Antía García revalida os títulos de campiona de España en tres modalidades

A deportista caldense do Club Acuático Umia conseguiu mellorar o seu propio récord nacional en 50 metros arrastre de maniquí
A deportista de Caldas de Reis posa coas medallas de ouro acadadas en Elche. CLUB ACUÁTICO UMIO
photo_camera A deportista de Caldas de Reis posa coas medallas de ouro acadadas en Elche.

A nadadora caldense Antía García Silva, do Club Acuático Umia, obtivo tres medallas de ouro no 35 Campionato de España de Salvamento e Socorrismo, celebrado o pasado fin de semana na piscina municipal de Elche (Alicante), e no que participaron cerca de 400 deportistas de 40 clubes de todo o territorio nacional.

Antía García Silva fixo triplete e demostrou que se atopa en plena forma física conseguindo revalidar os seus títulos de campiona de España nas tres modalidades nas que participou: 100 metros socorrista, 50 metros arrastre de maniquí e 100 metros aletas, categoría esta última na que tamén ostenta o título de Campiona do Mundo obtido no 2018 en Australia.

Ademáis, nesta ocasión Antía García conseguiu mellorar o seu propio récord de España en 50 metros arrastre de maniquí, parando o cronómetro en 00.34.80, dez centésimas por debaixo da súa anterior marca. E conseguiu tamén o récord galego en 100 metros socorrista, cunha marca de 01:01:61.

A próxima cita para esta deportista caldense será o IX Open Internacional que celebrarase na pisicina municipal de Torrevieja (Alicante), e que lle servirá tamén como preparación para o vindeiro Campionato Europeo que terá lugar en Castellón do 12 ao 18 de setembro deste ano.

O Club Acuático Umia sitúase con estes resultados na décima posición da clasificación por equipos absoluta femina e na 17ª posición na xeral.

O alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, felicitouse por estes novos éxitos de Antía García, que son o resultado do extraordinario esforzo da nadadora caldense á quen lle está dedicada a piscina municipal de Caldas, e lle desexa os mellores resultados nas vindeiras competicións. Tamén agradeceu ao Club Acuático Umia polo seu labor continuado no fomento da natación na vila termal.

Comentarios