martes. 17.09.2019 |
El tiempo
martes. 17.09.2019
El tiempo

Álex Fernández: "Non xogar este ano non me asusta"

Álex Fernández no último adestramento do Pontevedra desta temporada. GONZALO GARCÍA
Álex Fernández no último adestramento do Pontevedra desta temporada. GONZALO GARCÍA

Sentará co PCF entre este venres e os próximos días para avanzar na renovación

Ao remate da pasada temporada, Lupe Murillo asegurou que mentres ela fose a presidenta do Pontevedra Club de Fútbol, Álex Fernández e Mouriño sempre terían a posibilidade de vestir a elástica do primeiro equipo granate. De momento, a máxima mandataria cumpre coa súa promesa. Co xogador porriñés renovado o pasado mes de xaneiro, cando marchou cedido ao Rápido de Bouzas coa fin de deixar libre unha licencia sénior para a chegada de Borja Domínguez, xa cumpriu. Con Álex Fernández vai camiño.

O futbolista ourensán tivo unha primeira toma de contacto coa entidade na que os responsables da xestión deportiva lle transmitiron a súa intención de prolongar os vínculos por un exercicio máis.

A presidenta asegurou que, con ela no cargo, Álex sempre tería oferta de renovación

"O club manifestoume que conta comigo. Quedamos en falar estes días". O xogador confía en poder sentar de novo co responsable da área deportiva do consello de administración granate, Roberto Feáns, para seguir cos diálogos de cara á súa continuidade para o próximo exercicio. Como sucedeu cunha gran parte dos membros do colectivo, o Pontevedra aínda non lle trasladou ao futbolista unha proposta formal.

"Non me realizaron unha oferta concreta, pero comentáronme que era home de club e como tal falamos para que soubese que estaban interesados en que renovase outro ano máis", matizou o propio implicado ao respecto.

O club expresoulle que conta con el, pero aínda non lle pasou unha proposta formal

Fernández ve con bos ollos a súa permanencia coa casaca granate, aínda que non quere poñer o carro antes cós bois, porque sempre hai aspectos que convén negociar. "Hai que sentar a falar para concretar algúns detalles", explicou con tono enigmático.

A escaseza de partidos nos que actuou no curso que vén de concluir non é un tema que teña en consideración. "Tampouco me preocupa excesivamente iso. Xa levo catro temporadas no Pontevedra. É certo que non tiven demasiados minutos nesta temporada, pero pasei case cinco meses lesionado. Cando me recuperei, o equipo estaba nun bo estado de forma, gañando, e non era sinxelo facerse un oco no once. Pero creo que non teño nada que demostrar despois do tempo que levo aquí. No caso de renovar por outra temporada non me asustaría o feito de que non xogase demasiado na pasada".

Álex Fernández leva xogados máis dun centenar de partidos oficiais como granate

Despois de catro campañas co Pontevedra na Segunda División B, con momentos de máis ou menos protagonismo, pero con máis dun centenar de partidos oficiais ás costas, dos cales case cen foron na liga, Fernández considera que a súa traxectoria o avala.

"Eles saben que se só estivese unha temporada no Pontevedra, a situación sería outra. Pero ao levar tanto tempo aquí, xa tiven tempo de abondo para demostrar o que podo dar".

Álex Fernández: "Non xogar este ano non me asusta"
Comentarios