Álex González xa ten oferta

O xogador cántabro e o Pontevedra Club de Fútbol comenzaron as negociacións para prolongar a súa unión na próxima tempada

Álex González durante un adestramento do Pontevedra en Pasarón. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Álex González durante un adestramento do Pontevedra en Pasarón. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Álex González xa dispón dunha proposta formal do Pontevedra Club de Fútbol para que continúe defendendo os seus intereses a próxima tempada. O club granate fíxolle chegar unha oferta económica para o seguinte curso e comezou as negociacións na procura de prolongar as relacións profesionais que unen a ámbalas dúas partes durante o próximo exercicio.

A institución comunicáralle a semana pasada ao cántabro que estaba interesada en que permanecese baixo a súa disciplina durante outra campaña, pero ata este venres non transformara ese interese en cifras. O desexo de ámbalas dúas partes é que as negociacións non se prolonguen demasiado no tempo.

Álex González forma parte da vella garda do primeiro plantel de Pasarón. Fichado como un xogador sen demasiada traxectoria na Segunda B na campaña 2016-17, o de Vernejo acabou converténdose nun elemento indispensable para Luisito e Luismi. O futbolista manicho demostrou ser quen de ofrecer un elevado rendemento tanto na titularidade como na suplencia e adaptouse a diferentes posicións na banda esquerda: estremo, carrileiro e, puntualmente, lateral, case sempre ofrecendo un bo rendemento, apoiado non só na súa capacidade física e vontade de esforzo, senón tamén na súa intelixencia táctica.

A súa renovación permitiríalle acumular unha cuarta temporada coa camisola do Pontevedra.

A entidade granate notificáralle hai días o seu interese por contar cos seus servizos como parte da base do proxecto 2018-19

UALOLOCA. A que se pon máis complicada é a continuidade de Rubén Ualoloca en Pasarón. O gardarredes madrileño dispón dunha oferta para o próximo curso pola mesma cantidade económica que cobrou no pasado exercicio, algo que para os axentes do futbolista non representa a súa verdadeira valía.

O rapaz, que quixo deixar clara a súa ambición por xogar no Pontevedra e o seu interese por continuar na casa granate, dispón doutras opcións no mercado de equipos de Segunda División B ou filiais de equipos da Liga de Fútbol Profesional que poden resultar máis atractivos para el, sobre todo para loitar pola titularidade, consciente da aposta que o PCF realizou por Edu Sousa e o papel secundario que tivo na competición oficial.

A renovación de Ualoloca complícase, xa que o porteiro madrileño dispón de propostas que considera máis beneficiosas para el

Ademais do aspecto económico, o xogador ten moi en consideración o aspecto deportivo, xa que se trata dun arqueiro en idade sub-23 para o que é fundamental contar con minutos de xogo para seguir evolucionando. Se non se produce unha mellora nas condicións que lle propón o Pontevedra, o xogador podería pechar a súa contratación a próxima semana con outro club.

Ademais dos casos de Ualoloca e Álex González, continúan as negociacións en diferentes frontes para poder dar continuidade ao proxecto deportivo do club. Continúan co tira e afrouxa varios futbolistas máis que xa dispuñan de propostas e que se amosan optimistas ao respecto da súa continuidade. Nesa situación están Alberto Campillo, Nacho López e Jesús Berrocal. Todos confían en asinar nos próximos días o contrato que os vencellará ao club de Pasarón para a próxima campaña.

Comentarios