viernes. 27.05.2022 |
El tiempo
viernes. 27.05.2022
El tiempo

Antri Christoforou bautiza o Farto co seu triunfo na Clasique Morbihan

Antri Christoforou no medio do podio da Clasique Morbihan como gañadora. NICOLAS BANCOLEUR
Antri Christoforou (centro) no podio da Clasique Morbihan como gañadora. NICOLAS VANCOLEUR
A ciclista chipriota dálle o primeiro gran triunfo no profesionalismo ao conxunto pontevedrés despois de ser a máis forte dunha fuxida de nove corredoras que burlou o control do pelotón

A chipiriota Antri Christoforou estaba chamada a ser a primeira gañadora do Team Farto no profesionalismo e confirmou as sospeitas e expectativas da súa fichaxe ao gañar este venres La Clasique Morbihan, proba dun día disputada en Francia, sobre un esixente percorrido de 120 quilómetros, con constantes dentes de serra que puxeron a proba a capacidade táctica e a potencia das corredoras.

Christoforou empregou un tempo de 3 horas, 4 minutos e 35 segundos para cubrir a distancia entre Josselin e Grand Champ, localidades do departamento de Morbihan, nas sempre esixentes e recoñecibles terras bretonas.

Cristoforou impúxose por diante da francesa Coralie Demay, do St Michel - Auber93 WE, que chegou a tres segundos, e da neerlandesa Femke Markus, do Parkhotel Valkenburg, a catro.

A vitoria ten un valor engadido pola categoría dalgúns dos equipos e corredoras participantes. A presenza da neocelandesa da Française des Jeux Grace Brown, excelente rodadora e asidua nos momentos decisivos das grandes clásicas femininas da UCI World Tour, ou da italiana Maria Giulia Confalonieri, do Ceratizit-WNT Pro Cycling, concede lustre a un triunfo cociñado a lume lento.

A carreira naceu de maneira intensa e nerviosa, cunha grande cantidade de ataques, ao máis puro estilo das probas en chan galo. As dificultades do percorrido, polo continuo sobe e baixa e a estreiteza das estradas sobre as que se desenvolvía, favorecían os constantes intentos das ciclistas.

A proba contaba coa presenza de corredoras do máximo nivel internacional, como a neocelandesa Grace Brown, líder da formación World Tour FDJ

Nunha desas demarraxes, un grupo de tres corredoras tomou a dianteira sobre o pelotón. No quilómetro 60 da proba, despois de infinitos intercambios de golpes e dun desgaste moi elevado, un sexteto no que se filtrou Cristoforou fuxiu da vixiancia do grupo principal e uniuse ao terceto que comandaba a proba. O pelotón decidiu tomar un respiro despois de tanta guerra e as fuxidas conseguiron acceder en cabeza ao circuíto final, sobre o que debían dar tres voltas culminadas cunha subida dun quilómetro e 300 metros e unha pendente media do catro por cento.

A chipriota do Farto decidiu seleccionar o grupo ante a ameaza da persecución do pelotón, comandado polo equipo máis potente a priori, o FDJ de Grace Brown.

Despois de peneirar o grupo, ficaron tres corredoras na cabeza: Demay e Markus erixíronse en compañeiras de viaxe da chipriota. As tres chegaron xuntas á costa final, con vantaxe de abondo para disputar a etapa entre elas.

Cristoforou, que xa demostrara ser a máis forte da fuxida durante a xornada, fixo gala da súa maior potencia no rush final para deixar de roda ás súas compañeiras de viaxe na recta definitiva e así poder celebrar o triunfo. Grace Brown encabezou o pelotón, a 20 segundos da vencedora.

Este sábado o equipo pontevedrés, que non recibiu invitacións nas voltas celebradas en terreo español, participará na segunda clásica do díptico: o Gran Premio de Plumelec-Morbihan, cos deberes feitos, seguramente máis vixiado despois do resultado de este venres, pero sempre co obxectivo de ter visibilidade na carreira.

Antri Christoforou bautiza o Farto co seu triunfo na Clasique Morbihan
Comentarios