jueves. 09.07.2020 |
El tiempo
jueves. 09.07.2020
El tiempo

Aqueles marabillosos derbis entre o Pontrevedra e o Celta B

Luciano como granate no derbi de 2006. ARQUIVO
Luciano como granate no derbi de 2006. ARQUIVO

Ex-xogadores de Pontevedra e o Celta B lembraron os derbis que viviron no pasado e a gran rivalidade coa que se percibían

"O primeiro que mirabamos no calendario era o partido contra o Pontevedra. Para nós era como xogar contra o Real Madrid", lembra Luciano González Groba, un dos moitos futbolistas que militaron no Celta B e no Pontevedra. A rivalidade que hoxe se vai perdendo debido á política de captación do filial celeste era un dos grandes valores do encontro entre o filial e o cadro granate: algo que hoxe rememoran varios míticos futbolistas de comezo de século que defenderon os intereses dos dous conxuntos.

Luciano lembra que na súa etapa céltica "eramos case todos de Vigo ou arredores. E iso facía que se vivise máis intensamente".

Consciente de que o Celta B mudou, o porriñés cre que aquela idea puido cambiar. "Non creo que á xente do Celta B de agora lle importe tanto que sexa derbi".

A memoria prodixiosa de Luciano faille relatar un dos seus clásicos como celeste, en 2002. "Foi en Balaídos. Gañamos 2-0. Expulsáronme por parar o balón coa man baixo paos. Despois Luismi (actual técnico granate) tirou o penalti ao Panenka e Roberto paroullo". En 2004 fichou polo Pontevedra, club ao que lle tomou un agarimo especial. De aí que desexe sen tapuxos "que gañe o Pontevedra, claro".

"Enchérase a Tribuna de Balaídos de afección granate. É unha das mellores de Galicia", lembra Pablo López referíndose ao 2003

Luciano compartiu vestiario con Jacobo Campos, prometedor estremo que estivo cedido no Pontevedra a finais do século XX e retornou ao Celta B na categoría de bronce. Campos só ten boas palabras para os dous clubs. "Hai unha rivalidade, pero sá. Sempre houbo bo rollo".

Lembra que na súa etapa "era raro que houbese xente doutras partes de España no Celta B ou no Pontevedra. Había algún xogador asturiano e estaba Paco, que era de Mallorca. Agora no Celta B a meirande parte son de fóra. É algo que choca ver neste filial".

No derbi da primavera de 2003, no once inicial do cadro vigués, xunto a Luciano e Jacobo, estaban Jonathan Aspas, Jorge Rodríguez e Pablo López. Todos vestirían a elástica granate despois ou a vestiran antes. Na temporada seguinte, o Pontevedra gañou 2-3 en Balaídos. Pablo López, hoxe axudante de Seedorf na selección de Camerún, rememora como "se enchera a bancada de Tribuna de Balaídos de xente de Pontevedra. Vivíase con tensión, pero deportividade. Eran derbis moi bonitos".

"O primeiro que mirabamos no calendario era o partido contra o PCF. Era como xogar contra o Real Madrid", sostén Luciano

López cadrara con Jonathan Aspas, Noguerol, e Aragoneses no Pontevedra, anos atrás. Todos foran exceltistas en Pasarón. El vivira o fútbol á beira do Lérez, cidade á que lle garda un agarimo incrible. "A afección é de Segunda División ou de Primeira".

Cando estaba no Celta, David Pérez sabía que "sempre que se xogaba contra o Pontevedra era un partido especial, porque é un club cunha gran dimensión. Eran partidos que movían moita xente".

"Teño a espiña cravada de non ter ascendido co Pontevedra", explica David Pérez facendo memoria das súas etapas granate e celeste

Xa máis veterán fichou polos granates. "Era un futbolista máis experimentado. O derbi vivíase cunha maior esixencia. Todos sabemos o que é o Pontevedra. Consegue que te sintas como un xogador profesional. Teño a espiña cravada de non ter ascendido co Pontevedra".

Os derbis xa se viven pola semana e o domingo todo o que pasa na liga non conta. "Aquí a clasificación non serve de referencia".

Luismi: "En lo único en lo que es igual, es en que no dan más puntos por ganar"
Luismi participou en moitos derbis co Pontevedra, algúns deles contra Luciano, Jacobo Campos, David Pérez e Pablo López. Como lembra Luciano, mesmo fallara un penalti no partido de Balaídos de abril de 2002.

Por iso, o preparador vigués sabe que o duelo contra o rival do Sur é diferente a outros. "Un partido más, no es, porque es contra el equipo vecino. Es un encuentro con rivalidad, en el que todos nos conocemos: el cuerpo técnico también. En lo único en que es igual a los otros es en que no nos dan más puntos por ganar".

O técnico poderá contar este domingo con Álex Fernández e convocará a tódolos futbolistas menos Nacho López e Álex González, sancionados.

 

Aqueles marabillosos derbis entre o Pontrevedra e o Celta B
Comentarios