Alberto Castro Blanco é o novo presidente do Club Natación Galaico. O club vén de renovar a súa xunta directiva logo do proceso electoral que rematou a semana pasada. En asemblea xeral extraordinaria de socios, o club aprobou a constitución dun novo equipo rector que toma o testemuño do dirixido por Amparo Porta.
A xa exdirixente da entidade tomou a decisión de renunciar ao seu cargo por asuntos persoais, despois de cinco anos e tres meses á fronte da nave.
Castro Blanco viña de ser tesoureiro da institución no último ano. Decidiu dar o paso xunto cun grupo de traballo formado por oito persoas. O vicepresidente será Adolfo Penedo Padín; o novo tesoureiro, José Carlos Quintana Miranda; o secretario, Francisco José Fernández González, e os vogais, María José García Castiñeira, Fernando Sanmartín Freixo, Rafael Bouza Rey e Omar González Sampedro.
A composición da nova xunta directiva, co seu presidente á fronte, foi ratificada por unanimidade pola asemblea do Galaico.
A entidade emitiu un comunicado no que manifestou que se trata dunha "nova etapa chea de ilusión e con novos proxectos, tanto en augas abertas como en piscina".
Xunto a Castro, a asemblea do club ratificou por unanimidade á súa xunta directiva
A intención do club é mellorar neses aspectos deportivos, desde o punto de vista competitivo, pero sobre todo, organizativo, coa fin de revitalizar a súa imaxe e a súa economía.
O gran reto que afronta a entidade a curto e medio prazo é a de superar as dificultades xeradas a raíz do peche da piscina olímpica do Complexo Deportivos Rías do Sur. Ese foi durante o ano pasado e segue a ser na actualidade un dos principais hándicaps que debe afrontar tanto para os adestramentos como para a organización de competicións.
"Desde a nova xunta directiva animamos a tódalas nenas e nenos que queiran mellorar a súa natación a que se unan ao noso equipo", expresan na súa misiva, a primeira do novo equipo de dirección.
A entidade traballa xa en próximas novidades e ofertas para facer crecer e gañar enteiros en viabilidade. "Temos en marcha a creación da Escola Municipal do Concello de Pontevedra, colaboramos co proxecto Nadar es Vida da Real Federación Española de Natación e creamos un grupo de aprendizaxe para os máis pequenos, os pingüinos".
A nova xunta directiva desexa poñer de relevo a importancia non só do seu aspecto competitivo, inherente ao club e incluído nos seus estatutos, senón tamén seguir desenvolvendo o labor que realiza na área formativa dos seus deportistas, "a familiarización e autonomía do medio acuático, pasando polas primeiras brazadas e ata o máximo nivel deportivo", reza no comunicado.