viernes. 28.02.2020 |
El tiempo
viernes. 28.02.2020
El tiempo

A aldea global de Pasarón

O Pontevedra de 2019-2020 recupera o acento estranxeiro coa presenza de catro futbolistas de países diferentes ▶ O conxunto granate contou con máis de 50 xogadores foráneos no seu primeiro plantel no que vai de século XXI

O Pontevedra de 2019-20 é un dos máis exóticos da historia. O conxunto granate volveu abrir a porta á globalización coa incorporación de xogadores de diferentes nacionalidades. Catro futbolistas do plantel proceden de países estranxeiros: Alfredo Mejía, Sana N'Diaye, Adighibe e Jaouad Erraji. Honduras, Senegal, Nixeria e Marrocos son as nacionalidades representadas no plantel pontevedrés grazas á presencia deses deportistas.

Tres delas supoñen unha novidade na historia do club granate, xa que é a primeira vez que acceden ao vestiario de Pasarón: Senegal, Marrocos e Honduras. Só Nixeria ten precedentes en Pasarón coas figuras de Michael Yobo e Oladele Ajiboje (o senegalés Sylla xogara no filial, pero non no primeiro equipo). As demais debutan na longa lista de estados que tiveron futbolistas xogando no Pontevedra.

Sosa e Mauricio, os precursores

A irrupción de estranxeiros no club de Pasarón en concreto e na Segunda División B en xeral é un feito máis ben recente. A apertura a outros mercados é máis propia do século XXI que unha tradición histórica. Iso si, sempre hai antecedentes, tanto no club granate como na categoría. Entre os precursores granates destacan un uruguaio e un brasileiro. O charrúa Sosa defendeu os intereses do PCF na etapa do Hai que Roelo, na temporada 1963-64. Pola súa parte, moitos lembrarán ao hispano-brasileiro Mauricio, un dos primeiros traspasos importantes da historia da entidade, ao Castellón nos anos 90, o que supuxo un importante alivio para as arcas do club nunha etapa moi convulsa.

Pero foi neste século cando se abriu a porta de maneira definitiva ao fútbol mundial, por dúas vías: mediante fichaxes de deportistas que militaban no estranxeiro ou máis recentemente a través da incorporación de xogadores xa asimilados na sociedade española e que, a pesar da súa orixe, están formados deportivamente en España. Son os casos de Jaouad Erraji ou Sana N'Diaye.

De Martín Ragg a Paco Bazán

Julio César Capretta, ao que algúns lembrarán como o protagonista dunha das celebracións máis longas da historia do club no partido contra o Mensajero da temporada 2000-01, foi un pioneiro. Nun partido no que chovera a cachón, quitara a camisola, embadurnada en lama, e tardara unha eternidade en volvela poñer, co enfado do árbitro e do rival. Capretta tivera un compatriota aquel ano no vestiario: Martín Ragg. Ragg foi o primeiro estranxeiro que fixo unha longa carreira no equipo pontevedrés, no que estivo unha década en diferentes funcións, entre futbolista e membro do corpo técnico. Hoxe é adestrador de porteiros do Raio Majadahonda.

No curso do ascenso a Segunda División, 2003-04, sumáronse outros futbolistas, como o tamén arxentino Esteban Trasancos e o peruano Paco Bazán, sustituto do daquela mancado Moncho (hoxe adestrador de arqueiros do club).

Charles e a familia

Co ascenso a Segunda División produciuse a contratación de máis foráneos. Sen dúbida, o máis relevante deles foi Charles Días Barbosa. O dianteiro, hoxe por hoxe consolidado en Primeira División, chegou a Pontevedra con 19 anos e marchou despois de seis campañas nas que brillou e se confirmou como un icono da historia recente do club. Tamén apareceron en escena o capitán da Vinotinto, o venezolano José Manuel Rey, o veterán internacional uruguaio Edgardo Adinolfi e outro arxentino máis, Daniel Garipe.

No mercado de inverno de aquela temporada incorporáronse o medio centro arxentino Fernando D'Amico, o central nixeriano Yobo e o talentoso brasileiro Alves.

Os tres supuxeron os alicerces da política de contratación que adoptou o club coa chegada de Alberto Argibay á dirección deportiva e ao banco.

