16 de outubro, día de Reyes

O medallista mundial e campión de Europa Reyes Estévez participará no Medio Maratón Gran Fondo Caixabank de Pontevedra
Reyes Estévez nunha das súas últimas aparicións internacionais
photo_camera Reyes Estévez nunha das súas últimas aparicións internacionais

Reyes Estévez será a estrela convidada do medio maratón de Pontevedra. O atleta barcelonés correrá a proba o domingo 16 de outubro competindo cos mellores especialistas de Galicia e da contorna. Ademais, tamen estará presente no recoñemento do circuito que terá lugar o venres previo á carreira ás 20:30 horas. A presenza de Estévez será un importante reclamo para os amantes do atletismo na primeira edición da proba na que imperará a completa normalidade. 

Estévez foi un dos principais expoñentes do medio fondo español durante o remate do século XX e o comezo do século XXI. Un dos atletas máis laureados da historia de España, posúe as medallas de bronce nos Campionatos do Mundo de Atenas 1997 e Sevilla 1999 ao aire libre e a prata indoor en Lisboa 2001. Ademais, foi campión de Europa en 1998 en Budapest e Prata en Munich 2002. 

O seu grande debe foron os Xogos Olímpicos, xa que en Sidney 2000 non foi seleccionado pola Federación, aducindo que tivera peores marcas ca outros compatriotas, como Redolat, Higuero e Andrés Díaz, que foron os escollidos, mentres que en Atlanta 1996 era aínda moi novo e en Atenas 2004 estivo lonxe dos metais, malia meterse na final. 

Dous bronces europeos indoor no Europeo de Madrid 2005 en 1500 e 3000 metros puxeron fin á súa colleita. Estévez conta coa invitación da organización para participar na carreira. Estévez non acudirá só a participar, senón que será un dos principais candidatos para subir ao máis alto do podio. 

A proba contará tamén co salto ao Medio Maratón de Carlos Porto e a procura do récord de Manuel Hurtado, se o técnico e atleta da Sociedad Gimnástica compite finalmente como tiña previsto.

Unha das novidades desta edición será o nacemento de dúas carreiras de 250 e 750 metros para os miúdos

A grande novidade da media maratón de Pontevedra desta edición, na que regresa a normalidade e non se producirán saídas escaladas en dúas quendas como aconteceu no curso pasado, é a creación dunha proba para os máis novos.

Haberá dúas carreiras en función dos diferentes grupos de idade. A dos cativos, disposta para os nados en 2016 ou máis tarde, de 250 metros e que se levará a cabo nas pistas do CGTD. Os miúdos poderán ir acompañados por un adulto para faceren o percorrido.

E por outra banda, a dos nados entre 2005 e 2015, ambos anos inclusive, denominado Mini Gran Fondo, que partirá desde a ponte dos tirantes e accederá ao estadio pola entrada da rúa Fernando Olmedo coa fin de percorrer 750 metros. Ámbalas dúas probas supoñen unha grande novidade e amplían o cartel dunha proba que desta maneira pecha o círculo cun programa ao que só lle resta por dispor dunha distancia de maratón. 

Más en Deporte Local Pontevedra
Comentarios