Adeus ao antigo play-off

A restrutruración das categorías do fútbol español aposta por eliminatorias polo ascenso en sede neutral na súa primeira temporada. A Segunda RFEF premiarán 10 ascensos a Primeira RFEF e castigarán 27 descensos a Terceira División
A bancada do Fondo Norte de Pasarón no partido do play-off de 2017 contra o Murcia. RAFA FARIÑA
photo_camera A bancada do Fondo Norte de Pasarón no partido do play-off de 2017 contra o Murcia. RAFA FARIÑA

Os play-off de ascenso á Primeira División da RFEF levaranse a cabo en territorio neutral. O novo sistema de competición da categoría nacente da Segunda División RFEF privará aos clubs que tomen parte nas eliminatorias polo ascenso de acoller os encontros nos seus terreos de xogo en duelos de ida e volta.

A Federación deberá determinar cales son as axudas económicas ás entidades deportivas das diferentes categorías, para compensar o agravio que se pode xerar para as arcas de conxuntos que acaban convertendo a asistencia de seareiros ao play-off nun dos seus métodos de xeración de ingresos relevantes. Ademais, é un factor que prexudica os afeccionados, que non sempre poderán presenciar aos seus conxuntos en acción no momento chave do curso.

A liña de axudas da RFEF pode mitigar esa situación: o Pontevedra, no curso que vén de rematar, percibiu preto de 140.000 euros en diferentes conceptos.

Os seareiros serán un dos agraviados coas novas eliminatorias, xa que non poderán ver aos seus equipos na casa

A sede neutral dos play-off de ascenso, similar á que se empregou nas últimas dúas temporadas debido ao covid-19 (o play-off a Segunda División levouse a cabo en Extremadura), choca co sistema que se viña desenvolvendo en temporadas precedentes, coas clásicas roldas a dobre partido con volta no do equipo con mellor clasificación da temporada.

Ese era un dos aspectos novos do sistema de competición que faltaba por definir e que foi confirmado o martes pola RFEF. Fíxose oficial o que se fora coñecendo desde hai meses: a competición dividirase en cinco grupos de 18 equipos (90 conxuntos).

Haberá dez ascensos. Cinco serán directos, os dos cinco campións de cada grupo, e cinco sairán dun play-off de ascenso. Ese será o play-off que se levará a cabo na sede única neutral: participarán o segundo, terceiro, cuarto e quinto de cada grupo, que se cruzarán, por sorteo, cos quintos, cuartos, terceiros e segundos, respectivamente, dos outros grupos. Os que teñan mellor clasificación na temporada regular obterán privilexios en caso de empate dos partidos e pasarán de rolda. Cada escadra deberá avanzar dúas eliminatorias para lograr o salto de categoría.

Os clubs poden verse prexudicados economicamente ao non disporen as grandes taquillas deses partidos

Eses ascendidos ocuparán o oco de dez bloques da Primeira RFEF: baixarán de forma directa os cinco últimos de cada un dos dous grupos da nova terceira categoría española.

Pero ademais haberá moitos máis descensos dos que había en Segunda B. Case un tercio dos participantes baixarán: en total haberá 27 descensos. 25 directos, resultantes dos cinco últimos de cada grupo, e dous máis, que caerán despois de disputaren un play-out no que participarán os catro peores décimo terceiros clasificados.

Os datos da nova competición revelan que se disputarán menos partidos con respecto á antiga Segunda B: pasarase de xogar 38 encontros máis os que se requeriren de play-off (un máximo de 44 se os bloques afrontaban tres eliminatorias) a un máximo de 36 (34 de liga regular e dous de promoción de ascenso se proceder): iso implica calendarios menos apertados, que facilitará regular mellor os períodos de vacacións e descansos para os deportistas.

Un ascenso garantido por temporada para Galicia na nova Terceira
En Terceira División, a partir do curso próximo, tamén subirán de xeito directo os campións de grupo. Ademais, haberá dous play-off de ascenso. 

O primeiro deles, a nivel territorial, entre o segundo e o quinto, en sede neutral. Dos 18 vencedores de cadanseu play-off autonómico (entre eles o de Galicia) sairán nove eliminatorias. Os nove gañadores tamén subirán para equilibrar os 27 descensos de Segunda RFEF co mesmo número de ascensos. 

De tal maneira, e como xa ocorreu neste exercicio, sempre haberá un ascenso, como mínimo, por cada demarcación territorial. No aspecto negativo, o máximo de saltos de categoría aos que poderán aspirar as autonomías será de dous por temporada.

Comentarios