martes. 15.10.2019 |
El tiempo
martes. 15.10.2019
El tiempo

Accidentes graves e feridas leves do Pontevedra

Un dos goles encaixados polo Pontevedra contra o Rácing de Ferrol. ADP
Un dos goles encaixados polo Pontevedra contra o Rácing de Ferrol. ADP
Nos derradeiros anos, o Pontevedra encaixou varias goleadas en Pasarón que non frearon o equipo na consecución de obxectivos ► Celta B, Lugo e Amurrio ruborizaron o PCF na casa en anos nos que o equipo acadou un posto no play-off

Non todos os accidentes son mortais, por moi graves que sexan. Así pode dar fe o Pontevedra, que ao longo dos derradeiros anos sufriu en Pasarón varias tardes horribilis que, sen embargo, non supuxeron que o equipo non acadase ao final da temporada o seu obxectivo.

Así, o 1-5 do pasado domingo ante o Atlético de Madrid B foi un dos peores partidos que se lembran ás beiras do río Lérez en todo o século XXI. Pero nese "libro negro" existen outros partidos fatídicos que non foron máis ca un borrón nun curso marcado finalmente polo éxito.

O desastre máis próximo foi o 0-4 co que o Celta B someteu ao Pontevedra de Luisito na segunda volta da campaña 2016-2017. Ata aquel día, o PCF tan só perdera un partido como local. Fora dúas semanas antes, por mor do 0-1 do Racing de Santander, nun partido moi igualado. O equipo granate chegaba a aquel 5 de febreiro (xornada 24) cuarto na clasificación, con catro puntos de marxe sobre o Valladolid B. Pero naquel encontro, o filial celeste de Borja Iglesias, Samu Araújo ou Kevin Vázquez desforestou Pasarón cun partido moi similar ao que fixo hai uns días o Atlético de Madrid B.

Finalmente, aínda que con moito sufrimento, o Pontevedra conseguiu o obxectivo que se marcara despois da súa gran primeira volta: entrar no play-off de ascenso. De feito, foi a última vez que o PCF participou na fase.

Este non é o único precedente de éxito nun ano no que o equipo recibiu unha "malleira" na Boa Vila. Na campaña 2009-2010, o Lugo de Quique Setién levouse de Pasarón un 0-5. Foi na sexta xornada. Finalmente, unhas semanas despois, Roberto Aguirre foi cesado do seu cargo e o Pontevedra terminou por ser cuarto.

O exemplo máis antigo de que un desastre na casa non está pelexado co fracaso final sucedeu no curso 2003-2004. No sétimo partido de liga, o Amurrio goleou por 1-4 ao Pontevedra de José Aurelio Gay. Foi a primeira e derradeira derrota do conxunto pontevedrés na casa. Logo chegou un primeiro posto no Grupo I e o lembradísimo ascenso a Segunda División.

Pero máis aló de fallar puntualmente en tempadas de grandes éxitos, o PCF tamén firmou partidos para esquecer noutros cursos menos brillantes, aínda que meritorios. No 2016, xusto un ano antes da citada goleada do Celta B, foi o Racing de Ferrol o que deixou en evidencia por un día ao cadro lerezano. O equipo departamental chegaba líder e logrou marcar tres goles na primeira metade a un Pontevedra que, pese a que non chegou ao cuarto puesto, acadou con facilidade o obxectivo da permanencia.

En 2009, o Ciudad de Santiago de Luisito goleou por 0-4 a un Pontevedra de José Aurelio Gay que rematou na metade da clasificación despois dun ano moi convulso.

Por último, tamén hai datos moi malos: o derradeiro 1-5 na casa foi o 8 de maio de 2011, ante o Guadalajara, e serviu para certificar o descenso a Terceira.

Accidentes graves e feridas leves do Pontevedra
Comentarios