O Pontevedra ten proxecto

O club está próximo á renovación dunha ampla estrutura do bloque da pasada temporada e traballa nas dúas primeiras incorporacións ▶ A entidade notificoulle a Pibe que non conta con el para o próximo curso e buscará alternativas a Rubén Ualoloca na portería

O plantel do Pontevedra carrexando a portería durante un adestramento en Pasarón. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera O plantel do Pontevedra carrexando a portería durante un adestramento en Pasarón. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O Pontevedra está cociñando a lume lento o verán no que se prevén menos incorporacións da historia recente do club. O proxecto da entidade granate construirase sobre unha densa base do exercicio precedente. A institución, ademais, ten avanzadas as conversas con dous futbolistas que poderían engrosar o seu plantel no próximo exercicio.

Unha das principais novidades do comezo da semana é a notificación oficial a Pibe de que non entra nos plans deportivos do club. A separación dos camiños do arxentino de Cambados e do equipo da cidade do Lérez é por acordo mutuo, xa que nin a entidade nin o deportista estaban polo labor de ampliar a súa relación contractual despois da última campaña. O estremo esquerdo tivo un papel secundario nos plans de Luismi nun plantel no que ademais había moita competencia na banda, coa presenza de Álex González, Pedro Vázquez, Javi López ata decembro e Álvaro Bustos desde febreiro.

Ese feito, unido a que deixará de ser xogador con licencia sub-23 na próxima campaña, complicaban as súas posibilidades de dispor de oportunidades de prolongar a súa estancia en Pasarón, algo que, por outra parte, el tampouco pretendía.

O club non mellorará a proposta que lle fixo a Rubén Ualoloca, que aspira a mellorar deportivamente lonxe de Pasarón

Pibe súmase a Arruabarrena e Nacho Lorenzo na lista de baixas seguras, á que tamén se unirá Rubén Ualoloca con case total probabilidade. O arqueiro madrileño dispón dunha proposta formal de renovación por parte do Pontevedra, pero non a vai aceptar, xa que dispón doutras opcións que considera máis atractivas desde un punto de vista deportivo ou económico. O Pontevedra non ten a intención de mellorar a oferta inicial, polo que as partes parecen condenadas a afastarse. O gardarredes só disputou un partido de Liga, contra o Real Madrid Castilla, e foi titular na Copa Federación.

O club disponse a buscar porteiro sub-23 no mercado, seguindo a tradición dos últimos catro anos, nos que sempre renovou o gardamallas que competía con Edu Sousa pola titularidade.

Acertar cun dianteiro que compita polo posto con Javi Pazos é unha prioridade para a entidade granate de cara ao próximo exercicio

No apartado positivo, as negociacións coa meirande parte dos outros futbolistas que dispoñen dunha proposición de continuidade están a piques de pecharse e poderían oficializarse nos próximos días. O caso de Kevin Presa, pendente da aparición de clubs de maior categoría, é o que máis se podería dilatar. Están moi ben encamiñados os casos de Nacho López, Víctor Vázquez, Berrocal, Campillo, Álex Fernández e Álex González, aínda que nin os deportistas nin os responsables do club ofreceron moitos detalles.

Pero ademais, o Pontevedra comezou a busca de reforzos para o curso próximo. A institución ten avanzadas as conversas con dous futbolistas. A prioridade do club é un dianteiro que lle permita dar un salto de calidade de cara ao curso seguinte.

O club debe atopar un compañeiro de viaxe que unir a Javi Pazos no próximo curso e xa traballa nesa dirección.

A entidade quere moverse con axilidade no mercado para dar forma ao plantel do curso 2019-20. A institución tamén quere contar cos irmáns Juan e Jesús Barbeito, aínda que o futuro dependerá do desexo de ámbolos dous.

A requisa de bandeiras estreleiras en Pasarón volve ao Parlamento

A través dunha pregunta ao goberno, o parlamentario do BNG Luís Bará denunciou as requisas de bandeiras galegas estreleiras e outros símbolos de identificación política, nos estadios galegos, a pesar de non existir a prohibición para exhibir estes símbolos. Entre eses estadios atópase o de Pasarón.

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, respondeu que "nun espectáculo deportivo, as bandeiras a enarborar han de ser as deportivas. Respectando o exercicio lexítimo da liberdade de expresión, para a Xunta de Galicia os símbolos políticos non teñen o seu mellor acomodo nos espazos nos que se desenvolve o deporte porque, para nós, os seus valores de unión, e cohesión social prevalecen sobre o que nos separa", concluíu.

Más en Deporte Local Pontevedra
Comentarios