64-69. O Arxil esnáfrase contra o BF León

O equipo pontevedrés sempre estivo incómodo no partido contra un rival impulsado polo acerto de Capellán e Marina Fernández
Bernardeco bota o balón no partido do Arxil contra o BF León. GONZALO GARCÍA
photo_camera Bernardeco bota o balón no partido do Arxil contra o BF León. GONZALO GARCÍA

O CB Arxil sucumbiu á súa irregularidade e a un intenso e incómodo BF León e frustrou os seus plans de ascender ás prazas de play-off de ascenso a Liga Challenge (64-69).

O bloque pontevedrés pereceu nun mar de perdas, malas decisións ofensivas, baixas porcentaxes de lanzamento e falta de claridade en xeral ante un adversario que case sempre xogou ao que lle interesou para sorprender á escadra de Maite Méndez.

O inicio do partido deixou claras as intencións do bloque visitante, que amparado na intelixencia e brillantez de Marina Fernández na dirección dispuxo das primeiras vantaxes do duelo. A agresiva defensa, con moitos contactos, do bloque visitante colapsaba a zona para intentar evitar que a superioridade física de Forster e Liste se traducise no marcador. O Arxil non atopaba o aro con claridade, pero cando menos dominaba de maneira asoballante o rebote ofensivo. O que regalaba con perdas e malos pases, recuperábao con rebotes ofensivos que lle daban infinitas novas opcións.

Nerea Liste foi a mellor das verdes con 16 puntos e 12 rebotes

Malia a sensación de dominio visitante, o cadro verde marchaba ao remate do primeiro cuarto perdendo unicamente por catro puntos (17-21).

No segundo acto as verdes elevaron o nivel defensivo, cunha magnífica actividade de mans de Carla Fernández e maior atención sobre as executoras visitantes, Marina Fernández e Capellán. Ao descanso, o Arxil controlaba o cabalo e mandaba por tres (32-29).

A distancia subiu ata os 11 puntos de regreso dos vestiarios (40-29). O León precipitábase, Marina Fernández tomaba malas decisións e o cadro lerezano fuxía da man de Trajchevska e Moreira. Pero un tempo morto leonés e o talento no lanzamento exterior de Capellán (rematou con 27 puntos) fabricaron un 0-12 de parcial que permitiu ás visitantes equilibrar a batalla e chegar cun 47-49 ao remate do terceiro período.

E aínda que a zona do Arxil e a aparición de Liste chegaron a darlle un +6 ás lerezanas nos dez minutos finais, Capellán co tiro exterior e Marina Fernández na dirección volveron tolas ás verdes, que sen ideas ante a dura defensa leonesa deixaron fuxir o partido no treito final.

Ficha do partido
CB Arxil: Bernardeco (6), María Lago (6), Moreira (8), Forster (4), Nerea Liste (16) -cinco inicial- Carla Fernández (3), Míriam García, Díaz Pache (6), Glomazic (4) e Trajchevska (11).
BF León: Capellán (27), Marina Fernández (22), Lucía García (2), Brandy (4), Lucía Rodríguez (9) -cinco inicial- Martínez, Niski (3), Natalia González (2), Sara Fernández e Vanesa Obasogie.
Árbitros: Trasancos Blanco e Rico Prieto. Expulsaron por cinco faltas persoais a María Lago, Díaz Pache e Forster por parte do CB Arxil.
Incidencias: Partido correspondente á décimo sexta xornada do grupo A de Liga Femenina Dos disputado no pavillón do Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra.

Más en Deporte Local Pontevedra
Comentarios