28-27. Vinicius tingue de azul o derbi

Un gol do brasileiro dálle a vitoria ao Lirón Teucro contra o Bueu na última acción do duelo ▶ O partido estivo cargado de polémica, friccións, igualdade e emoción
Un lance del derbi DAVID FREIRE
photo_camera Un lance del derbi. DAVID FREIRE

Un misil de Vinícius cando restaban seis segundos para rematar deulle o triunfo ao Lirón Teucro contra o Bueu Atlético nun intenso, emocionante, polémico, bronco e entretido derbi. Un derbi con ambiente de derbi na bancada. En resumo, un derbi como está mandado, como se fose un derbi entre veciños de toda a vida, aínda que un deles, o Teucro, acabe de chegar ao barrio.

O equipo de Irene Vilaboa sempre foi por diante no marcador, malia os diferentes obstáculos que tivo que sortear desde o primeiro minuto. Acababan de comezar a berrar as gorxas das dúas afeccións cando Marko Dzokic foi abatido nunha penetración e levou un forte golpe nas cervicais que o mandaron ao banco todo o primeiro tempo. Estaba a sentar o central azul e, de socato, Álex Sánchez mancouse nun dedo e non puido voltar xogar (saíu para lanzar un par de sete metros naquel estado. Meteu o primeiro, errou o segundo. Aquilo non marchaba).

Na primeira parte, intercambio de goles e estilos. O Teucro sostíñase sobre os ombreiros de Caue Herrera, imparable: goleaba, forzaba sete metros e asistía para levar a un 12-6 á escadra de Irene Vilaboa. Pero os buenenses reaccionaron cun 0-4 con accións á contra e de contragol como gran argumento, e coa mobilidade diabólica de Brais López e Roque Arias na primeira fila. Algunha boa parada de Martín Fernández ante as finalizacións desde os extremos visitantes mantiña o Lirón Teucro por diante no descanso cunha marxe de tres dianas, 13-10.

No segundo acto cambiaron os protagonistas. O Bueu Atlético tapiou a liña de seis metros para Caue, así que Xurxo Rivas e Vinícius colleron o testemuño.

Pero Roque Arias estaba a volver tolo ao Lirón, e iso sumado a unha sucesión de exclusións e accións polémicas, cun lanzamento de José López á cara de Martín Fernández, baixou o partido ao barro. E nesa lama pantanosa, o Bueu pareceu moverse con máis xeito e igualou o partido (22-22, gol de Pedro Sánchez, ex xogador azul).

Así a todo, os locais recuperaron unha vantaxe de dous tantos coas primeiras e únicas dianas de Marko Dzokic, que retornou no segundo acto á cancha para intentar poñer cordura.

Nos últimos minutos o Bueu non errou, Yeray Simes parou e o duelo igualouse a 27 a minuto e medio para acabar. Na seguinte acción, Blond enviou o balón ao poste sen ángulo, nunha penetración cara o extremo dereito. Na acción seguinte, Brais López precipitouse nun un contra un e rematou contra o pao azul.

E na última bóla teucrista, Dzokic abriulle camiño a Vinícius e o brasileiro fixo o 28-27, deixando con seis segundos de posesión a un Bueu, que reecibiu falta e foi forzado a un 9 metros a crono parado que resultou infrutuoso.