Baloncesto

Arxil Mafari ata a eternidade

Jara Tuda, Natalia Soage e Monchi Gómez Pimpollo son exemplo de constancia no equipo de Primeira Nacional, que compatibilizan co seu traballo e as súas fillas
Monchi Gómez Pimpollo, Jara Tuda e Natalia Soage, as nais do Arxil Mafari. DAVID FREIRE
photo_camera Monchi Gómez Pimpollo, Jara Tuda e Natalia Soage, as nais do Arxil Mafari. DAVID FREIRE

Non poden entender as súas vidas sen o baloncesto. Jara Tuda, Natalia Soage e Monchi Gómez Pimpollo levan desde a infancia vencelladas ao mundo da canastra. E hoxe, as tres son nais e xogadoras do Arxil Mafari. Son tres clásicas do baloncesto local que compiten en Primeira Nacional ás ordes de Lino Vázquez.

Nin as dificultades propias da conciliación do mundo laboral e a maternidade, nin os paróns debidos ao embarazo e o nacemento das pequenas lles impediron seguir adiante.

Por iso son contundentes á hora de asegurar que non hai data de retirada. "Eu nin o plantexo", asegura Soage, que leva no Arxil desde 1991 e só parou durante a súa etapa de maternidade. Leva 31 anos enrolada nas filas do Arxil.

Aquel ano nacía Jara Tuda, que desde os 8 anos está no club verde. Tanto Natalia como Jara fixeron a súa carreira ao completo no Arxil e pasaron por absolutamente tódalas categorías: Liga Feminina Dúas incluida. No caso da escolta verde, o único parón produciuse no segundo treito da temporada pasada e o comezo da actual, debido ao nacemento da súa primoxénita. "Yo sabía que iba a regresar".

"Cando quedei embarazada a primeira vez dicíanme 'xa te xubilas' e eu pensaba, 'xa veremos'. E volvín. Así dúas veces. Xa non digo que non nunca. Nunca se sabe"

Con Natalia ocorreu o mesmo. Despois de moitos anos no primeiro equipo, baixou un escalón para porse ás ordes de Lino Vázquez no segundo conxunto verde. "Cando quedei embarazada a primeira vez dicíanme xa te xubilas e eu pensaba, xa veremos. E volvín. Así dúas veces. Xa non digo que non nunca. Nunca se sabe", afirma aos seus 41 anos.

A mesma idade ten Monchi Gómez Pimpollo, a última en chegar á disciplina verde. Nada en Ciudad Real, principiou con 8 ou 9 anos e estivo desde a etapa universitaria ata os 28 anos xogando en equipos de categoría nacional, maioritariamente en Madrid. Pero entre outros, tamén xogou no Arxil, onde militara por primeira vez hai case 20 anos. Deixouno durante unha boa etapa, pero nos últimos tempos regresou, primeiro no proxecto feminino do Peixegalego e agora no Arxil Mafari. "Ganas he tenido siempre, pero el cuerpo no siempre es capaz de ofrecer lo que pide la cabeza", expresa a pívot arxilista.

As tres representan a un nutrido grupo de deportistas que son quen de facer valer a súa paixón polo básquet por enriba de moitas cousas e sen sacrificar ao máis importante, as súas familias. "Es una manera de hacer deporte haciendo algo que te gusta. Hacemos ejercicio y lo pasamos bien. Creo que correr en una cinta mirando para la pared en un gimnasio no es tan edificante", explica Gómez Pimpollo, que sabe que como as súas compañeiras sabe que o día da despedida "nos lo dirá la competición. Habrá un momento en que no podamos seguir el ritmo".

"Ganas he tenido siempre, pero el cuerpo no siempre es capaz de ofrecer lo que pide la cabeza"

Perciben o respecto das máis novas dentro do colectivo, aínda que saben que os tempos mudan tamén no baloncesto. Tuda solidarízase coas súas dúas compañeiras vendo as batallas que lles tocan librar baixo os aros. "Yo tengo el balón más, pero allí dentro se recibe mucho".

A Monchi partíronlle dúas costelas hai pouco e Soage é de recibir moito e queixarse pouco. Ámbalas dúas detectaron "que o baloncesto se converteu nun xogo moito máis físico ca antes. La diferencia con una chica de 25 años, se nota. Se permite mucho más contacto que antes. Somos de la vieja escuela y aunque queramos, no nos sale sacudir", explica a súa torre xemelga.

Agora o que pensan é en seren exemplos para as súas fillas. Tanto as de Monchi como as de Natalia están nas categorías base do Arxil. Á de Jara aínda lle restan algúns meses para camiñar.

O que fan xa non é só unha diversión, é unha mensaxe, unha forma de "ser exemplo… isto é unha forma de vida. Gústame o que rodea ao baloncesto e o que significa e quero amosárllelo a elas e a outras nenas do club e de fóra, para que vexan que podes ser nai e seguir a facer deporte".

"Ojalá mi hija juegue, pero que haga lo que quiera, lo que le guste, sabiendo que el deporte es bueno, tanto en valores como para hacer amistades"

Monchi láiase de que os tempos tamén mudasen para iso. "El nivel de sacrificio no tiene nada que ver con el nuestro, que nos daba igual renunciar a otras cosas por jugar. Me gustaría que mis hijas siguiesen adelante, porque los deportes de equipo enseñan muchos valores a los niños. Puedes intentar guiar, pero no obligar a que hagan algo".

E Jara espera que algún día a súa pequena se vista de verde, pero sen máis. "Ojalá, pero que haga lo que quiera, lo que le guste, sabiendo que el deporte es bueno, tanto en valores como para hacer amistades".

Comentarios