O Arxil esgota a marxe de erro

A derrota en Málaga do equipo pontevedrés obrígalle a gañar os tres partidos que restan da liga para clasificarse para o play-off  O sábado as verdes mediranse ao líder, Tirso Incentro
undefined
photo_camera Liste intenta subir o balón ante tres xogadoras do Miralvalle. GONZALO GARCÍA

O Arxil non pode perder ningún partido máis se quere disputar o play-off de ascenso a Liga Femenina Challenge. O equipo de Maite Méndez precisa vencer os tres enfrontamentos que lle restan para asegurar a súa praza entre os catro primeiros clasificados do grupo.

Pero o calendario é realmente esixente para as verdes, principiando por un partido chave o próximo sábado, no CGTD, a partir das 19:30 horas.

As pontevedresas deberán bater o líder da competición, Tirso Incentro, que se atopa inmerso nunha gran dinámica de xogo e resultados, xa está clasificado matematicamente para disputar a fase de ascenso e pelexa polo primeiro lugar da clasificación.

Actualmente, o Arxil ten un triunfo menos có Unicaja Mijas, pero tamén conta cun encontro menos e a basquetaveraxe particular gañada sobre o seu anterior rival. O Unicaja ten por diante dous encontros relativamente cómodos, contra o Cortegada de Vilagarcía na casa e o Barakaldo a domicilio: duelos asequibles para unha escadra que ademais está nunha xeira moi favorable.

"A moral do grupo quedou algo tocada despois da derrota contra o Unicaja. Fixemos méritos para gañar, pero non nos deixaron nos últimos tres minutos", explica Méndez, facendo mención ás tres técnicas e unha falta antideportiva das que foron obxecto as súas xogadoras no último partido, cando o bloque lerezano estaba en plena remonta.

A preparadora pontevedresa é consciente de que os tres duelos finais deben ser saldados con triunfos polo seu bloque, pero tamén que o Arxil depende del mesmo. "Gañando os tres estamos dentro. Así que hai que afrontar o que está por vir. Témolo difícil, pero temos unha oportunidade".

As xogadoras verdes están concienciadas da relevancia deses últimos partidos. "Son conscientes, pero non só agora, senón desde hai un mes e medio. O equipo atópase nunha fase positiva, pero desde a derrota de León sabe que cada derrota supón un paso atrás que non nos veñen nada ben".

Ademais, Méndez lembra que os contrarios, entre eles o próximo visitante do CGTD, están a amosarse moi fiables. "Andan moi ben neste treito da competición. Excepto o Miralvalle, que tivo dúbidas, os demais non están a fallar".

O ambiente de pesimismo despois das dúas derrotas máis recentes contra dous rivais directos non é excusa para o esforzo nas xornadas finais do campionato.

"Sabemos que é difícil, pero imos pelexalo ata o último partido. Ninguén dixo que fose ser doado, pero non é momento de dúbidas", comenta a preparadora do Arxil.

Sabedor da relevancia do enfrontamento do sábado, o club pontevedrés fixo un chamamento aos seareiros para que acudan ao CGTD a dar pulos á súa escadra.

Despois do envite perante o líder, se consegue facerse co triunfo, o Arxil terá por diante dous partidos máis nos que non poderá fallar. Primeiro irá á Coruña para medirse a un Maristas que podería ter en xogo a permanencia na categoría. E para rematar, recibirá en Pontevedra o Bosonit Unibasket, escadra que durante moitas fases do exercicio estivo en prazas de play-off, pero que baixou enteiros na segunda volta.

Comentarios