"Antes de marchar, quero entrar na fase e ascender"

Margarita Moreira destaca a complicidade e unidade do Arxil como chave do bo rendemento do equipo pontevedrés
Margarita Moreira nun partido de liga. GONZALO GARCÍA
photo_camera Margarita Moreira nun partido de liga. GONZALO GARCÍA

Margarita Moreira é xa unha das veterás do CB Arxil. Leva seis temporadas defendendo os intereses do club verde. Nese tempo aconteceron moitas cousas: produciuse unha notable evolución persoal, pero tamén do equipo e do club. Un dos momentos chave da súa estadía na escadra pontevedresa foi a disputa do play-off de ascenso a Liga Challenge de 2022. Se cadra, chegou a hora de que se repita.

"O meu obxectivo claro é, antes de marchar, entrar na fase e, se podemos, ascender á Liga Challenge", afirma esta versátil xogadora, para a que non é unha sorpresa o bo facer verde no que vai de campionato.

"Temos o obxectivo claro, que é conseguir o que non logramos o ano pasado (clasificarse para a fase). Somos o mesmo bloque e confío na capacidade do noso equipo".

Para a aleira do cadro pontevedrés, a conxunción do colectivo, que é practicamente idéntico ao do curso 2022-23, é unha das súas fortalezas. "É un factor moi importante. Adaptarse require un período de tempo que nós non precisamos tanto".

Esa unidade percíbese deportiva e persoalmente e é a rede que impide que o Arxil se precipite cara o chan nos momentos críticos. "É impresionante. Se algunha se desmotiva, unha compañeira tira dela. Podemos falar fóra e dentro da cancha. Nótase esa complicidade tamén na pista... e axúdanos a pasalo ben, que é do que se trata".

O colectivo, ademais, ten un equilibrio e unha profundidade de banco que lle permite a tódalas pupilas de Maite Méndez estar en disposición de sumar. "A responsabilidade pódese repartir. Se algunha compañeira está máis cansa, hai unha boa rotación no banco. Se o partido se complica, hai variables tácticas. Todas aportamos o que sexa preciso".

A xogadora de Burela apela á insistencia no traballo para chegar á meta final no grupo de cabeza. "Se continuamos nesta dinámica de adestramentos, con esta motivación, conseguirémolo. Tampouco podemos confiarnos por terlle gañado ao líder nin asegurar que o temos todo feito", asegura.

Moreira fala antes da chegada dun momento da temporada que pode ser esencial, contra rivais directos na pelexa polo play-off.

"O ano pasado este tipo de partidos foron nos que nos desinchamos e poden ser a chave para xogar a fase". O Maristas da Coruña e o GEiEG serán eses adversarios que medirán as posibilidades das verdes na pelexa polos lugares que dan dereito á fase de ascenso. Pero antes, o Arxil viaxará a Valladolid para enfrontarse ao Ponce, un rival que loita pola permanencia, pero que esixirá o máximo ás verdes. No CGTD "fora un partido moi duro. É un equipo baixo, pero rápido e intenso. Son xogadoras que levan moito tempo xuntas".

Comentarios