O Cisne Mundo de Sepo derrotou con claridade ao Basauri na segunda xornada do sector e mantén vivas as súas opcións de conseguir o pasaporte para o Campionato de España. O equipo pontevedrés precisa gañar este domingo á mañá contra o Ikasa Madrid na última xornada e que non o faga o Galdar perante o Basauri. No caso de os canarios venzan, o conxunto da cidade do Lérez precisaría unha goleada por sete ou máis goles fronte ao seu contrincante para lograr o seu propósito.
A escadra da cidade do Lérez foi moi superior ao seu rival do sábado. O inicio do partido estivo equilibrado e mesmo o conxunto vasco estivo por diante no marcador, grazas ao acerto desde o pivote e o extremo. O Cisne tiña problemas para atopar opcións claras de lanzamento e chocaba constantemente contra a seria defensa rival. De tal maneira viuse cun 2-4 no marcador xa superado o minuto dez.
A partir de aquel momento, os dous equipos entraron nunha fase de erros nos lanzamentos, perdas e malas decisións que provocaron que no minuto 15 o tanteador rexistrase un 4-4.
Foi daquela cando o Cisne Mundo de Sepo deu un paso adiante e rachou o marcador. A aparición do latigazo de Xoán Lago desde o lateral esquerdo unido aos roubos e contras do colectivo lerezano levaron o duelo a un 9-4 que deixaba a situación moi favorable aos brancos. Non tardou en unirse á festa Adrián Lago coa súa movilidade e habilidade en primeira liña para atopar a liña de seis metros. Nun intre, o partido estaba practicamente sentenciado con diferenzas moi amplas (13-6) ao descanso para os locais.
Na rotación do bloque cisneísta volveu aparecer outro dos laterais esquerdos, Pablo Pazos, para exhibir músculo desde a liña de nove metros. Mención especial para a calidade nas accións de 2 por 2 co pivote, Pedro Ángel, moi resolutivo na finalización.
O segundo acto moveuse sempre con absoluto control tanto no marcador como no xogo por parte da escadra preparada por Pablo Sixto, que ata ben entrada a segunda metade dobraba no marcador ao Basauri. A situación facilitou a rotación dos xogadores do equipo lerezano que puideron gozar do partido diante da súa afección.
Hoxe, ás doce, comezará o partido que servirá para resolver o torneo. O Ikasa parte coa vantaxe da súa contundente vitoria contra o Galdar no caso dun triple empate a catro puntos. Ao Cisne convenlle a derrota ou empate do cadro canario fronte ao Basauri para que lle baste o triunfo.
Eskubaloia Basauri: Iker Juan, Maren Mazo (1), Igor Castiñeira, Eneko Gutiez (4), Beñat Concha (1), Mauro Gallego (1), Ismael Indjai (7) -sete inicial- Julen Montero (1), Asier Martínez, Unai Juan, Alexánder Casanova, Galder Cartón, Igotr Gallego e David Prado.
Árbitros: Rosete Blanco e Giganto Blanco. Excluiron con dous minutos a Ismael Indjai.
Marcador cada cinco minutos: 2-1, 3-4, 4-4, 9-5, 12-6; descanso; 15-7 18-10, 20-10, 24-14 e 28-15.
Incidencias: Partido correspondente á segunda xornada do sector nacional A infantil disputado no Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra ante 300 espectadores.