77-54. O Arxil endereza o rumbo cunha clara vitoria contra o Barakaldo

O equipo dirixido por Maite Méndez baseou o triunfo nunha completa primeira metade na que deixou ao seu adversario en 20 puntos
Nerea Liste lanzando a canasta en el partido entre el Arxil y el Barakaldo. DAVID FREIRE
photo_camera Nerea Liste lanzando a canastra no partido entre o Arxil e o Barakaldo. DAVID FREIRE

O Arxil bateu con claridade ao Barakaldo (77-54) e recuperou o pulso da Liga Femenina Dos. O triunfo do conxunto verde cimentouse nunha primeira parte para lembrar, na que conxugou o acerto ofensivo cun elevado nivel defensivo que deixou a escadra vasca en 20 puntos. 

No segundo acto, o cadro de Maite Méndez adicouse a administrar as vantaxes e non deixou entrar no partido en ningún momento ao seu rival. O xogo coral do Arxil volveu ser determinante: oito xogadoras puntuaron para o colectivo, no que desta volta destacaron as xogadoras interiores, particularmente unha entoada Nerea Liste, que rematou con 21 puntos, sete rebotes e 21 créditos de valoración.

O enfrontamento principiou cun ritmo elevadísimo por parte dos dous conxuntos. Despois duns intres de desacerto, o bloque verde comezou a producir e facerse forte debaixo dos taboleiros. Alí, Nerea Liste dominaba e xunto con Heather Forster executaba a un adversario con claras dificultades para frear as embestidas do conxunto de Maite Méndez.

As primeiras vantaxes relevantes comezaron favorecer ao Arxil, que rebasou os dez puntos de marxe mercede á velocidad, ao acerto debaixo dos aros e as aparicións puntuais de Carolina Bernardeco trabar en puntos vitais da estrutura visitante, que foi quen de sobrevivir ao bombardeo do primeiro acto coa aparición desde o banco de Kunz.

Así e todo, a batalla recrudeceuse no segundo acto e o partido acabou por rachar. As rotacións, lonxe de facerlle perder capacidade ofensiva ao Arxil, multiplicábana. A boa selección de lanzamento e a velocidade de movemento de balón para do colectivo atopaba premio cun elevado nivel de acerto e, ademais, o rebote ofensivo masacraba un Barakaldo irrecoñecible que non deixaba de sufrir e non atopaba respostas nin na cancha nin no banco, con alternativas defensivas que o Arxil esnaquizaba desde a primeira situación.

Co 44-20, o panorama requería dun troco de 180 graos para que o Arxil perdese o enfrontamento. E non se produciu. O bloque verde non foi quen de manter o nivel de produción ofensiva. O Barakaldo, ademais, subiu liñas e mellorou a súa actividade, intentando secar as ideas e a productividade de Bernardeco e mellorando a actividade preto do aro. Pero en ataque, as biscaíñas non daban forma á súa mellora. 

O máis que deu feito a escadra visitante foi achegarse por debaixo dos 20 puntos, pero unha tripla de Andrea Glomazic e un 2+1 de Heather Forster devolveron os 24 puntos favorables ao Arxil no último período e acaudillaron a un rival que padeceu a segunda derrota do curso.

As verdes suman o terceiro triunfo do curso e recuperan confianza para futuras empresas.
 

FICHA DO PARTIDO
77 - CB Arxil: Carolina Bernardeco (14), Marga Moreira (10), Heather Forster (13), Nerea Liste (21), Nena Trajchevska (7) -cinco inicial- Aldara Vázquez, Carla Fernández (2), Míriam García (5), Cristina Díaz Pache e Andrea Glomazic (5).

54 - Ausarta Barakaldo: Anitua (2), Pehadzic (15), Conca (5), Horford (14), Anderson (6). -cinco inicial- Echeverria, Bizco, Vergara (5), Kunz (7) e Pujolreu. 

Árbitros: López Illán e Méndez Insua (Comité Galego). Sen expulsadas.

Incidencias: Partido correspondente á sexta xornada de Liga Femenina 2 no grupo A disputado no Pavillón do Centro Galego de Tecnificación Deportiva ante uns 300 afeccionados.

Comentarios