89-61. O Arxil queda K.O.

O equipo pontevedrés perdeu contra o Baxi Ferrol en semifinais da Copa Galicia sénior nun partido no que Nerea Liste foi a xogadora máis destacada das verdes con 18 puntos
Arxil
photo_camera Arxil

O Club Baloncesto Arxil caeu eliminado da Copa Galicia despois de perder este venres con claridade contra o Baxi de Ferrol (89-61). A diferenza de categoría materializouse sobre a cancha e no marcador e o bloque preparado por Maite Méndez non tivo opcións reais en ningún momento do enfrontamento. Así e todo, o duelo serviu de preparación para o comezo da temporada na Liga Femenina Dos que se producirá a próxima semana.

Momento para atopar sensacións e afinar a preparación, para empezar a ter as primeiras conclusións de cara á liga tras un test realmente serio e esixente. As verdes teñen virtudes e defectos na posición de base, na que Bernardeco ten que asumir practicamente todo o protagonismo, en minutos e, por ocasións, en xogo. A xogadora lusa abusa en ocasións da posesión da bóla e noutras de precipitación, pero se é quen de centrar os obxectivos que reclama Maite Méndez pode ofrecerlle resultados ao bloque lerezano. A súa velocidade e capacidade para canear serán unha arma do Arxil neste temporada, particularmente mentres non regrese Carla Fernández. Porque en ausencia da capitá, a base cargará toda sobre as costas da portuguesa.

Boa impresión e ademais máis sobria, ofreceu outra das incorporacións do equipo de Maite Méndez. Trajchevska: habilidade para moverse de fóra para dentro, boa man e intelixencia sen balón fana unha xogadora moi interesante que onte demostrou as súas habilidades nunha cita esixente. 

Pero sen dúbida, en Ferrol foi o día para o lucimento persoal de Nerea Liste, unha xogadora sobre a que pode rodar o xogo interior do equipo, que notou a importante ausencia de Heather Forster na pintura, pero soubo capear o temporal grazas á Liste.

As verdes, como mandaba o guión, foron a contrapé todo o encontro. A presión do Baxi Ferrol, a súa capacidade para anotar desde tódalas zonas da cancha e as súas rotacións de maior calidade provocaron que as diferenzas medrasen cuarto a cuarto ata a máxima diferenza, que se produciu precisamente na última xogada do partido, para pechar o 89-61 final. 

Comentarios