42-33. O Cisne sobe outro chanzo

O equipo pontevedrés derrota ao Cultural Covadonga e achégase ao Campeonato de España
Breixo Fentanes celebra un dos goles que logrou no partido. RAFA FARIÑA
photo_camera Breixo Fentanes celebra un dos goles que logrou no partido. RAFA FARIÑA

O Cisne Los Sauces escalou un chanzo máis en dirección á fase final do Campionato de España, despois de derrotar ao Grupo Covadonga de Xixón por 42- 33 na segunda xornada do seu sector. Ademais, o triunfo do Gáldar sobre o teórico favorito do grupo, o Ademar León, permítelle á escadra de Óscar Arosa ter un pequeno colchón de cara á ultima xornada, na que lle vale o empate fronte os leoneses e, se vence o Galdar perante o Grupo Covadonga no partido anterior, ata unha derrota por un tope de dous goles.

O duelo estivo máis equilibrado do que reflectiu o marcado final. De feito, o Cisne viuse cun 2-5 en contra aos poucos minutos de xogo mercede á falta de puntería dos seus finalizadores e a actuación do porteiro asturiano Nicolás Menéndez. O Grupo corría e acertaba para fuxir no electrónico.

A solución foi inmediata, cun 5-0 de parcial cisneísta, amparado no incremento da tensión defensiva, as perdas do rival, o bo facer de Hugo Casal na porta e a aparición de Xoán na primeira liña. O Grupo sobrevivía coa conexión cos seus pivotes ante as dificultades desde os nove metros, pero na portería de enfronte o ataque posicional do Cisne facíase eficaz. O cadro pontevedrés tiraba de carácter e poderío físico para marchar no tanteador ata un 14-9.

Un tempo morto visitante mudou a dinámica do duelo e, mediante unha mixta a Xoán e a recuperación da orde ofensiva, os asturianos chegaron con viva ao descanso (18-16).

De volta dos vestiarios, unha dobre mixta pola dobre inferioridade do Cisne permitiulle ao Grupo acabar de darlle a volta ao resultado (21-22). O Cisne pasou os peores minutos, con dificultades para trenzar xogo ofensivo, correr e atinar coa porta nas finalizacións.

As dúbidas remataron en canto o bloque branco foi quen de defender e correr, coa frecha Pedro Fernández executando os roubos conseguidos por Roi García na zona avanzada ou na liña do 6-0.

Un parcial de 5-0 (27-23) devolveulle a dianteira aos lerezanos no envite. E desde ese momento, o duelo estivo controlado para eles ata nos momentos finais, nos que o equipo xixonés se colocou en defensa individual na procura de roubar e buscar unha remonta á desesperada. Non se produciu e mesmo se incrementou a diferenza ata o enganoso 42-33 que non fixo xustiza aos méritos amosados polo Grupo. Hoxe, contra o Ademar León, ás 12:00, a resolución do sector para os cisneístas.
 

FICHA TÉCNICA
42.- Cisne Los Sauces: Hugo Casal, Xoán Fernández (9), Manuel Lorenzo (1), Pedro Fernández (8), Adrián Rey (2), Manuel Hernández (8) e Roi García (6) -sete inicialAntón Rodríguez, Mauro Lago, Mateo Castro (2), Miguel Domínguez (1), Breixo Fentanes (5), Adrián Pérez, Roque Díaz, Pablo Pazos e Mateo Monteagudo.
33.- Grupo Covadonga: Nicolás Menéndez, Martín Rubiera (3), Adrián Frade (6), Samuel Arias (6), Miguel Pujades (8), Matías de la Puente (2) e Iker Fernández (4) -sete inicial- Nicolás Menéndez, Rubén López, Mateo Gallego, Jaime Marín (3), Pablo Pastrana, Jorge Alias, Carlos Canal (1) e Juan Arribas.
Árbitros: Fernández Fernández e Ruiz López. Excluiron con dous minutos a Mauro Lago, Xoán Fernández, Adrián Rey, Manuel Hernández e Roi García por parte do Cisne Los Sauces e a Carlos Canal e Adrián Frade (2) por parte do Grupo Covadonga.
Marcador cada cinco minutos: 2-2, 4- 5, 9-7, 14-11, 17-13, 18-16, 21-21, 25-23, 29-25, 33-27, 36-30 e 42-33.
Incidencias: Partido da segunda xornada do sector cadete A disputado no Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra diante de 400 persoas.

Comentarios