"As rachas non son infinitas"

O adestrador do Pontevedra amósase ambicioso no desprazamento do Pontevedra a Linarejos, onde os locais, segundos da táboa de Primera RFEF, non perden desde hai case un ano
Antonio Fernández dando indicacións en el Romano. ADG MEDIA
photo_camera Antonio Fernández dando indicacións aos seus xogadores no último desprazamento do Pontevedra. ADG MEDIA

Antonio Fernández Rivadulla amósase optimista, mesmo confiado, ao respecto das posibilidades do Pontevedra no desprazamento a Linares para enfrontarse ao mellor local de España no último ano, período no que non perdeu partido ningún no seu feudo. "As rachas non son infinitas. Vannos esixir moito, loxicamente. Son dos mellores equipos da categoría canto a sensacións e resultados. Levan cinco triunfos consecutivos e somos conscientes da dificultade. Pero temos que ser nós mesmos".

Indo máis alá, o responsable do banco granate mesmo se amosou ambicioso. "Temos que ir a Linares non só coa intención de sumar, senón de gañar o partido. Todo pasa por ser un equipo solvente a nivel defensivo, que esteamos ben colocados, que sexamos un equipo ordeado. E a partir de aí, ser o Pontevedra: un equipo que queira ter o balón, ser mellor có rival".

Para lograr o obxectivo, o preparador é consciente de que o plantel debe pulir aspectos do xogo que lastraron o rendemento colectivo nos últimos envites. "Debemos incidir nesas pequenas cousas que nos están a faltar, neses detalles. Chegamos moito, pero non damos a sensación de perigo que precisamos: temos que ser un bloque máis agresivo na área".

Aínda que certos sectores do contorno están a manifestar certo nerviosismo debido á dinámica do once granate nas últimas semanas, particularmente fóra da casa, onde o PCF sumou un punto de nove, o responsable do banco amósase moderadamente tranquilo. "Levamos tres partidos e nos tres tivemos opcións, excepto neste último, no que nos lastraron pequenos detalles nosos no primeiro e segundo gol. Demostramos ter personalidade co balón. Na Coruña creo que fomos un equipo moi bo que mereceu gañar. Pero o resultado foi o que foi. E no debut fóra da casa contra o Sanse foi unha primeira parte moi completa e nunha acción puntual na primeira parte recibimos o primeiro gol. Despois o equipo quixo, intentou ser mellor có rival co balón. Non hai por que estar nerviosos. Temos que ter personalidade e seguir incidindo no que nos están dando resultado canto a sensacións, aínda que non canto a resultados".

Iso si, Fernández Rivadulla recoñeceu que hai marxe de corrección e mellora nalgunhas situacións. "O outro día fallou algunha transición, o día do Sanse, igual, Nese aspecto é o que temos que mellorar".

O Pontevedra está na zona media baixa, con seis puntos, un máis cós equipos que ocupan prazas de descenso. Pero o técnico do cadro lerezano non percibe que iso lle afecto ao colectivo a nivel emocional. "Ansiedade? Non. Eu intento estar na miña burbulla, centrado en sacarlle o maior rendemento posible aos xogadores. E a eles véxoos responsabilizados e sabedores de que este ano estamos nunha categoría nova, esixente e na que temos que dar o mellor para obter os mellores marcadores. Os rivais son rivais bos e ese é o nivel que temos que ofrecer para sacar resultados positivos".

Malia ser un dos bloques que marca a pauta na categoría, o adestrador pontevedrés agarda un Linares ben armado e non demasiado alegre, que saiba adaptarse ás circunstancias. Un rival que non lle agasalle espazos ao Pontevedra. "Teño as miñas dúbidas sobre o partido que van facer. Pero eles non teñen medo de defender en bloque intermedio. Cando ven que o rival lle pon dificultades, saben pechar ben os espazos e saír á contra. Transiciona ben, tanto defensiva como ofensivamente. É un equipo que está nun bo momento. Pero temos que ir alí ao máximo nivel para polo nas máximas dificultades posibles e sacar algo positivo. Non perder sería positivo, pero eu vou coa ilusión de gañar".

Aliñacións variables 

Antonio aínda non repetiu once inicial no que vai de temporada. Lembra que os condicionantes e a profundidade de banco teñen moito que ver con iso. "Hai que ver as circunstancias. No último partido estaba Brais con problemas musculares de decidimos reservalo. Igual a xente pensa que o estabamos a castigar e non é así. Temos un plantel completo no que todos poden ser titulares ou partido do banco. O que decide é o traballo semanal e que poidan estar todos ao cento por cento".

Unha das demarcacións nas que realizou máis variacións foron os extremos. "A misión dun adestrador debe ser intentar rendemento. A raíz de que non sempre atopamos solucións, procuramos ese xogador que estea co acerto necesario para que, nesas chegadas que xeramos, haxa un bo centro e a partir do bo centro, unha boa ocupación dos espazos na área. No segundo balón, en ocasións non temos a mellor colocación para evitar a transición do rival. Mellorando eses pequenos detalles o Pontevedra está preparado para gañar moitos partidos".

"Temos que ter un plan A e un plan B para non ser un equipo predicible. Pero o que funciona, temos que seguir traballándoo, con pequenos matices, cos xogadores que temos no campo, sabendo o que nos poden ofrecer con outro tipo de debuxo ou de aspectos do xogo", explicou o adestrador granate para zanxar o asunto das aliñacións.     

Baixas

Antonio Fernández lembrou as baixas de Samu Araújo e Borja Domínguez para o partido que o Pontevedra disputará mañá en Linares, así como a de Seoane, de quen explicou que "está a evolucionar, collendo forma. Está en proceso. Debería explicalo o doutor. Eu diso non sei demasiado. Intento saber do traballo de equipo a nivel táctico, anímico e de que chegue o mellor preparado posible aos partidos. De temas médicos, descoñezo".

O preparador explicou que o conxunto recupera ao medio centro Masogo, que levaba unhas semanas con problemas musculares.

Más en Deporte Local Pontevedra
Comentarios