación, as nosas rivais levaban xuntas moito tempo. Algunhas delas máis de doce anos. É unha realidade a ter en conta: cando chegamos, sabíamos que había moitos equipos con opcións. Moi pouco separa ás medallas do diploma. Os mesmos deportistas temos que facer contas e valorar a traxectoria e a importancia de chegar a uns Xogos Olímpicos e pelexar por unha medalla. Non tódolos deportistas teñen opcións ata o último día de acadar ese ouro. É duro e sentímonos frustrados cando non conseguimos os obxectivos e esa frustración é parte desa forza que temos para traballar e acadar o nivel para poder loitar. Se chegas aos Xogos con opcións de medalla é porque realmente as tes. As expectativas que xurdiron arredor dos equipos que formamos para os diferentes retos olímpicos eran merecidas. Sempre loitamos por estar en podio en anos anteriores. Paula (Barceló) e máis eu fixemos podio en tódalas regatas no último ano. Quere dicir que temos nivel para conseguilo. Pero os Xogos son só unha regata. Síntome orgullosa de como loitamos. Comezamos cunha descalificación o primeiro día e saír no segundo día coa serenidade de loitar e recuperar a opción durante toda a competición é máis que significativo do nivel deportivo que temos. Pero como ben di, debo de ter algunha conta pendente con alguén. Os días danlle valor ao que fixemos. Claro que me gustaría ter traído un metal para Galicia, que realmente o merece.

"Nos Xogos consegues emocionar a un país enteiro. Ter esperta á xente ás cinco da madrugada para ver se o lograbamos foi un agasallo ao noso esforzo"

Dá a impresión de que lle deu moitas voltas a todo o que sucedeu…
Os deportistas somos humanos e temos sentimentos. Ás veces descríbesenos como heroes e os nosos valores, como heroícos. Pero somos tan humanos como calquera. Temos emocións e en ocasións temos medo a amosar publicamente que choramos, que o pasamos mal, que sufrimos, que padecemos frustración. E a realidade é así. Estes Xogos déronme para dicir que todo iso está dentro da nosa profesión. Os triunfos chegan e fannos especiais, énchennos de ledicia, pero a derrota tamén forma parte do deporte. A xente teno que ver. Todo iso fainos humanos e mellores deportistas. Non lle dei tantas voltas ao que pasou nos Xogos, porque o último día me sentín moi orgullosa do papel que fixemos Paula e máis eu na auga. O tempo é preciso para superar eses momentos. As semanas pasaron e é importante sacar a parte positiva de todo.

Que nota lle poría á súa participación olímpica?
Sobresaínte. Gustaríame poñerlle o broche de ouro co metal olímpico. Pero hai que ser obxectivos: un equipo formado en menos de dous anos na auga e que chega como vixente campión do mundo é un mérito non só de Paula e meu, senón de todos os que estaban arredor nosa. Houbo moita xente que traballou para que Paula e eu fixésemos ese acomplamento exprés como equipo e agora esteamos a falar de que rozamos a medalla. Foi unha boa campaña. Levamos un ano seguido no podio. O traballo que se fixo foi excepcional. O traballo en equipo e a confianza que temos uns nos outros foi o que sustentou esta progresión. Gozamos moito. E o maior premio para nós foi saber que con ou sen medalla, a xente estivo esperta ás cinco da mañá para ver se o lograbamos. Ese foi un agasallo. Nos Xogos Olímpicos consegues emocionar a un país enteiro, e para os deportes que non teñen tanta repercusión, que cada catro anos consigamos chegar á poboación desa maneira é un agasallo ao noso esforzo.

"Non se lle pode pedir á xente que non teña medallite se o único que mostramos son medallas"

O descoñecemento que a sociedade ten do deporte de elite axuda a que haxa demasiada medallite?
Hai moito conflito sobre iso. Os deportistas somos os únicos sinceros. Chegamos a competir e sabemos que a xente o que quere son medallas e nós tamén. Pídeselle á sociedade que non a teña, pero a realidade é que se vende esa medallite. O que saen son os podios olímpicos, as medallas olímpicas. Cando chegas a casa, recíbense aos deportistas con medallas e os demais pasamos a un segundo plano. Non se lle pode pedir á sociedade que non teña medallite, se o único que lles ofrecemos son as medallas. Eu estiven nos dous bandos e creo que os medallistas olímpicos merecen esa Támara Echegoyen (dereita) no campo de regatas olímpico. efe repercusión. É traballo da prensa saber que, haxa medalla ou non, hai moitos deportistas que merecen ese tratamento especial por ter estado nos Xogos Olímpicos. Creo que en moitos casos si existe esa conciencia. Pero é un traballo compartido.

