Álex Fernández, do Pontevedra: "Xa empeza a haber finais"

O xogador explicou que o triunfo do equipo contra o Bouzas lle deu un pulo de confianza ao plantel granate e recalcou o compromiso dos futbolistas

Álex Fernández chutando en un choque de pretemporada. ADP
photo_camera Álex Fernández chutando en un choque de pretemporada. ADP

O plantel do Pontevedra parece consciente das dificultades na que se está a meter o equipo granate. Tanto é así que Álex Fernández percibe que o bloque comeza a disputar partidos de máxima responsabilidade, como o do domingo en Pasarón contra a Gimnástica Segoviana. "Xa empeza a haber finais", sostén o ourensán. "Temos que saír de aí como sexa e, sobre todo, non ter ningún tipo de complexo: non estar atemorizados nin pensar se a xente nos apoia ou non. Neste equipo hai futbolistas con personalidade para iso".

O Pontevedra chega á fin de semana despois de rachar a súa dinámica de malos resultados na Copa Federación. Para Fernández foi un triunfo importante, non tanto desde o punto de vista dun obxectivo cuantitativo, senón polo que supuxo para o ánimo.

"No vestiario respirábase un ambiente de que non dabamos gañado: fas as cousas ben, non gañas; fas as cousas regular, non gañas; fas as cousas mal, non gañas. Pasase o que pasase, non gañabamos. Por iso, aínda que non fose un partido de liga, para a nosa confianza era vital esa vitoria contra o Rápido" .

No vestiario respirábase un ambiente de que non dabamos gañado

O Pontevedra ofreceu a peor imaxe da temporada contra o Valladolid B hai cinco días. Álex Fernández non cre que fose porque o plantel se agarrotase. "Era o pechacancelas e todo o mundo pensaba que tocaba gañar fácil. Pero se non fas un partido case perfecto, tes moitas complicacións. Iso demostrouse. O rival xoga e nós non o fixemos tan ben como na casa contra o Navalcarnero ou fóra contra o Guijuelo", aclarou o centrocampista do cadro de Luisito, que é optimista de cara ao futuro inmediato. "O equipo vaise liberar e vaise ver o Pontevedra que todo o mundo quere".

A CAMA. Cando un conxunto ten unha dinámica perdedora, os tópicos poboan a mente dos seareiros. Que se hai que cesar ao adestrador, que se a preparación física é deficiente, que se lle fan a cama ao técnico..."Cada un ten a súa opinión. Os afeccionados pagan e son soberáns. O único que lles podo dicir é que nós somos os primeiros fastidiados por non estar máis arriba e non poder agradar. Se se lle fai a cama ao adestrador? Cando se comezou a dicir iso, que non é certo, puxen como exemplo os partidos contra o Navalcarnero e o Guijuelo, no que fixemos 90 minutos magníficos que só se botaron a perder no desconto. Todos fomos a unha e remamos na mesma dirección".

Non é a primeira vez que Álex Fernández se atopa nunha situación como esta na súa dilatada carreira. "En trece anos en Segunda B xa vivín de todo, tanto dentro como fóra do campo. O de estar aí abaixo non é só cuestión de xogo. Con nada fanche gol e ti, con moito, non o fas. Parece que tódolos factores che veñen en contra e fan que fracases".


Sesión: Jimmy volveu competir

Unha das novas positivas do partido de ida da Copa Federación no que o Pontevedra derrotou ao Rápido de Bouzas foi o retorno á competición oficial de Jimmy.

O lateral esquerdo do Pontevedra levaba algo máis de dous meses arredado dos terreos de xogo por unha lesión de xeonllo. Jimmy mancárase no envite da sexta xornada do torneo contra o San Sebastián de los Reyes. En Bouzas acabou co seu suplicio.

O santiagués amósase paciente de cara ao futuro e non quere precipitarse. De momento, fala de ir "poco a poco" no camiño cara a súa plenitude física.

A aparición en escena de Jimmy baleira practicamente a enfermaría do Pontevedra, que unicamente ten unha baixa, a do lateral dereito Miguel Ángel.

O zagueiro madrileño segue sen dar sinais de vida despois de solicitar unha baixa por problemas de saúde e cada día que pasa gaña máis peso a posibilidade de que non remate a temporada no club.

O cadro granate exercitouse onte no campo municipal de Meis, en Mosteiro. Este venres comezará a preparar a conciencia o enfrontamento de liga contra a Gimnástica Segoviana, bloque da zona baixa da clasificación que xa eliminou ao Pontevedra na primeira eliminatoria da Copa do Rei.

Comentarios