O Pontevedra máis foráneo

No verán de 2005 o club organizou un campus e del xurdiu a figura de Ibrahim Baptiste, que agora mesmo é un pontevedrés e un granate máis. Xunto a el chegaron o gran porteiro francés Bonis e o central Guillaume Dumast, ao que lembrarán por pagar os pratos rotos das estrañas aliñacións de Argibay, disposto a empregalo como medio centro por diante de Fran Rico. O alxerino con pasaporte galo Nasser, o portugués Sérgio Organista, o brasileiro Tiago Belmonte e os primos de Charles, Yuri e Igor (do que o debut sempre será inesquecible, cun hat-trick contra o Celta B en Pasarón) foron xogadores daquel curso.

Mannara, o arxentino das polémicas declaracións contra Gómez Carbazo, árbitro que lle expulsou cinco xogadores ao PCF contra o Raio, xogou aquel ano. O seu compatriota Montenegro só aguantou en Pontevedra media liga. O club tivo un caboverdiano, Tinaia, e un ruso no seu filial, Vladimir Zuy. Os dous son hoxe dous pontevedreses máis. Entre as anécdotas desagradables daquel curso atópase a do único belga granate da historia: Mikael Yuri Yourassowsky. Fichado en xullo, adestrou as primeiras semanas co equipo, pero non pasou a revisión médica por mor dunha grave lesión que padecera e nunca chegou a debutar.

Á campaña seguinte, 2006-07, volveu haber 13 estranxeiros no primeiro plantel. Apareceron no club outros brasileiros: Humberto Soares, Maicon Baggio e o tristemente falecido no accidente aéreo do Chapecoense, Filipe Machado. Víctor Ormazabal tamén chegou á escena granate nese curso. O deses dous anos foi o Pontevedra menos galego e menos español de sempre. No filial xa xogaba un mozo arxentino chamado Adrián Gómez.

Na 2007-08 baixou a dose de fichaxes foráneas. Santiago Bianchi foi outra das entradas dese curso, ademais do internacional venezolano Jonay Hernández.

Comezo da crise

Ao ano seguinte, no inicio da crise, o Pontevedra contratou a Felipe Tigrão, subiu ao angoleño Danilson ao primeiro equipo e fichou a Dul e Basualdo, dous arxentinos que acabaron decepcionando. Nino Mirón deixou o club en mans do vicepresidente executivo Julio Vázquez, que en inverno fichou ao caboverdiano Nené e ao brasileiro Marcos Renan, que nin debutou en liga.

Na 2009-10, Matías Saad e Dele Ajiboye foron as novidades de fóra de España antes da chegada de Dani Pendín para disputar o play-off en sustitución do mancado Pepe Aicart. Era a antesala á revolución do curso do descenso: Tiko Messina e Douglas (cameruneses) vestiron a elástica granate naquela infausta campaña de 2010-11.

No exercicio 2011-12, en Terceira, Milo Abelleira fichou a Rodrigo Trovo, uruguaio ao que despediu aos dous meses de comezada a Liga. Tamén contratou a Oumar Sidibé, burkinés asentado nas Rías Baixas. A eles uníuselles o xuvenil guineano Buba, ao que un axente descubriu un día facendo malabares co pé cunha laranxa nunha praia do seu país.

De Adrián a actualidade

O capitán Adrián Gómez volveu a Pontevedra para quedar un lustro en Pasarón, entre 2012 e 2017. Durante unha etapa non chegaron máis estranxeiros ao Pontevedra, máis alá do marfileño Ismael e o arxentino Kevin Levis, que sendo pezas do filial xogaron arriba na Liga 2013-14. Houbo que agardar ata a campaña da permanencia para volver ver a entrada de foráneos no equipo: o uruguaio Darío Flores e o arxentino Pibe, que xa debutara con Milo Abelleira en Terceira División, fixeron un oco no conxunto.

Na Liga pasada, o arqueiro hispano-angoleño Rubén Ualoloca puxo o punto exótico. E nesta, ata catro homes incorporan o acento internacional a un vestiario que forma parte xa da aldea global.

Estranxeiros no Pontevedra CF no século XXI e estranxeiros do Grupo I de Segunda División B

A aldea global de Pasarón
Comentarios