Anxos Riveiro, concelleira de Deportes de Pontevedra

"Somos unha cidade pequena que vai facer grandes cousas"

Faltan dous días para que comece o gran acontecemento do ano deportivo 2019, o ITU Multisport, que ateigará Pontevedra e a súa comarca de triatletas de tódolos lugares do mundo co obxecto de loitar pola gloria e, de paso, coñecer as bondades dunha terra que ten no deporte unha das súas principais fontes de promoción e riqueza

Anxos Riveiro. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Anxos Riveiro. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

PONTEVEDRA converteuse na cidade española por excelencia do tríatlon desde que hai once anos organizou unha proba da Copa de Europa. Desde entón, ademais de acoller a deportistas de elite como Javi Gómez Noya, Pablo Dapena, Antonio Serrat, Fernando Alarza, Saleta Castro ou Bárbara Riveros, o Lérez non deixou de alimentar grandes acontecementos. Iso si, ningún cunha presenza tan masiva de deportistas como o ITU Multisport, que someterá a exame a capacidade organizativa da cidade do Lérez.

Que espera deste Mundial?
A mesma resposta que obtivemos en tódolos eventos relacionados co tríatlon: unha cidade volcada co deporte. É unha modalidade complexa que se foi asentando no calendario. A xente ten un especial cariño por ela. En Pontevedra hai grandes triatletas, dos mellores do mundo, que afianzan ese sentimento da cidadanía cara o tríatlon. Ao mesmo tempo, agardamos con expectación o ambiente derivado da chegada de practicantes de tódolos países do mundo. A cidade pasará de ter un ou dous idiomas a ter moitas linguas diferentes camiñando polas súas rúas. Vai ser extraordinario.

O tríatlon é un dos seus buques insignia desde 2008. Que os convenceu para que sexa así?
Daquela, a Federación Galega e a Consellería de Deportes apuntaron unha idea na que estabamos a traballar nós de forma silenciosa, que o deporte pode ser un elemento turístico e económico. Ofrecéronnos organizar unha Copa de Europa. Aí empezamos. O normal sería comezar pouco a pouco. Naquel momento dixemos que si, xa que podía ser un escaparate para Pontevedra. E ao pouco había televisións de toda Europa grabando a nosa cidade.

"Gómez Noya, Dapena e Saleta Castro van ter que soportar unha gran presión. Toda a afección vai estar pendente deles"

Boa estratexia publicitaria…
E tamén deportiva, porque é un elemento motivador para que a xente se atreva a saír da rutina diaria. Ter na nosa cidade a grandes campións coma Javi (Gómez Noya), Pablo (Dapena) ou Saleta (Castro) é un incentivo. É un motivo de fortalecemento económico fóra da temporada turística, unha forma de vender a cidade polo mundo afastándose doutras estratexias turísticas.

Que supón para a organización contar coa participación de Gómez Noya?
É supermotivador telo disputando unha proba internacional unha vez máis nas nosas rúas. Para todos: para a cidadanía e para a organización, para a xente que está a traballar e, por suposto, para a xente que vén competir.

Sería un triunfo organizativo un podio con Pablo Dapena, Javier Gómez Noya e Saleta Castro?
Asinabamos todos. Están entre os mellores do mundo. Pero entendemos tamén a presión que teñen que soportar, porque aquí adestran a cotío, están as súas familias e os compañeiros de adestramento. Seguramente estarían máis cómodos competindo nas Bahamas. Toda a xente, os rapaces, a afección de Galicia van estar pendentes deles. Sería fantástico poder dicir que son os mellores do mundo e que o demostraron na casa, pero isto é unha competición de máximo nivel e o éxito non vai ser sinxelo.

Custou convencer a Gómez Noya para que participase?
En absoluto. Non o presionamos e entenderíamos que, dada a súa planificación deportiva, optase por non competir. De feito, aquí participou nalgunhas probas e en outras non puido. Pero competise ou non, sempre estaba. É algo digno de agradecer.

Un dos triunfos deportivos do Concello foi a recuperación do río Lérez para a práctica deportiva.
Eu vivía a carón do Lérez en 2002 e non podía abrir a ventá da casa e agora estamos neste punto. Co esforzo de moita xente logramos que o río sexa parte da nosa cidade. É un orgullo que o Lérez teña tanta presenza nos adestramentos e nas competicións.

