Álex Fernández, a fichaxe máis agardada para o Pontevedra

O xogador adestra de novo trala lesión que sufriu en outono ▶ O centrocampista pídelle "ambición" ao 2019 e que a saúde respecte ao equipo granate

Álex Fernández, este xoves sentado no banco do campo de Chan do Monte de Cerponzóns. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Álex Fernández, este xoves sentado no banco do campo de Chan do Monte de Cerponzóns. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Durante as primeiras semanas da súa lesión, Álex Fernández erguíase ás sete da mañá tódolos días para afrontar unha nova xornada de rehabilitación. Realizaba tarefas de recuperación na piscina ás ordes do fisioterapeuta do Pontevedra, Manu Barros. Logo acudía ao ximnasio e exercitábase na sala de máquinas en soidade, á mañá e á tarde. Así pasaba tódolos días. "Parecía que estaba moi lonxe do equipo e do retorno".

Fernández vivía afastado dos focos e do protagonismo, cunha única idea na súa mente: retornar canto antes aos campos de fútbol.

O seu traballo surtiu efecto, porque o centrocampista foi quen de cumprir cos prazos máis optimistas de regreso aos terreos de xogo.

Fernández mancouse o sábado 13 de outubro, no último adestramento que o equipo granate levou a cabo antes do seu partido contra a Ponferradina en Pasarón. Os servizos médicos do Pontevedra diagnosticáranlle unha rotura de fibras con desgarro, que lle afectara tamén ao tendón. De 12 a 16 semanas fóra do verde. Este sábado cúmprense as doce e Álex xa está de volta.

Sabía que era algo gordo que me obrigaba a traballar desde o primeiro día para recuperar con plenas facultades

O ourensán completa as sesións preparatorias ao mesmo ritmo dos seus compañeiros no campo de Chan do Monte de Cerponzóns. Xa deixou atrás o túnel. "Estou feliz, porque parecía moito máis do que finalmente foi", explica aliviado o medio centro granate, que se pon a proba día a día e vai superando etapas. "Fixen movementos similares aos que me vai esixir a competición e o corpo responde. Atoparme tan ben dáme ese puntiño moral para seguir traballando".

O futbolista armouse de paciencia desde o momento no que rompeu. "Sabía que era algo gordo que me obrigaba a traballar desde o primeiro día para recuperar con plenas facultades".

Xa tiña unha experiencia similar. Hai tres temporadas sufrira unha rotura fibrilar da que tamén foi quen de recuperarse en tempo récord.

A diferenza era que "neste caso quedou afectado o tendón. Asustábame a recuperación, que quedase ben. Dábame respecto".

Dá rabia non poder axudar, ter que velo desde a bancada e non poder darlles consellos aos compañeiros

A chave para o retorno, para gañarlle tempo ás lesións, é a fortaleza mental ante os grandes períodos apartado dun vestiario. "É o máis complicado. Estás habituado a facer bromas cos compañeiros e pasar moito tempo con eles e, de súpeto, non os ves nunca".

E tampouco pode participar nos encontros, nin colaborar ao bo ambiente, nin animar, nin bromear. Nada. "Dá rabia non poder axudar, ter que velo desde a bancada, non poder darlles consellos aos compañeiros como capitán que son, non poder estar no día a día para poder guialos, como digo eu... Pero agora xa estou de volta".

E de regreso a un colectivo que paga a pena, que é unha das chaves de que o Pontevedra compita cos mellores da Segunda B.

"Hai unha amizade sincera. Cada un é fillo de seu pai e de súa nai, pero o ambiente é espléndido. Estiven en moitos vestiarios. Levo 13 anos na Segunda B e sei que á hora da verdade, un bo ambiente tradúcese en puntos que te poden facer un pouco máis grande ao remate da temporada".

Estiven en moitos vestiarios. Levo 13 anos na Segunda B e sei que un bo ambiente se traduce en puntos

De cara ao novo ano, Fernández non descarta nada. O Pontevedra ten que aspirar ao máximo "Cada quen pode ter a súa opinión. Temos que ser ambiciosos. O club está a traballar moi ben, tanto dentro como fóra do campo".

E tamén lle pide a 2019 o máis importante, saúde. "Que as lesións nos respecten. Que a que tiven non me cause máis problemas e que poida achegar o máximo desde dentro do campo".

Más en Deporte Local Lugo
Comentarios