O Arxil máis apurado

Os problemas físicos, os problemas burocráticos e a tardanza en chegar as fichaxes dificultan a preparación do cadro de cara á nova campaña
As xogadoras do primeiro plantel do Arxil e o Mafari que principiaron a precampaña. RAFA FARIÑA
photo_camera As xogadoras do primeiro plantel do Arxil e o Mafari que principiaron a precampaña. RAFA FARIÑA

O Club Baloncesto Arxil cumpre xa unha semana de adestramentos coa mente posta nunha nova temporada en Liga Femenina 2. O equipo que dirixirá novamente Maite Méndez afronta as últimas semanas de traballo con problemas en diversas frontes que complican a mellor posta a punto para os primeiros compromisos ligueiros.

Problemas de saúde, problemas burocráticos e a tardanza en incorporarse ao grupo das fichaxes pode acabar converténdose nun lastre non só desde o punto de vista do traballo na parcela física, senón tamén na conxunción e acoplamento das pezas do colectivo.

De momento, Maite Méndez non pode contar no día a día con Cristina Díaz-Pache. A ferrolá foi obxecto dunha intervención cirúrxica que a mantén aínda parada. O club agarda que estea para o comezo da Liga.

A que seguramente non poida xogar o duelo do debut será Marga Moreira, que tivo un serio problema de saúde durante o verán e está en proceso de recuperarse paulatinamente. De momento realiza adestramentos físicos personalizados.

FICHAXES. Ademais deses contratempos, o club tivo que agardar algo máis da conta para dispoñer das súas novas fichaxes. Trátase dunha combo serbia que complementará a dirección do equipo coa experimentada Carla Fernández, dunha pívot galega que militou a temporada pasada nun equipo de Liga Femenina Dos e unha 3-4 estado unidense que debe achegar un salto de calidade en anotación para o colectivo.

Non é tanto contratempo, secomasí, como a lentitude da obtención dos permisos de traballo de Heather Forster, que aínda non puido retornar a Pontevedra para poñerse á disciplina do club.

Problemas de máis para unha escadra que en nada terá que principiar a competición da Copa Galicia e que ten por diante catro semanas para o comezo da competicion de liga, o 2 de outubro, na casa, contra o Alhaurín de la Torre. Será o primeiro exame para comprobar se o bloque verde fixo os deberes como é debido.

Aposta polo filial
O Mafari dá un salto de calidade
O Arxil Mafari pechou un plantel que pretende dar un salto de calidade co obxectivo de ser competitivo en Primeira Nacional e de surtir ao primeiro plantel.

As xogadoras Mariña Vázquez, Sandra Carabelos, Arantxa Fernández, Aldara Vázquez, Noa Casalderrey, Violeta Crespo, Natalia Soage e Jara Tuda seguen nun equipo ao que retornan Adriana Aparicio e Ramona Gómez.

A elas súmanse tres mulleres con potencial para colaborar co primeiro equipo: Yesica Santorum, chegada do Dorna da Illa, Míriam García, ex Cortegada en LF2, e Raquel Molina, que militou no Raca Granada e xogou tamén no LF2 granadino.

Comentarios