"É o gran evento deportivo do ano en Galicia e só se pode levar a cabo se se implica moitísima xente"

Cal é a repercusión económica dunha proba deste calado?
Non hai datos económicos concretos. Poderemos valoralo ao rematar. Os nosos estudos, sobre todo, están realizados sobre probas máis doadas de acotar. Agora estamos a falar de preto de 4.000 deportistas. Entre os participantes nos grupos de idade temos xente que vén competir porque ama este deporte e é o seu plan vacacional. Participan, pero gozan tamén de Pontevedra e do seu contorno. Visítanos xente de Canadá, Estados Unidos e Australia que saben que poden visitar dous países. Estes días xa os podemos ver. A repercusión económica percíbese. Os hoteis están cheos e iso supón postos de traballo fóra de temporada alta. A xente compra e gasta e iso son cartos que se moven na cidade. E non se agota aquí: hai xente aloxada en Vigo, en Sanxenxo, en Santiago. As distancias que teñen que percorrer os canadenses ou estadounidenses para desprazarse por Galicia, ás veces, é menor ca que fan cada día para ir ao traballo. No Mundial de Dúatlon tivemos a unha familia enteira que acompañou ao deportista, que tiña case 80 anos. Viñeran ata os netos. Para nós é o gran evento deportivo do ano en Galicia. Isto pódese levar a cabo se se implica moitísima xente. Somos unha cidade pequena que quere facer cousas grandes.

Quedou superado o trauma que produciu a coincidencia coas Eleccións Xerais?
Foi un gran trastorno. Había moitos inscritos con reservas realizadas. Tivemos que cambiar circuitos. Foi un contratempo. E ademais hai un ambiente electoral e a nivel comunicativo hai que andar con tino para que non se produzan malas interpretacións.

Como resposta a cidadanía ao respecto de trastornos na vida cotiá?
Tivemos moitas reunións con agrupacións e, sendo conscientes de que hai días que serán complexos, a xente sempre nos propuxo solucións. Agradecen ser informados con antelación. Non atopamos grandes problemas. Os veciños están involucrados e colaborando moito: e falo de xente da zona cero, que non vai poder sacar o seu coche á N-550 durante días das probas e terá que ir por Bora para poder chegar ata aquí.

Nas primeiras lexislaturas, o goberno de Lores parecía esquivo co deporte. Que cambiou?
Unha vez que se tomaron decisións ao respecto do modelo da cidade, foi vindo o demais e chegando outro tipo de decisións: estabamos preparados para acoller eventos, pero había que ver como respondía a xente. A hostelería foi cambiando moitísimo, para ben. Os clubs locais, no taekwondo ou na natación, permitíronnos ver que podiamos organizar e ademais era benefi cioso para a cidade. Todo foi mudando conforme foi evolucionando a cidade.

"Non é certo que por facer grandes eventos se lle detraian cartos aos clubs. Non. Forman parte de partidas diferentes"

Cambiando de tercio, como é a relación cos clubs da cidade?
Non é mala, pese a que hai algúns momentos complexos. Saben que sempre teñen o Concello da súa man. Para algúns hai situacións complicadas e iso pode coincidir con certos problemas do Concello. Escoitei que o feito de que haxa eventos prexudicaba aos clubs. Pode que haxa retrasos coas tramitacións. Diso non teñen culpa os clubs. A realidade é esa e non fuxo dela. Pero non é certo que por facer eventos se lle detraian cartos aos clubs. Non. Son partidas diferentes.

Como está o asunto das subvencións atrasadas?
Cando no deportivo as cousas non van, a presión no económico é moito maior. Estamos intentando axilizar ao máximo e tratando de poñernos ao día no que se refi re a este tema en 2019. Nas Escolas Deportivas xa o fi xemos, pero estamos pendentes da subvención de maior consignación económica. A súa resolución defi nitiva está a piques de saír para entregala na pretemporada en curso.

Afectou a desaparición do IMD?
Coas novas leis, os organismos autónomos creados nos 90 tenden a desaparecer. Pero iso non infl uíu no tema dos retrasos. Ocorrería o mesmo. A desaparición do IMD produciuse, entre outras cousas, porque como organismo autónomo impedía xeración de novos postos de traballo. Temos que incrementar o persoal adicado a deportes, porque a práctica se incrementou substancialmente nestes anos.

Como afrontan o Mundial júnior de balonmán e o Europeo de loita deste verán?
O balonmán é un dos nosos buques insignias. Ver as fi guras mundiais júnior é un gran aliciente e volverá poñer os focos sobre Pontevedra e atraer a xente apaixonada por este deporte de toda Galicia. E o Europeo de Loita será un evento moi singular. Vai traer xente de países que xamais puxeron os seus pés en Galicia.

Que retos hai en infraestruturas?
A práctica deportiva é brutal. Os horarios son complexos e temos que dar cabida a tódolos clubs con tódalas súas categorías. Non temos máis horas dispoñibles para novos equipos ou clubs. Hai un club de balonmán que, se dispuxese de máis horas, podería ter unha sección feminina. Canto a campos, na Xunqueira non hai máis horas, pero temos unha rede de campos sintéticos no rural que está fortalecendo a actividade nese ámbito. E nestes meses sairá a licitación do proxecto do pavillón da Parda.

Más en Deporte Local Pontevedra
Comentarios