Dous amigos loitando en distintas trincheiras

Víctor Vázquez terá o reto de frear a Joselu, ao que o une unha íntima relación de amizade, no derbi entre o Pontevedra e o Racing de Ferrol que se disputará este domingo en Pasarón
Víctor Vázquez suxeitando a Joselu no Racing- Pontevedra da primeira volta. DIARIO DE FERROL
photo_camera Víctor Vázquez suxeitando a Joselu no Racing- Pontevedra da primeira volta. DIARIO DE FERROL

Este domingo en Pasarón producirase o reencontro entre dous vellos compañeiros de batallas, dous amigos que ocuparán lugares en trincheiras diferentes: Joselu e Víctor Vázquez. O marinense non vende a súa amizade a ningún prezo, pero tampouco entrega o valor do escudo gratuitamente. Por iso, saltarán chispas no enfrontamento entre un dos mellores centrais e un dos mellores dianteiros da competición. Un duelo que pode definir outro, o que medirá ao Racing de Ferrol e ao Pontevedra no Barrio do Burgo.

Téndese a crer que non hai maior perigo que o descoñecido. Pero cando o a magnitude da ameaza coñecida é tan grande, cambia o conto. "Non é porque sexa amigo meu, pero o xogador máis importante do Racing é Joselu. De tres cuartos de campo para diante ten un valor moi grande", analiza o futbolista marinense, que compartiu moitos anos vestiario co dianteiro barbanzán, un dos mellores amigos que ten.

Por esa familiaridade, as situacións da cita dominical serán especiais. Joselú presionará a Vázquez e este terá que frear, quen sabe se co emprego da contundencia en algunha ocasión, ao seu compañeiro. E haberá momentos para os diálogos sobre o verde. Pode que non para tomar un té, pero si para unha boa charla.

"Depende de quen teña diante, igual lle fago algún comentario. Se o coñezo, sempre cae algún vacile", anuncia o defensa granate, que sabe que neste caso o amor será mutuo. "Tanto pola miña parte, como pola súa. El tamén é dese estilo e esa forma de ser".

Para o marinense, o traballo permite certos momentos de distensión que non implican unha baixada de rendemento. Quen o vexa adestrar e o coñeza, sabe a que nos referimos: diversión e éxito non son termos antagónicos. "Podes estar concentrado no xogo e ter un punto de picardía".

SENTIMENTALISMOS. Do que non cabe dúbida é de que o rendemento non se ten por que ver afectado nun caso coma este e os sentimentalismos só terán cabida tralo pitido final. "Joselu e eu somos amigos de hai moitísimos anos, pero o domingo el vai pelexar por un obxectivo e eu polo contrario. El defende a súa camiseta e eu a miña. Darémonos unha aperta ao rematar o partido, pero durante os 90 minutos coñezo poucos amigos".

Para Churre, a visita do Racing non só é diferente a outras polo feito de cruzarse con Joselu, co que estivo a piques de compartir vestiario en Pasarón, senón porque "estiven anos en Ferrol. É un partido un pouco diferente. Pero a motivación que teño é a mesma sempre. Gústame xogar ao fútbol e a miña forma de facelo é competir ao máximo do que me dá o corpo. Non vou facer maxia co balón, pero a intensidade máxima si que a vou poñer". 
 

A intrahistoria. Campión ata na liga de portais

Hai futbolistas que só teñen escola e outros que ademais gozan de formación da veciñanza. Moitos talentos se crearon no medio do mobiliario urbano, en chans poeirentos, competindo contra os rapaces do barrio e improvisando unha portería con dúas pedras, dúas farolas ou calquera elemento artificial que a imaxinación dun cativo sexa quen de discernir.

Víctor Vázquez é deses rapaces, cada vez menos, que tomaron o biberón balompédico na rúa. Alí desenvolveu as súas habilidades e forxou o seu carácter competitivo. "A forma de xogar xa me vén de pequeno", lembra o xogador marinense botando unha ollada atrás. "Desde que con tres ou catro anos nos xuntabamos e xogabamos contra o portal do veciño, ao lado da casa. Xa daquela era competitivo".

Na rúa tódolos rapaces teñen máis afán por vencer, endurecen, aprenden leccións exclusivas de grande utilidade futura. "Foi algo que sempre levei comigo. Estou orgulloso de ser así", manifesta.

Por iso, "non contemplo disputar un partido ao cincuenta por cen. Para iso, prefiro que xogue outro compañeiro. Sempre vou a tope. Isto é fútbol e podemos fallar todos, Pero o que non pode faltar a concentración e vaciarse polo equipo", espírito de líder.


 O derbi, unha ocasión ideal para intentar afastar a un rival directo

"Se lles gañamos, o Racing quedará a catro puntos e teriamos a golaveraxe gañada", lembra Víctor Vázquez

A falta do que ocorra no último adestramento e no último día antes do encontro perante o Racing de Ferrol, o Pontevedra disporá de tódolos seus efectivos excepto Adrián Cruz e Romay, casos coñecidos de lesións de media e longa duración, e Charles, sancionado, para o derbi.

O encontro de este domingo pode ter unha gran relevancia para o Pontevedra e o Racing, xa que os tempos de reacción neste curso se ven acurtados.

"Conforme pasan as xornadas, redúcese a marxe de erro. Sabemos a importancia que ten cada partido nunha liga na que só quedan nove encontros e todo está tan igualado. Por iso este partido cobra unha importancia vital. Se gañamos aseguramos a golavaraxe particular. E ademais sería meterlle catro puntos de vantaxe ao Racing de Ferrol e cun partido por xogar. Ou sexa, que mesmo poderíamos coller unha vantaxe máis ampla. Sería deixar un pouco atrás a un rival directo", analiza Víctor Vázquez ao respecto desa situación.

O xogador da escadra pontevedresa sabe cales son as virtudes do adversario. Ademais de dispoñer dun dianteiro como Joselu, o Racing é un equipo que "defende ben e non renuncia a ter o balón. Fan perigo en balón parado, como se viu no no partido da primeira volta, cando nos meteron os dous goles da mesma forma, nun córner e nunha falta lateral. Ten xente potente e con envergadura que vai ben por arriba, polo que temos que ter todo iso controlado. E ademais, teñen xente habilidosa, de tres cuartos de campo para diante".

Así que o de este domingo vai ser un envite de esixencia, como case todos. "Míranse con moita tensión, porque a marxe de erro é mínima. Sabes que tes que sumar sempre. Outros anos pensas perdín, pero quedan tempo para reaccionar. Neste ano tan peculiar non é así. Cada partido é unha batalla", manifesta.

Comentarios