Álex Fernández: "Un partido pode dar mil voltas"

O granate cre que o encontro de volta na Nueva Condomina pode presentar diferentes escenarios que permitan a remontada ►O centrocampista afronta o seu cuarto play-off, o segundo a Segunda División
Álex Fernández bebendo auga ao remate do adestramento do Pontevedra en Príncipe Felipe
photo_camera Álex Fernández bebendo auga ao remate do adestramento do Pontevedra en Príncipe Felipe

As verbas de Álex Fernández representan o espírito do vestiario de Pasarón. O centrocampista ourensán aférrase ás virtudes do Pontevedra e á grandeza do fútbol para crer nas opcións do seu equipo de superar ao Murcia no partido de volta e avanzar cara á segunda rolda do play-off.

"Este é un equipo que xerou moita ilusión ao longo da temporada na nosa afección e que deu moito que falar noutros grupos de Segunda B. Non temos nada que perder. A ilusión e a humildade non nola vai quitar ninguén e no fútbol téñense visto infinitas cousas: pódenche pitar un penalti, pode haber unha expulsión nos primeiros minutos... Un partido pode dar cen mil voltas", analiza para seguir crendo nas opcións dos granates en La Nueva Condomina.

Fernández apela a moitos factores para seguir pelexando ata o último día. Lémbrase do consello, dos membros do corpo técnico, dos propios compañeiros "e sobre todo da afección, que nos apoiou desde o principio da temporada e merece que vaiamos alí a dalo todo e que cando acabe o partido poidamos mirarnos á cara e ninguén nos poida reprochar nada".

O centrocampista ourensán considera que o marcador foi demasiado abultado, pero tamén entende que "o fútbol son momentos. O partido deuse así. Se a ocasión de Añón fose para dentro, co 1-0 a eles custaríalles máis marcar un gol. Seguramente sería outro partido diferente", expresou, aínda magoado pola contundencia do marcador final, o segundo máis amplo en contra da campaña. "Foi un pouco doloroso, pero no fútbol, ao final gaña o que mete a pelotiña na portería. Eles tiveron as súas ocasións e aproveitáronas".

O veterán medio centro traballa xunto cos compañeiros para darlle a volta á tortilla. "Da mesma maneira que a eles lles sucedeu en Pasarón, pode ser ao revés o domingo na Condomina".

Play-off co Lorca


Esta é a cuarta promoción de ascenso na que se ve involucrado Álex Fernández. Ten experiencia dabondo na materia. A primeira fase de ascenso que disputou foi na campaña 2008-09, enrolado nas ringleiras do Lorca.

"Tiñamos un presuposto moi alto. A meirande parte dos futbolistas xogaran en Segunda División", lembra. O equipo acabou a temporada regular no segundo lugar e no primeiro cruce emparellouse co Marbella. "Foi unha eliminatoria moi bonita". O Lorca venceu a domicilio 0-2, facendo inútiles os intentos de reacción do cadro malagueño.

O equipo estaba dirixido por Roberto Aguirre e nel actuaban Orlando Quintana, Orlando Gutiérrez, Pedro Baquero e Antonio Moreno. Todos acabarían no PCF ao ano seguinte.

Na segunda rolda o sorteo emparellou ao Lorca co peor inimigo posible. "Cando nos preguntaban a que rival non queriamos enfrontarnos, todos respondiamos que ao Vilarreal B. Ao final tocounos".

O filial impúxose por 1-0 na casa e 2-3 no Artés Carrasco, eliminou ao Lorca de Álex e logo ascendeu superando ao Jaén na última rolda do torneo.

Outra vez, co Lorca


O verán daquel ano foi moi duro para o club murciano. Descendido por impagos a Terceira División e coa marcha da meirande parte dos seus futbolistas a outros clubes (moitos ficharon polo Pontevedra), afrontou unha temporada 2009-10 ateigada de problemas. Álex Fernández mantívose no equipo, que se meteu na promoción, aínda que con serios problemas internos.

"Viñamos de sete meses sen cobrar. Facíanos ilusión, pero levabamos unha temporada moi longa, na que non viramos un peso. A xente estaba queimada, non tiña ganas de seguir. Mesmo falaramos de deixar de adestrar".

Ao final a ambición deportiva pesou máis e o equipo pelexou polo ascenso a Segunda B, aínda que non puido co maior clásico dos play-offs de terceira.

"Afrontámolo como un premio da temporada. Pasamos a primeira rolda, pero fomos eliminados na segunda polo Haro", lembra.

Más en Deporte Local Pontevedra
Comentarios