O Balonmán Lalín necesita 60.000 euros máis para saír na División de Honra Prata

O equipo traballa para atopar un incremento de ingresos que lle permita competir na segunda categoría nacional
Unha imaxe dun partido do Embutidos Lalinense. GONZALO GARCÍA
photo_camera Unha imaxe dun partido do Embutidos Lalinense. GONZALO GARCÍA

Entre 50.000 e 70.000 euros a maiores no orzamento. Son os cálculos que fai o Balonmán Lalín mirando cara un futuro sostible na División de Honra de Prata, categoría á que logrou voltar máis dun cuarto de século despois tras acadar o ascenso por vía federativa, ao ser o mellor equipo do Grupo 1 de Primeira Nacional ata o parón pola Covid-19.

En condicións normais, o incremento da cantidade semellaría asumible. Pero ao atoparse no medio dunha pandemia sanitaria con repercusións económicas, as dúbidas no aspecto monetario aparecen no Lalín e en moitos outros clubes. "Imos saír na Prata. Agora mesmo diría que si. Pero é evidente que a pandemia fai que haxa moitas cousas no aire. Estamos agardando a atopar máis certezas, como se se vai poder competir ou se vai poder haber público nos pavillóns", expresa Mario López, presidente do conxunto dezano.

"Hai moita incertidume pola pandemia, pero contamos cos nosos patrocinadores e coas institucións", sinala o presidente do club

A día de hoxe, a entidade lalinense ten claro que dos 120.000 euros que orzamentou esta campaña ten que pasar a preto de 200.000. E todo dependerá de se, finalmente, as empresas privadas e institucións, seguen ao lado do club, como así semella que será: "É cedo para dicilo, pero temos o compromiso de que si estarán con nós. O Concello comprende a enorme publicidade que supón levar o nome de Lalín por toda España. E os tres principais patrocinadores, Embutidos Lalinense, Coreti e Clínica Deza, pretenden seguir aportando malia a pandemia".

Deste xeito, se a inversión medra como é de agardar, o Lalín poderá voltar competir na Prata, aínda que sexa cun modelo de dous grupos que non termina de aliviar no eido económico: "Está ben o tema de dividir por grupos, pero se finalmente se xoga logo unha segunda fase, os desprazamentos haberá que asumilos igual".

O que si teñen claro na entidade é que a filosofía será a mesma que levou ao equipo ata a segunda categoría nacional: "O adestrador Pablo Cacheda aínda ten que falar cos xogadores, pero teremos o compromiso de case todos malia que a competición é máis esixente. Se é así, faremos moi poucas fichaxes en principio. E seguiremos sen pagar salarios, pero si primas por vitorias".

Derbi. "Xogar contra o Teucro pode ser o evento do ano"
O presidente do Embutidos Lalinense, Mario López, sinala que o ascenso é "un premio ao traballo ben feito". "Ascendemos con xente toda da casa. O primeiro equipo é espello para moitos rapaces. O balonmán en Lalín fai unha labor social moi grande", apunta.

Se finalmente é aberta ao público (os socios pagarán a mesma cota), a vindeira campaña traerá un derbi co Teucro que "pode ser o evento do ano", declara López.

Comentarios