Anulado o auto de reapertura do Complexo Deportivo Rías do Sur

A falta de citación de Supera recoñecida polo xuíz provoca que se reinicie o proceso
Estado actual da piscina olímpica de Rías do Sur. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Estado actual da piscina olímpica de Rías do Sur. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

O auto dictado polo xulgado de primeira instancia número 3 de Pontevedra polo que se ordenaba a reapertura do Complexo Deportivo Rías do Sur quedou sen efecto. O proceso deberá reiniciarse, toda vez que o xuíz Miguel Ángel Crespo Gutiérrez apreciou de oficio a falta de citación da empresa Sidecu para a vista sobre a solicitude de medidas cautelares solicitada pola Fundación Rías do Sur e resolveu con data 20 de xuño anular tódalas accións seguintes á citación.

O xuiz comprende que se trata dun caso de indefensión da empresa concesionaria do centro, que ao non recibir a citación, non puido acudir á vista a defender os seus dereitos. De tal maneira, o xulgado comeza novamente o proceso para volver citar a ámbalas dúas partes.

O auto resolvía a solicitude de medidas cautelares presentada pola Fundación Rías do Sur como movemento previo a unha demanda por incumprimento de contrato contra e empresa Supera. A decisión supón un duro golpe para os clubs deportivos de Pontevedra que facían uso das piscinas, salas e ximnasios da infraestrutura, xa que o emprego da piscina é un requisito indispensable para a planificación da próxima temporada.

O Club Natación Galacio, o Club Galaico Sincro, o Club Waterpolo Pontevedra e o Squash Pontevedra son as entidades prexudicadas co peche e que deberán seguir agardando para poder acceder a Rías do Sur e adestrando en piscinas ou lugares alternativos, como a Escola Naval Militar, que se converteu no lugar de traballo de moitos deles ou o Centro Galego de Tecnificación.

A piscina de Rías do Sur leva sen actividade desde hai tres meses e medio. O dez de marzo, a empresa Supera anunciou o peche da lámina de auga de Rías do Sur argumentando o incremento dos prezos enerxéticos, que facían inasumibles os custos de mantemento. A finalis do mes de marzo o complexo quedaba completamente clausurado, tamén na súa zona de seco.

Despois dunha fase inicial de diálogos entre as partes nos que a Fundación Rías do Sur se propuña recuperar a concesión da instalación para manter o servizo aos clubs e deportistas que facían emprego dos seus espazos, e ante a falta dun punto de encontro próximo con Supera, a Fundación Rias do Sur optou por recorrer aos tribunais. Unha demanda por incumprimento de contrato foi precedida da solicitude de aplicación de medidas cautelares para a reapertura do centro, coa fin de comezar a restaurar aquelas partes que sufriron os efectos da corrosión do cloro e a humidade e voltar poñelo en funcionamento para deportistas e clubes canto antes.

Comentarios