O Arxil intenta deixar atrás as derrotas na visita do Barakaldo

O equipo verde perdeu os dous últimos enfrontamentos contra o Miralvalle Plasencia e o Cortegada e presente un balance de dous partidos gañados e catro perdidos  
Una disputa entre Liste y Wanyama en el derbi Cortegada - Arxil. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Liste e Wanyama no derbi Cortegada-Arxil da pasada fin de semana. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O CB Arxil intentará invertir a tendencia do seu comezo de campaña no seu retorno ao pavillón do Centro Galego de Tecnificación Deportiva, onde se medirá ao Barakaldo este sábado (19.30 horas).

O partido anticípase esixente, pola propia natureza da categoría, que subiu un chanzo o nivel de dificultade con respecto á temporada pasada, e polo bo momento que atravesa a escadra vasca, que ofrece mellores rexistros cós do pasado exercicio. As biscaíñas ocupan a terceira posición da táboa con catro triunfos e unha soa derrota.

O Arxil comparece na casa nun comezo de campionato difícil de catalogar, no que bateu o tope anotador da súa historia e da categoría nesta temporada na vitoria contra Raca Granada, pero ofreceu un rostro empeorado perante os demais rivais, particularmente nas últimas dúas citas, nas que caeu a domicilio contra o Cortegada e fronte o Miralvalle Plasencia.

Ámbalas dúas derrotas colocan á escadra de Maite Méndez con dous triunfos e catro partidos perdidos, lonxe das prazas de honra e coa evidente realidade de que a oferta realizada polo de agora non abonda para ocupar postos de privilexio ao remate do curso, cando se reparten as prazas de ascenso a Liga Femenina Challenge. O partido contra o Miralvalle deixou un pouso amargo, xa que o bloque verde foi a remolque durante os 40 minutos.

Maite Méndez poderá botar man de tódalas súas xogadoras, excepto de María Lago, aínda en proceso de recuperación da súa lesión no tendón de Aquiles.

O club fai un chamamento aos seus seareiros para que acudan ao CGTD a dar folgos ás xogadoras nun choque que pretende converter nun punto de inflexión cara á súa recuperación deportiva neste comezo de curso.

Más en Deporte Local Pontevedra
Comentarios