Brais Abelenda, fronte á súa infancia

Baleato e Samu voltarán cruzar co seu amigo, co que compartiron vestiario no Compostela ata a liga pasada e co que medraron xuntos no pequeno concello de Val do Dubra
Brais Abelenda (esq), xunto a Baleato e Samu no vestiario do Compostela, coa bufanda do SD Dubra. CEDIDA
photo_camera Brais Abelenda (esq), xunto a Baleato e Samu no vestiario do Compostela, coa bufanda do SD Dubra. CEDIDA

Contemplar unha estrela fugaz nada máis mirar para o ceo, cascar dous ovos de dúas xemas consecutivos, ollar un trevo de catro follas a primeira vista, gañar o pleno 15 dunha Quiniela, atopar tres xogadores dunha vila de mil habitantes sobre o mesmo terreo de xogo en categoría nacional… feitos extraordinarios, casualidades marabillosas que, en ocasións, acontecen. O domingo, no campo de San Lázaro, todo está disposto para que tres veciños de Bembribe, pequena vila do pequeno concello do Val do Dubra, crucen os seus camiños sobre o céspede: Samu, Roberto Baleato e Brais Abelenda estarán fronte a fronte como rivais no derbi entre o Compostela e o Pontevedra.

Tres futbolistas cunha vida enteira en común, unidos polo fútbol, polo club de base no que medraron, o SD Dubra, pola vila de nacemento e agora polos cafés das fins de semana. "Fomos á gardería xuntos, ao colexio xuntos, ao instituto xuntos, ao bacharelato xuntos e xogamos en tódolos equipos de fútbol base xuntos ata xuvenil de último ano", lembra Samu, medio centro do Compos e amigo de toda a vida de Abelenda. O hoxe granate e o compostelanista naceron en 1995 os dous e sempre encaixaron ben. "Eramos dos que estabamos xuntos tódolos días", e por enriba eran veciños. Dous minutos a pé separan as casas das súas familias.

Con seis ou sete anos principaron a xogar no SD Dubra. Daquela xa se lles vían maneiras. "El era máis rápido, porque eu era algo máis regordote de pequeno, pero tiña mellor golpeo de balón", relata Samu botando a vista atrás. Xa prometían e marcaban diferenzas, de maneira que nas pachangas que montaban na escola ou no barrio tiñan que ir un en cada equipo, como lles vai suceder a fin de semana. "Cando iamos xogar cos amigos, eramos os dous mellores. Facíannos escoller a nós para que non fosemos xuntos e a cousa fose equilibrada".

Ver máis | Entrevista a Brais Abelenda: "Eu non xogo para as cifras, senón para pasalo ben. E neste Pontevedra estou moi contento"

MÁIS VETERÁN. Baleato contemplaba desde as alturas dun adolescente cinco anos máis vello cós outros dous o crecemento dos dous rapaces. El principiou a xogar seguindo a tradición familiar: seu pai xogaba e seu irmán, tamén. Cando se fundou o SD Dubra, con oito anos, entrou no club, aínda que só había equipo alevín, con rapaces máis vellos ca el, que eran os seus amigos.

Baleato principiou na rúa. Como os nenos de antes, "xogaba contra un galpón, co portal como portería".

Sempre tivo un afán protector para Samu e Abelenda. "Brais é o primo dun amigo meu. Eramos veciños. Teño o recordo de cando viña xogar connosco de pequeniño. Xa daquela se lle vían cousas. Gustáballe e era bo. Como eu era o pequeno dentro do meu grupo de amigos e sempre me axudaron, eu con eles dous facía igual. Se tiña que collelos nos equipos que faciamos, escollíaos a eles. Nunca me saíu abusar".

El foi unha especie de espello para os seus compañeiros, como explica Samu.

"Marchou para o Compostela e despois foi para o Depor e sempre te fixabas moito. Cando eramos pequenos non nos levabamos tanto debido á diferenza de idade, pero co tempo tivemos máis relación e sempre foi un bo amigo".

TRÍO NO COMPOS. O encontro dos tres no Compostela tivo moito de máxico. Abelenda chegou en 2018, despois dunha temporada irregular co Racing. A súa fichaxe tivo moito que ver con Samu. "Díxenlle a Manuel Castiñeira (director deportivo do Compos) que non se ía arrepentir se o traía, porque podía xogar en tódalas posicións. Castiñeira empezou a seguilo e viu que podía encaixar e por enriba era da zona".

Á temporada seguinte, Roberto Baleato chegou do Bergantiños. De maneira que os tres veciños cadraron durante dúas temporadas xuntos. As fins de semana quedaban para tomar o café antes dos partidos e viaxar no mesmo coche aos partidos.

"O de tomar café o día do partido vén de atrás, aínda que eu fora xogar co Bergantiños e eles co Compos. Estaban a dicirme de vir para o Compostela e ao final deuse. Para min foi unha alegría. Son amigos e é moi bonito poder compartir vestiario con xente así. Ademais na vila tíñannos localizados, porque estabamos os tres xuntos. Gustoume moito esa etapa", lembra o veterán medio.

"O oco que quedou no coche é difícil de reemprazar", recoñece sobra a baixa de Abelenda o seu excompañeiro Samu. "Pero desta, o café vai ter que págalo igual".

As longas charlas sobre temas dos máis diversos: da NBA, de estudos (Samu e Baleato cursan Psicoloxía e ademais Roberto ten o título de INEF, carreira que estuda Abelenda), da vila e dos versos que van escribindo no mundo do fútbol, tamén. Do partido, non moito. Temá tabú.

O triángulo equilátero é a forma xeométrica máis difícil de destruir. Así fan as torres de alta tensión, así fixeron os tres de Bembibre. "Na temporada, hai momentos bos, malos e regulares, e sempre os que están mellor lle botamos un cable ao que está máis baixo", lembra Baleato sobre aquelas conversas de automóbil que conducen cara o derbi do domingo en San Lázaro.

"Estás habituado a desfrutalo e agora toca sufrilo"
"Brais bótase en falta no coche indo aos partidos e en tódolos lados", explica Roberto Baleato lembrando a etapa na que o media punta xogaba ao seu lado. "No equipo era unha peza moi importante para nós. É moi bo e a nivel persoal achega moito".

Os dous compostelanistas chámanlle traidor, con todo o bo humor e cariño do mundo, antes dun duelo no que polo seu momento de forma pode ser determinante.

"Estás habituado a desfrutalo e a que o sufran os demais e agora vainos tocar a nós. Á parte, está a destacar dentro do seu equipo. Está nun gran momento e é un xogador moi completo. Foi unha gran fichaxe para o Pontevedra e unha gran baixa para nós. Oxala poida ascender", sinala Baleato ao respecto, pensando xa no domingo. "Non vai ser o máis sinxelo, pero tamén é dos que nos gusta xogar".

E aínda que Samu advirte que non llelo porán doado aos granates, xa que o Compos non ten xogadores coxos, "o Pontevedra é favorito contra tódolos rivais da categoría".

Más en Deporte Local Pontevedra
Comentarios