Amadeo Abal Chaves e Margarita Villaverde Rosales foron os vencedores da proba absoluta da XI edición da carreira de San Brais que este domingo se celebrou nas estradas da parroquia de Salcedo, con centro neurálxico no centro comercial Carrefour.
A proba contou cunha cifra próxima aos 350 deportistas. Deles, 146 concluiron a proba da categoría absoluta sobre un atractivo circuíto.
O corredor do Playas de Castellón non tivo oposición para facerse co primeiro lugar da competición. Desde o primeiro momento marcou o ritmo que máis lle interesou para ir soltando aos seus adversarios. O cambadés rematou cun rexistro de 21 minutos e 31 segundos, o que supuxeron 51 segundos de marxe con respecto ao segundo clasificado, que foi Jorge Cortés Esperón. Na terceira posición absoluta masculina apareceu na liña de chegada Alan Sardinero González, cun tempo de 22.39.
Na categoría feminina, a loita polo triunfo estivo máis igualada debido á marcaxe que se produciu entre a primeira e segunda clasificadas. Foi finalmente Marga Villaverde a que chegou en primeiro lugar cun rexistro de 28.34. Xusto detrás dela, tanto na proba feminina como dentro do pelotón, atravesou a liña de chegada Aurora González, cunha marca de 28.36. Dura loita para decidir a vencedora. Xa máis afastada, no terceiro posto, rematou Tania Domínguez Ferreira, con 30.57.

A carreira celebrouse a través dun circuíto de algo máis de seis quilómetros e medio polas rúas da parroquia de Salcedo, con saída e chegada no centro comercial. Os atletas deberon facer fronte a importantes costas, con notables desniveis de subida e baixada, aínda que desta volta a organización optou por prescindir da pendente do 20 por cento dunha das rúas contiguas á rotonda do Carrefour. Ademais, alternou terreo asfaltado con pistas de terra que fixeron as delicias dos participantes.
As baixas temperaturas da mañá pontevedresa foron compensadas polo día solleiro e seco, que ademais animou a presenza dos veciños de Salcedo nas rúas e no propio Carrefour, onde moitos pais e nais acompañaron os fillos das categorías base.
E é que a San Brais 2023 non se reduciu exclusivamente aos séniores, xa que, como é costume na cita, houbo carreiras para tódolos rapaces dos diversos grupos de idade, desde os máis pequenos na de chupete ata os cadetes e xuvenís. Cada grupo de idade afrontou cadansúa distancia adaptada ás súas cualidades.
Emotivas escenas para os de moi curta idade que gozaron dos primeiros pasos e da súa primeira proba, acompañados polos seus proxenitores. Tamén a emoción dos rapaces que intentaron ofrecer o mellor deles mesmos para seguir coa progresión. Deportistas federados empregaron a cita como adestramento competitivo e forma de probarse.
Houbo medallas, obsequios e refrixerios para os corredores de tódalas idades, cun bo chocolate ao remataren. Unha proba que, malia a baixa xeralizada de participación que está a sufrir o atletismo popular, segue a ofrecer espectáculo a finais de xaneiro.