Adestrador desde o sofá

Iván Villaverde dirixe ao Peixegalego desde o seu domicilio, no que permaneceu confinado por covid durante a pasada semana ► Monitorizou a sesión a través de ordenador e móbil
Joseba Aramburu sostén o seu móbil na sesión virtual que Iván Villaverde desenvolveu para dirixir o Peixegalego.DAVID FREIRE
photo_camera Joseba Aramburu sostén o seu móbil na sesión virtual que Iván Villaverde desenvolveu para dirixir o Peixegalego.DAVID FREIRE

Nunca foi tan certo aquilo de que a necesidade crea o hábito coma no Peixegalego. O conxunto marinense viviu unha situación insólita durante a pasada semana. Os efectos da covid-19 levaron ao bloque azul a realizar as sesións sen o seu adestrador principal, Iván Villaverde.

O técnico pontevedrés sufriu o contaxio da enfermidade o día 1 de xaneiro. O resultado da PCR obrigáballe a permanecer illado durante unha semana. Pero a competición, nun principio, tiña que seguir adiante. O Peixe non tiña o adiamento do seu enfrontamento contra o Unicaja Oviedo garantido. De tal maneira, o traballo de preparación do compromiso non se podía deter.

Así foi que Villaverde lle deu voltas á chencha para atopar unha novidosa solución: organizar unha sesión de traballo coa tecnoloxía como soporte comunicativo cos seus pupilos.

Realizou unha conexión a través do teléfono móbil de Joseba Aramburu, un dos cerebros do equipo marinense na cancha, que ademais dispón do título de adestrador de nivel III e actuou de axudante e director de orquestra sobre o propio parqué nas sesións nas que o técnico non puido asistir "á oficina".

"Facíalle chegar o traballo e el desenvolvía no adestramento".

A chegada de Iván Villaverde a temporada pasada converteuno no home forte do club de Marín no apartado técnico: dirixe á escadra de Eba e leva a infantís e cadetes de Galega

A sesión foi no pavillón da Raña, co teléfono móbil situado sobre a superficie dunha mesa e enfocado sobre a cancha na que se levaban a cabo as tarefas programadas. Villaverde seguía as evolucións monitorizando a acción na pantalla da súa computadora.

"Estamos intentando meter novos sistemas e pretendía saber cal era o seu funcionamento de cara a aplicalo nos partidos", aclarou o responsable da escadra.

A proba non foi todo o funcional que se agardaba, xa que a percepción a través da pantalla non lle permitiu obter resultados concluíntes ao respecto dos movementos e os espazos.

Afortunadamente para el, desde o lunms, o tedioso confinamento concluíu e o técnico pode xa realizar o seu labor desde a cancha.

Dous aprazados pendentes de ser recuperados para a escadra de Marín
Finalmente, o mércores da semana pasada a Federación Española de Baloncesto notificou o adiamento do enfrontamento que o Peixegalego tiña que disputar o sábado contra o Unicaja Oviedo. Dous casos no corpo técnico do conxunto marinense e un no plantel de xogadores provocaron que o duelo debese suspenderse. De tal maneira, o Peixegalego ten dous enfrontamentos por disputar, aínda. Ademais de contra o Oviedo, ten que xogar perante o Santo Domingo Betanzos. O bloque leva dous gromos de covid-19 nas últimas semanas e afronta as próximas sesións coa esperanza de non padecer máis problemas.

Más en Deporte Local Pontevedra
Comentarios