Alexis Viéitez voa na Escusa

O piloto pontevedrés imponse con autoridade na XXII edición da proba, puntuable para o Campionato de España de montaña
Viétez durante unha das súas subidas. GONZALO GARCÍA
photo_camera Viétez durante unha das súas subidas. GONZALO GARCÍA

Alexis Viéitez impúxose con autoridade na XXII edición da Subida á Escusa que rematou onte nas estradas da mítica ascensión poiense. Viéitez dominou de principio a fin a proba e foi o máis veloz nas catro pasadas que se realizaron sobre o trazado, o que lle permitiu marcar unha distancia sideral con respecto aos demais participantes da competición. Desta maneira, revalida o título que xa conseguira na edición de 2021, a do regreso á normalidade despois da pandemia da Covid19.

O pontevedrés, ademais, foi progresando e mellorando en cada unha das quendas. De tal maneira, onte á mañá, nas dúas últimas cronometradas, rebaixou os rexistros que marcou o sábado á tarde. O conductor do Buxa Motor marcou un tempo total de 3:32.749 para impoñerse no alto poiense.

Luis Torres. GONZALO GARCÍA
Luis Torres. GONZALO GARCÍA

Nas dúas pasadas de onte foi clínico na condución ata o punto de repetir rendemento, só separado por catro centésimas. Marcou un tempo de 1:46.393 na primeira das subidas dominicais e mellorouno por aquela estreita marxe na segunda cun 1:46.356, o que foi a mellor marca total da fin de semana, tanto súa como da proba. Foron esas dúas quendas as que se agregaron para facer o seu rexistro total.

O competidor do Buxa Motor estivo acompañado no podio por Martín Villar e Rubén Puime

No segundo lugar rematou Martín Villar, compañeiro de Viéitez no Buxa Motor. A bordo do seu BRC 05 EVO, Villar sumou un 3:42.732, un tempo dez segundos máis lento có do gañador. A primeira pasada de onte á mañá foi a máis rápida para el: 1:51.088.

Na terceira posición final, lonxe dos dous homes que o antecederon na clasificación, terminou Rubén Puime, que agregou un tempo de 4:04.888. Puime gañou a batalla dos mortais cunha praza de podio que obtivo mercede ás dúas quendas deste domingo á mañá, xa que rematara o domingo por detrás de Alejandro Currás. Ao igual que lle aconteceu a Alexis Viéitez, foi mellorando en cada unha das súas execucións do itinerario. Principiou cun 2:08, despois pasou a un 2:05, comezou o domingo baixando a 2:03 e rematou cun 2:01 na última subida para obter a vitoria no seu duelo persoal con Alejandro Currás, que debeu conformarse co cuarto lugar.

CATEGORÍA I. Juan José Couceiro asinou os mellores tempos agregados cun rexistro de 4:12.236 na categoría I. A medida que facía pasadas, ía coñecendo mellor os trucos da subida e acurtando rexistros, como lles pasou a moitos pilotos. De tal maneira, tamén fixo tempos máis veloces en cada pasada con respecto á anterior. O 2:05.773 foi o mellor rexistro da categoría. Con el ocuparon os tres primeiros lugares da carreira Alexis Souto e Juan José Covelo.

Rocío Lorenzo. GONZALO GARCÍA
Rocío Lorenzo. GONZALO GARCÍA

A proba celebrouse nunhas condicións óptimas para a práctica do automobilismo, con boas temperaturas ambientais e sen a temida chuvia que se chegara a prever hai unhas xornadas.

Iso non só favoreceu o desenvolvemento da competición, senón que ademais animou a presenza dos seareiros do deporte do motor e do rally a achegarse aos treitos para gozar coas evolucións dos vehículos e os pilotos.

Comentarios