57-50. O Arxil gaña o partido parvo do ano

O equipo verde derrota por un marcador axustado a un incómodo ADBA ► Bernardeco resolveu o envite cunha tripla a falta de 14 segundos para o remate
Carolina Bernardeco, penetrando a canastra. RAFA FARIÑA
photo_camera Carolina Bernardeco, penetrando a canastra. RAFA FARIÑA

Os grandes obxectivos conséguense gañando os partidos parvos: eses nos que esvaras para acabares mergullada no barro, que se van complicando ao mesmo ritmo que un telefilm barato alemán, deses que botan os domingos á tarde. Para o Arxil a película tivo final feliz. Cadrou así como podería ter cadrado de calquera maneira, porque o ADBA Sanfer xogou case sempre o encontro que quixo, con velocidade, intensidade, elevado nivel de contactos e unha pequena dose de atoleiramento.

Nesa dinámica, o cadro de Maite Méndez, desafortunado no lanzamento exterior e sen claridade de ideas ofensivas durante gran parte da sesión, recorreu á man salvadora de Carolina Bernardeco no treito final para evitar unha derrota inesperada. Unha tripla súa a 14 segundos do final, cando o marcador rexistraba un 52-50, sentenciou o choque. A base lusa, ademais, encestou os tiros libres da verdade nos intres decisivos.

O partido foi tan frío e escuro como a noite. Un Arxil encomendado ao rebote ofensivo e a unha intensa Heather Forster tomaba posicións e vantaxe nos primeiros dez minutos, tralos inicios de tanteo. Pronto se uníu unha inspirada Díaz Pache á festa para levar o 15-9 ao marcador ao remate dun primeiro cuarto no que as avilesinas erraban desde a liña exterior e non eran quen de correr con sentido.

O conxunto pontevedrés suma a sexta vitoria da liga, a quinta seguida

Pero o partido non se rompeu. O segundo cuarto anunciou o que sería o duelo. O Avilés comezou con defensas alternativas: zona ou individual ofrecendo moitas axudas sobre as pívots locais. Sen acerto no lanzamento e moitos erros de entregas e tiros baixo o aro, o Arxil mergullouse nunha dinámica de igualdade que o levou a un 24-20 ao descanso e a verse remontado na segunda metade. Tres triplas, dúas dunha gran Lucía Martínez puxeron o 31-33 no marcador para as asturianas.

Un 9-0 de parcial devolvíalle a vida ao Arxil, pero o ADBA seguiu coa súa zona, coa súa intensidade atrás e as verdes, sen orde nin claridade, ían a impulsos. Chegouse ao 52-50 a falta de medio minuto e posesión arxilista, que Bernardeco aproveitou para encestar a tripla salvadora e darlle o triunfo ás pontevedreses no día parvo do ano.

Ficha técnica
CB Arxil: Míriam García, Marta Fernández (9), Heather Forster (13), Nerea Liste (8), Andrea Glomazic (4) -cinco inicial- Lorena Lorenzo, Carolina Bernardeco (10), María Lago, Cristina Díaz-Pache (6), Marga Moreira (7) e Nena Trajchevska.

ADBA Sanfer: Sara Fraile (6), Laura Martínez (9), Ángela Engonga (6), Claudia Alonso (8) e Lucía Martínez (16) -cinco inicial- Carlota García (2), Marta Gómez, Marta Rodríguez, Marina González (3), Iris Ramos e Carmen Martínez.

Árbitros: Álvarez Rodríguez e Leal López. Excluiron por cinco faltas persoais a visitante Engonga.

Incidencias: Partido correspondente á novena xornada de Liga Femenina Dos disputado na pista do Centro Galego de Tecnificación Deportiva diante de 150 persoas.

Más en Deporte Local Pontevedra
Comentarios