viernes. 07.05.2021 |
El tiempo
viernes. 07.05.2021
El tiempo

Luisito: "Se alguén mereceu gañar este partido, fomos nós"

Luisito, ante o Lealtad. RAFA FARIÑA
Luisito, ante o Lealtad. RAFA FARIÑA
O técnico teense recoñeceu que o seu equipo estivo espeso en ataque e careceu de velocidade co balón e profundidade

Luisito recoñeceu estar decepcionado polo resultado e o xogo do seu equipo este domingo contra o Lealtad, tras o empate sen goles en Pasarón.

"O punto é insuficiente porque, a pesar de que non foi o noso mellor partido e de que en ataque estivemos moi espesos, se alguén mereceu gañar fomos nós. Non contabilizo ningunha ocasión do Lealtad, pero en ataque circulamos o balón con moita lentitude. Sabiamos como ían xogar eles, pero entre que o campo estaba seco e nós estivemos espesos en ataque, non puidemos gañar", expresou o técnico teense ao remate do partido.

"Tivemos dúas ocasións clamorosas", aclarou para referirse a un mal control de Damià Sabater na primeira parte e un remate coa testa de Adrián Cruz na segunda, "e a posesión non sei canta foi. Pero hoxe faltou profundidade. Despois, desde o borde de área hai que tirar a portería e nós tiramos moi pouco. Foi o partido no que menos ocasións fixemos desde que volvín a este banco", laiouse o preparador.

O técnico granate explicou que viu ao Lealtad "cómodo sen balón. Defendeu por acumulación, pero defendeu moi ben".

Luisito intentou ver a botella medio chea, pero non foi quen. "A única nota positiva foi a portería a cero. Fomos mellores ca eles, si, pero gustaríame ter sido moito máis agresivos en ataque e ter moita máis profundidade. Mesmo tivemos moitas dificultades nos duelos individuais".

O teense foi amoestado. "Pregunteille por que me sacou o cartón amarelo, pero non mo quixo dicir. Ao parecer fixen un xesto cando lle pitou falta a un xogador noso. Eu aos árbitros respéctoos moito", lembrou.

O preparador do cadro lerezano sabía que podía acontecer o que pasou. "Este partido, noutras circunstancias, se cadra, pódelo gañar fácil. Pero sei que os equipos asturianos son moi solidarios e se non te pos por diante, é moi complicado: defenderon con seis atrás e se non tes claridade de ideas e non gañas os duelos individuais, acabas sufrindo".

Nese senso, tamén sabía cales eran os perigos do rival e como neutralizalos. "Tiñámolos moi ben estudados. Eles atacaron con pelotazos e collémoslles os segundos balóns, impedindo que transitasen. Por iso puxen tres homes por dentro que dominan o xogo aéreo".

Sobre a presenza de Rufo no once, aclarou que "falei co médico e con el. O malo é que tiven tódolos trocos hipotecados. No descanso Oier tiña problemas e Adrián Cruz tamén e non sabía moi ben como chegaría ata o final, polo que tiven que esperara para facer os trocos". Luisito botou en falta un campo máis rápido e tivo boas palabras para Pitu.

Para rematar, lembroulle aos seareiros que "imos deixar sangue, suor e bágoas ata o último minuto do último partido. Téñoo moi claro. A igualdade é tremenda e a liga é atípica e complicadísima. Nesta competición non podes fallar. Cada punto vai ser ouro".

Luisito: "Se alguén mereceu gañar este partido, fomos nós"
Comentarios
ç