Adrián Mouriño: "Sería un erro marchar do Pontevedra"

O centrocampista porriñés non se plantexa a saída no mercado de inverno e espera loitar polo play-off xunto aos seus compañeiros

Adrián Mouriño no partido contra o Atlético B no Cerro del Espino. ADG-MEDIA
photo_camera Adrián Mouriño no partido contra o Atlético B no Cerro del Espino. ADG-MEDIA

A pesar de que atravesa por unha fase da temporada na que non acaba de dispoñer de minutos, Adrián Mouriño sente Pasarón como se fose o seu fogar. A boa situación deportiva do Pontevedra, o bo ambiente do vestiario e a proximidade á súa familia fan que a súa saída do club sexa algo inconcebible para el.

"Sería un erro marchar do Pontevedra", asegura o futbolista porriñés, ao que non se lle pasa pola cabeza pedirlle a baixa á entidade. "Non o plantexo, porque xa levo cinco anos aquí, estou moi ben e sei que o feito de xogar ou non tamén está nas miñas mans. Esperaba entrar máis, pero esa é unha decisión que debe tomar o adestrador".

"Sempre tiven a impresión de que a afección me quere moito, pero agora que estou xogando menos, síntoo máis aínda"

Pola outra parte, o club tampouco lle deixou entrever, polo de agora, que non o queira no plantel. "Síntome valorado pola directiva, polo corpo técnico, polos compañeiros e pola afección".

A pesar de non ter continuidade, o futbolista granate non cre que deba reclamarlle nada ao seu adestrador.

"Non son unha persoa que pregunte por que xoga nin tampouco por que non. O adestrador ten que facer as súas aliñacións e non ten que darme ningunha explicación".

Luismi dirixiuse a el nos adestramentos para animalo. "Colleume en dúas ocasións sabendo que o feito de non participar demasiado non é unha situación agradable para ninguén. Sempre me dixo que estaba contentísimo comigo e eu quedo con iso".

A situación non lle resulta doada, pero lonxe de renderse amósase máis motivado ca nunca. "Estou nun equipo co obxectivo de disputar a maior cantidade de minutos posibles. Vou traballar máis duro ca nunca. Son consciente de que a segunda volta vai ser moi importante tamén para min".

"Podemos xogar o playoff perfectamente. Desde dentro soubemos pronto que se formara un grupo moi bo"

O centrocampista é un dos homes máis queridos pola bancada. O seu fútbol e o seu forte carácter encaixan coa idiosincrasia da afección de Pasarón. "Será por levar aquí tanto tempo, desde Terceira División. Quizais pola miña forma de xogar, polo meu carácter. Que a xente pida que me metan a xogar cada vez que saio quentar fai que me sinta un privilexiado. Sempre tiven esa sensación de que me queren moito, pero agora que estou a xogar menos, síntoo máis aínda. Iso dáme máis ganas de corresponderlles no campo".

OPTIMISTA. O porriñés ten boas vibracións co actual plantel granate. Tívoas desde o primeiro día. "Despois da situación da temporada pasada, coqueteando co descenso, este ano fíxose moi bo equipo. Desde dentro soubemos pronto que se formara un grupo moi bo no aspecto deportivo e no humano. E está a responder ás expectativas".

De feito, aínda que sabe que queda moito para logralo, dalle o nariz que o Pontevedra se pode clasificar para a fase de ascenso.

"Déixome guiar polo equipo que temos e polo seu traballo. Podemos xogar o play-off, perfectamente. Despois poden suceder moitas cousas, moitos detalles. Pero vendo o plantel que hai, a miña impresión é que podemos disputalo".

Comentarios