Arquívase o caso Carlos Prieto

A investigación da Federación Galega de Triatlón determina que o seu director deportivo non incorreu en actos susceptibles de sanción

Unha imaxe das finais das Series Mundiais de Tríatlon disputadas en Pontevedra o pasado setembro. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Unha imaxe das finais das Series Mundiais de Tríatlon disputadas en Pontevedra o pasado setembro. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

A Federación Galega de Tríatlon arquivou o expediente aberto ao seu director deportivo e coordinador da área de tríatlon do Centro Galego de Tecnificación Deportiva, Carlos David Prieto, trala denunciada por insultos a unha deportista becada no centro que foi presentada contra el.

Despois de que a Asesoría de Confidencialidade, órgano encargado de levar a cabo as pescudas pertinentes, interrogase as testemuñas, a vítima e o denunciado e presentase o correspondente informe de conclusións, a xerencia da Fegatri estimou que non existen motivos para sancionar o seu máximo responsable deportivo, que continuará co desempeño do seu labor, tanto na Federación Galega de Tríatlon como no propio CGTD.

Consultado ao respecto da resolución, o técnico declinou realizar valoracións, como tamén fixera no momento no que saíra á luz a existencia do expediente.

Activación do protocolo

A denuncia produciuse a raíz dun feito acontecido o pasado mes de febreiro. Segundo a mesma, o técnico proferiu improperios cun ton elevado contra unha das triatletas becadas no centro, en ausencia da mesma, pero en presenza dos seus compañeiros do grupo de adestramento.

A raíz da apertura do expediente, a Federación activou o seu Protocolo para a prevención e o tratamento de delictos e conductas contra a liberdade sexual e a integridade moral no traballo, atendendo a un posible caso de "comportamentos, actitudes ou accións que son ou poden ser ofensivas, humillantes, degradantes, molestas, intimidatorias ou hostís".

Nos casos nos que a Fegatri activa o protocolo, sempre que se determine algún tipo de acción punible, un denunciado exponse a sancións que oscilan en función do diferente grao de responsabilidade e gravidade dos feitos: desde a suspensión de emprego e soldo por diferentes períodos de tempo, o traslado forzoso sen dereito a indemnización, a mobilidade funcional, o cambio de turno de traballo ou a inhabilitación para o ascenso e a promoción ata o despido disciplinario.

Mentres a investigación permaneceu aberta, a Fegatri estimou que o director deportivo e a vítima estivesen sen contacto, como unha das garantías do protocolo.

Diario de Pontevedra intentou poñerse en contacto coa deportista para coñecer as súas valoracións da resolución ou as súas intencións ao respecto da mesma, pero non obtivo resposta.

Comentarios