O Arxil intenta consolidar o seu despegue na visita ao Tirso Incentro

O equipo de Maite Méndez mídese ao segundo clasificado despois de encadear catro amplos triunfos consecutivos
Arxil-Raca. JAVIER CERVERA MERCADILLO
photo_camera Arxil-Raca. JAVIER CERVERA MERCADILLO

O Club Baloncesto Arxil afronta este sábado por la tarde en Cantabria (20.00 horas) unha das probas máis esixentes do comezo da temporada. O equipo preparado por Maite Méndez medirase ao Tirso Incentro, segundo clasificado da categoría, cos mesmos sete triunfos có líder Miralvalle Plasencia, pero unha derrota máis, tres. 

O bloque verde afronta o duelo nunha dinámica positiva, coa sensación de ir medrando co paso das semanas e o confort que produce a recuperación de case tódalas súas pezas para afrontar o que resta de campaña. Xa está totalmente integrada no grupo Carla Fernández, á que aínda lle falta ir gañando en confianza día a día trala complicada rehabilitación da súa lesión de xeonllo, pero que xa achega rotación de calidade a Carolina Bernardeco.

A pasada fin de semana puido debutar María Lago despois de sete meses no dique seco pola súa lesión no talón de Aquiles. A única ausencia agardada no bloque verde é a de Míriam García, xogadora que alterna o primeiro conxunto e o filial e que se mancou no nocello hai tres xornadas. 

A baixa da escolta non altera os plans do bloque pontevedrés, que vén de gañar con claridade o seu último enfrontamento ligueiro, na casa perante o Unicaja Mijas, un teórico rival polos postos nobres da táboa que non realizou oposición ao cadro lerezano no CGTD. O Arxil ocupa o sexto lugar, cun balance de cinco triunfos e catro derrotas, unha vez descontado o choque fronte o Raca Granada, escadra retirada da competición por problemas económicos.

Maite Méndez poderá botar man de tódalas súas xogadoras excepto a escolta Míriam García

As verdes levan catro triunfos consecutivos, todos eles por 20 puntos ou máis de diferenza, aínda que tres deles foron na casa. A domicilio, as mulleres de Maite Méndez baixan sensiblemente o nivel. Perderon en Vilagarcía e en Plasencia con claridade e tamén contra o Magec Tías. Polo de agora só obtiveron dous triunfos lonxe dos seus dominios, sempre contra rivais da zona baixa da táboa, o León e o Sevilla.

A igualdade da competición é máxima, o que fai previsible calquera resultado en chan cántabro. De feito, o ata a semana pasada líder, perdeu os dous últimos enfrontamentos, o máis recente contra o Magec Tías en Canarias con só 31 puntos a favor, récord negativo da liga e cifra sorprendente se se ten en consideración que, ademais, é o bloque con máis puntos encestados ata a data e o terceiro cunha media máis elevada, só por detrás do Miralvalle e o propio Arxil.

Se o cadro verde é quen de manter o nivel de producción ofensiva e segue ofrecendo o nivel no xogo interior da súa parella letal formada por Forster e Liste, dará un gran paso para facerse coa súa quinta vitoria e asomar, por primeira vez no curso, aos catro primeiros postos que dan dereito a disputar o play off de ascenso a Liga Challenge.

Comentarios