Pero hai moito máis que un podio ou unha vitoria.
Si. A realidade para min máis importante é transmitirlle aos mozos cal é o verdadeiro valor do deporte. Referentes como Javi Gómez Noya, Teresa Portela ou calquera dos nosos medallistas poden facer un bo traballo, e mesmo os demais neste tipo de entrevistas. Pero ten que ser sobre todo un esforzo compartido, teñen que haber preguntas dos xornalistas. Entre todos podemos conseguilo. Se os Xogos serven para iso, é un paso adiante. E estes Xogos Olímpicos serviron para coñecer historias completamente inusuais: é importante obter valores diferentes que poden estar afastados do éxito deportivo e que tamén deben ter visibilidade. Cando a xente que segue o deporte pode ler unha entrevista diferente na que se abordan estes temas xa estamos a dar un paso adiante. Cando cheguei de Londres, que foi unha medalla completamente inesperada, o que dicía era que independientemente dos resultados, para min o agasallo era chegar a uns Xogos, porque fora algo que me custara a vida. Foi un agasallo porque non todo o mundo pode estar aí. En Galicia hai tanta calidade deportiva e tantas medallas, que ata parece sinxelo. E non o é.

"É emocionante ve que a túa historia inspira a outros para acadar o éxito deportivo"

Antes falaba de referentes. Nico Rodríguez dixo que vostede o era para el. Séntese unha referente?
Cada vez un pouco máis. Os meus compañeiros chámanme simplemente para dicilo. Nos Xogos, despois de rematar, moita xente se achegou a min para dicirme palabras que non podía imaxinar. Non só deportistas e non só españois, senón técnicos doutros países dixéronme que era un referente para a súa mocidade. Estes Xogos non me deron unha medalla, pero si me consolidaron á hora de prepararme e chegar con opcións. Todo o mundo internacional da vela mo deixou moi claro, porque todos se achegaron para darme ese discurso. E para min iso foi unha honra, que a xente queira imitar os meus pasos para chegar arriba quere dicir que triunfei. Faime feliz poder deixar un pouquiño do meu legado. Síntome deportista, pero nalgún momento decidirei cambiar a miña vida e oxalá que todo o que fun descubrindo poida axudar aos meus compañeiros. Iso sería un orgullo. Todos os olímpicos españois me ofreceron palabras motivantes e entre eles, Nico, por suposto.

Debe ser moi emocionante.
No momento no que estás máis emocionada, chega dentro. Quedei impresionada da repercusión que tiña a miña historia deportiva dentro do mundo da vela, que moitas veces non vai acompañada de resultados. É incrible ver canta xente segue a túa forma de traballar e é algo do que podo estar orgullosa e que me fixo chegar a tres Xogos, con tres equipos diferentes en dúas clases distintas, cunha VOR polo medio, e sempre con opcións de medalla... Non todo o mundo ten a posibilidade de chorar un cuarto posto olímpico. É sorprendente que compañeiros che adiquen esas palabras: non só Nico, senón Teresa Portela, Javi Gómez Noya… referentes cunha carreira incrible. É emocionante ver que a túa historia inspira para poder acadar o éxito deportivo.

Emocións

"Os deportistas non eliximos a presión, xestionámola"

Dalle moito valor ao psicolóxico?
Moitas veces se di que os deportistas non poden sentir presión. Os deportistas non a eliximos, como tampouco todas as nosas emocións, que son tan humanas. Forma parte do noso deporte. O que procuramos é dispor de ferramentas para xestionar a presión. Temos todo o dereito a sentirnos como nos dea a gana, xa que somos humanos. E hai que ser moi valente para falar das emocións como o fan moitos deportistas.

