Triatlón | Copa do Mundo Pontevedra 2022

Antonio Serrat: "Estou capacitado para estar diante, pero ninguén regala nada"

Na súa segunda casa, coa motivación de recibir os folgos dos seus veciños nun terrreo que coñece á perfección, o vigués de Pontevedra intentará facerse co triunfo nunha proba que se presenta tan aberta como incerta ante a ausencia das grandes superestrelas da modalidade
Antonio Serrat. GONZALO GARCÍA
photo_camera Antonio Serrat. GONZALO GARCÍA

Afianzado dentro da elite da disciplina mundial, Antonio Serrat será unha das grandes atracción da Copa do Mundo que se celebrará o domingo en Pontevedra. O vigués non só é o principal especialista de distancia olímpica español da actualidade, ante a paréntese tomada por Mario Mola e a evolución cara outras distancias de Gómez Noya e Alarza, senón que ademais dispón de varios postos Top-Ten en probas das Series Mundiais, algo que o fai acreedor de portar o número ás costas durante a proba. Poderá pasear ese número diante do seu público coa intención de chegar o máis lonxe posible.

É unha motivación superior competir en Pontevedra?
É unha proba especial. Sempre que un corre onde adestra éo. Corrín en Pontevedra en probas de Campionato Galego e Campionato de España. Facelo agora nunha Copa do Mundo, moito máis. É unha proba de moito nivel. Aínda que teño moita motivación, vai ser moi difícil, porque afortunadamente hai xente moi boa.

Puido vivir o ambiente de público nun gran evento de triatlón en Pontevedra?
Tivera a fortuna de estar no Mundial de Duatlón de 2014 en categoría xúnior. Nos circuitos, sobre todo o de carreira a pé pola zona peonil, a zona monumental, o ambiente sempre é espectacular. Facer unha carreira deste nivel correndo polo centro da cidade nun día de verán vai ser impresionante. Esperemos que as sensacións acompañen para ter un bo recordo desta carreira.

Como son agora esas sensacións?
Atópome ben, pero nas últimas probas, por caídas e circunstancias de carreira non puiden gozar. Esperemos que nesta fin de semana, as impresións que teño adestrando poidan saír na carreira para polo menos atoparme ben e así verme competitivo.

Gústanlle os circuitos desde un punto de vista técnico?
A natación, que normalmente non tiña moita diferenza con outras carreiras, neste caso é especia. A primeira volta é máis longa do normal, dun quilómetro, e a segunda volta é distinta. Estamos habituados a facer sempre o mesmo percorrido na natación e isto vai ser unha novidade. A bicicleta ten un sector para rodar á beira do río e logo, a zona universitaria que é máis técnica, con xiros e rotondas que a farán máis difícil. A carreira a pé vai ser bonita, pero tamén dura, porque ten un par de repeitos dos bos. Para todos os que nos gusta o triatlón, afeccionados e deportistas, vai ser unha carreira para gozar.

É un obxectivo en si mesma ou unha toma de contacto de cara á final das Series Mundiais de 2023?
A proba de 2023, final do Mundial, será moi grande. Se esta fin de semana imos vivir unha festa, o próximo ano será aínda maior. Gustaríame poder estar nela, pero aínda resta moito camiño por percorrer ata entón. É importante coñecer os circuitos. Espero poder ter un bo recordo desta carreira para ter oportunidade o ano que vén de repetir neste mesmo circuito.

"Que non estean Luis, Blumenfelt ou Yee non quere dicir que o nivel non sexa alto e ademais a carreira vai ser máis tola"

Séntese como un dos favoritos?
Un pouco si, pero por outra parte, non. Coñezo moitos rivais que poden ter un bo día e gañar ou facer top-10, que sempre é complicado. Teño a sorte de saír co dorsal número 1 e iso dime que estou capacitado para estar diante, pero son consciente de que ninguén regala nada e todos van querer apertar en cada curva. Sei que puiden estar en postos dianteiros noutras probas e que podo facelo agora, pero vou ter que apertar os dentes como o que máis. Cales serán os rivais a bater? O marroquí Yauad Abdelmula vén de facer hai dúas semanas un podio nas World Series de Hamburgo. O equipo británico e o francés, aínda que con xente moi nova, son moi fortes. Alemaña terá xente que estivo nos Xogos Olímpicos, o suizo Max Studer foi sétimo nos Xogos. Tamén están o equipo mexicano e chileno, que están a adestrar en Lugo e aproveitan para facer carreiras en Europa: o nivel é moi elevado. Non hai un guión preestablecido e iso vai facelo máis complicado. Cando están as grandes figuras, como Vincent Luis, Kristian Blumenfelt ou Alex Yee, son eles os que marcan as pautas da carreira. Que non estean non quere dicir que o nivel non sexa sendo alto e ademais a carreira vai ser máis tola. Non sabes cara onde vai ir todo: se haberá escapada ou grupo de 50 ou 60 en bicicleta. Haberá máis opcións para todos.

Cal plan de carreira lle convén?
O nivel de natación é de Series Mundiais. Están Richard Varga e Mark Dévay, que saiu primeiro da auga en Hamburgo. É a xente que marca a natación nas Series Mundiais e está aquí, polo que o nivel da auga é igual ao de calquera proba do Mundial. Esa será unha chave: saír da auga preto deses nadadores. Se pasas o primeiro corte, vai ser máis doada a carreira. A partir dese momento, buscaremos baixar da bici cunha vantaxe con respecto a un grupo máis grande. Así que o principal obxectivo é estar o máis diante posible na natación. Se non estamos diante, haberá que remar para poder recuperar no treito da bicicleta e chegar nunha posición vantaxosa ao último segmento. Se estamos diante, haberá que tirar para obter vantaxe e principiar a correr nas mellores condiciones.

Parece que as condicións meteorolóxicas serán favorables para que se poida ver unha boa carreira...
Se a proba fose a semana pasada, teríamos todo algo máis difícil pola calor que fixo. Pero parece que baixaron as temperaturas. Iso vaise agradecer. O que vai estar ao límite será a temperatura da auga para o uso do neopreno. Pode marcar a diferenza, porque as probas con neopreno normalmente reducen as diferenzas entre os especialistas na auga e os que dominan menos ese treito.

Comentarios