Manuel Romay: "Non hai outro sitio mellor"

O xogador recoñece que o proxecto do Pontevedra e a grandeza do club granate foron claves para a súa fichaxe ►"Non nos mentiron. Hai un equipo para ilusionar, para intentar quedar o máis arriba posible", admite o media punta de Malpica

Romay durante o adestramento de onte na Xunqueira. DAVID FREIRE
photo_camera Romay durante o adestramento de onte na Xunqueira. DAVID FREIRE

Jorge Manuel Romay é deses xogadores que acaban formando parte dun club por convicción, case por romanticismo. Fala das lembranzas das súas orixes no mundo do balompé de Segunda B, cando José Ramón lle deu as primeiras oportunidades para competir na categoría de bronce, no Montañeros. Daquela compartía vestiario con Adrián Mouriño.

Aquel Pontevedra débelle moito a el e a tódolos seus compañeiros da tempada 2009-10, na que os granates alcanzaron o play-off grazas á igualada do Montañeros contra o Deportivo Alavés na antepenúltima xornada de liga, cando vitorianos e pontevedreses pelexaban polo cuarto lugar da clasificación. Aquela igualada en Mendizorrotza mantiña vivo ao PCF, que venceu os seus tres últimos partidos e logrou o pasaporte para a promoción. "Aquel Pontevedra era un equipazo", lembra Romay para expresar as motivacións da súa fichaxe. "Aínda que pasou uns anos en Terceira, quere volver quedar arriba. En Galicia non hai outro sitio mellor. Por iso me gustaba tanto a idea de vir".

"Enfronteime moitas veces ao Pontevedra e vin moitas veces a Pasarón. É un equipo grande da Segunda División B"

No resto da Comunidade Autónoma, o PCF é un conxunto respectado, admirado pola súa historia e a súa afección, pola súa repercusión social. "Enfronteime moitas veces ao Pontevedra e vin moitas veces a Pasarón. É un equipo grande de Segunda B nestes momentos. Oxalá poida selo doutra categoría, pero agora mesmo ten que loitar polo máximo dentro desta liga. Ten un estadio que é do mellor do grupo, unha afección que o acompaña e que cada vez que viña aquí non paraba de berrar en todo o tempo. E agora teño a sorte de tela a favor, non en contra", comenta Romay cun sorriso nos beizos.

"Na Coruña estaba moi cómodo, na casa, nun equipo ao que quero pero precisaba unha nova motivación"

ILUSIÓN. O media punta de Malpica fichou por ambición e por ilusión. Fixo forza para obter a carta de liberdade do Deportivo porque lle gustaba a cor granate.

"Cando acabei a tempada, decidín que se tiña unha proposta coma esta debía saír do Fabril. Alí xa rematara unha etapa. Na Coruña non ía mellorar máis. Estaba moi cómodo na casa, nun equipo ao que quero, pero precisaba unha nova ilusión, unha nova motivación para poder pensar en chegar á Segunda División. Sei que é moi difícil, pero hai que intentalo", admite. E o seu pensamento cumpriuse. O director deportivo do Pontevedra, Roberto Feáns, púxose en contacto con el.

"Nada máis rematar a liga, chamáronme. Faláronme do proxecto e gustoume".

Co paso das semanas de prospección no mercado, os nomes que estaban na lista do club granate fóronse traducindo en fichaxes. Antes de onte, Romay coincidiu con eles en persoa na presentación do equipo e confirmou que o club granate ía en serio.

"Coñecía a tódolos compañeiros de xogar contra eles ou mesmo con eles. Non nos mentiron co proxecto. Hai un equipo para ilusionar, para quedar o máis arriba posible. Despois, nunca se sabe, porque os demais rivais tamén xogan. Espero que tanto eu a nivel individual como todo o equipo esteamos ao nivel adecuado para intentalo", confirma.

Comentarios