Cre que hai falta de conciencia da afección ao respecto da vulnerabilidade do deportista?
O afeccionado non pode coñecer exactamente o que sentimos, porque non está dentro do deporte e debemos ser nós os que temos que falar diso con naturalidade. Non todo o mundo é tan valente como Simone Biles para dicirlle ao mundo enteiro: "isto é o que acontece comigo". As lesións forman parte dunha carreira deportiva e ninguén di "non podes mancarte". Pero hai todo tipo de doenzas que curar, e ás que afectan á cabeza están entre elas. Os deportistas que falan con esa naturalidade sobre eses temas empregan esa mesma naturalidade e forza para facer vibrar aos afeccionados. Os deportistas non eliximos, só xestionamos. Hai que normalizar iso: permitirá que a xente poida entender a complexidade do mundo do deporte profesional.

Percibe unha evolución na súa xestión das emocións?
Levo moitos anos con psicólogos deportivos. A cabeza é unha ferramenta máis que podes utilizar e ten moita máis fortaleza do que poidas imaxinar. Descubrino na Volta ao Mundo. Cría que tiña un límite bastante alto, porque son moi traballadora, pero na VOR vin claro que o límite estaba moito máis alto do que eu mesma cría. Cando comezas nisto, tes menos que xestionar, pero cando comezas a obter resultados, as expectativas que se xeran arredor medran. Moitas veces, veñen con moita carga positiva, porque a xente quere o mellor para ti, pero aínda así non ten toda a información para saber se estás preparada para acadar os resultados. Cada vez estou máis formada psicoloxica e fisicamente, aínda que teña máis idade, porque traballo moito para ser mellor cada día.

Futuro

"Imos darlle protagonistmo ao tempo antes de decidir"

Pensou xa no seu libro de ruta a partir de agora? Está Paula Barceló nese futuro?
Non sei cara onde tirarei no futuro. A complicidade que teño con Paula Barceló é moi grande, ao igual que a que tiven con Berta (Betanzos), Sofía (Toro) e Ángela (Pumariega) anteriormente. Non sei se haberá máis ciclos olímpicos, pero si que teño claro que quero seguir activa como regatista. Debo pensar que portas abrir e que proxectos afrontar. Na miña cabeza hai proxectos con Paula. Pero teño que descansar un pouco. Aínda non tomei ningunha decisión.

A París só hai tres anos máis…
O ciclo acurtouse. Son dous anos de duro traballo. Pero hai que ter a seguridade necesaria para adicarlle tanto tempo para chegar e facelo con opcións. É un traballo moi laborioso e hai que telo moi claro. O tempo é preciso para todo: para aprender, para conseguir obxectivos e para sobrepoñerse. Imos darlle protagonismo ao tempo antes de tomar unha decisión.

O ciclo olímpico tan longo antes de Tokio, axudoulles ou prexudicoulles?
Canto a rendemento foi unha axuda. Comecei a adestrar con Paula no verán de 2018. En 2020 logramos o Mundial, pero sabíamos que tiñamos puntos febles. Eses meses de máis foron excepcionais á hora de atacalos. Compartimos adestramento con Fede e Artur Alonso, antigos competidores de 49er que tiñan un coñecemento do barco incrible. O traballo foi excepcional e puidemos loitar polas medallas, independentemente das condicións na auga. Paula e máis eu eramos boas con moito vento, pero as nosas condicións físicas afectábannos en situación de pouco vento. Puidemos traballar iso para poder estar coas cinco primeiras en situacións de vento frouxo. A nivel psicolóxico foi duro para todo o mundo. Vivir na incertidume continua -mesmo a tres meses dos Xogos non sabiamos se se celebrarían-. Saías á auga como se os houbese, pero sen a certeza de que fose así. Foi un reto. Non é doado navegar na incertidume. Os regatistas estamos máis preparados que outros deportistas, porque non sabemos se o vento vén ou vai, pero hai que saber xestionar esa situación de vivir nunha balsa de incertidume. Para iso, o papel do psicólogo deportivo foi fundamental.

Támara Echegoyen: "Non todo o mundo ten a posibilidade de chorar un...
Comentarios