O Arxil máis profundo sobrevive ás baixas

O equipo verde ten un dos planteis con máis profundidade de banco da súa historia, con ata doce xogadoras na rotación de Maite Méndez ► A escadra conta con nove licenzas de Liga Femenina Dos e tres do filial, o Arxil Mafari

Maite Méndez durante un tempo morto do Arxil. GONZALO GARCÍA
photo_camera Maite Méndez durante un tempo morto do Arxil. GONZALO GARCÍA

O CB Arxil 2022-23 é un dos planteis máis longos e compactos da historia do club. O conxunto adestrado por Maite Méndez conta con doce xogadoras dun nivel parello que lle permiten ser inasequible ás baixas e seguir sendo competitivo malia os problemas físicos que o azotan e azotaron.

O club apostou por un grupo máis homoxéneo, sen exteriores tan determinantes como Dunja Buzadzin ou Ruth Adams, pero con máis variedade e amplitude de recursos. 

A actual estrutura responde á previsión de que tanto Carla Fernández como María Lago tardasen en reaparecer das súas doenzas de longa duración. No caso da base viguesa, o seu retorno xa se produciu. A pesar de que non se atopa aínda ao seu mellor nivel físico, de xogo e confianza, está a mellorar e dalle minutos de calidade ao equipo e de descanso a Bernardeco.

Pola súa banda, María Lago está no treito final da recuperación da súa lesión no tendón de Aquiles, que se produciu durante a celebración da fase de ascenso da temporada pasada, a finais de abril. A porriñesa acurtou prazos de maneira drástica, xa que o club agardaba que volvese ás canchas no primeiro enfrontamento da segunda volta, xa entrado 2023, e xa está a traballar co grupo. Se non se torce nada, o seu regreso debería producirse este mes.

O club ampliou o seu plantel para paliar as ausencias das dúas mancadas de longa duración, Carla Fernández, que xa regresou, e María Lago

Sen María Lago e sen Carla Fernández, o Arxil construíu un bloque con outras sete xogadoras de primeiro plantel máis tres do segundo conxunto verde: e esas tres achegando o seu gran de area, particularmente Míriam García e Carmen Ortiz. En menor medida Aldara Vázquez, que aínda non gozou de minutos de calidade.

Curiosamente, tanto a escolta como a pívot que alternan co Mafari están a recuperarse de cadansúa escordadura de nocello. E aínda sen elas e sen Lago, o bloque segue a ser profundo.

Na campaña pasada, o Arxil dispuña de sete licenzas do primeiro plantel e contaba coa colaboración de cinco rapazas do Mafari: Margarita Moreira, Míriam García, Adriana Aparicio, Aldara e Noa Casalderrey. 

No anterior, eran seis as xogadores do primeiro plantel: Cristina Díaz Pache, María Lago, Carla Fernández, Linnea Rosendal, Heather Forster e Natalia López, ademais de Marga Moreira e Alessandra Ghisleni, as dúas xogadoras do Mafari que gozaban de minutos de forma non residual.

María Lago xa traballa co colectivo e apura os prazos para o seu retorno ás canchas, tras superar a súa lesión no tendón de Aquiles 

Na 18-19 as verdes tamén principiaron con sete mulleres no bloque semiprofesional máis a presenza crecente de Marga Moreira (provocada, en gran medida, pola lesión de Díaz Pache). 

Agora conta cun conxunto con moitas rotacións, ata o punto de que só unha xogadora supera os 30 minutos de media por partido (Bernardeco). As Torres Xemelgas (Liste e Forster) rondan os 29 minutos por enfrontamento e Trajchevska e Moreira andan polos 25. Cristina Díaz Pache e Andrea Glomazic están nos 19 minutos de promedio, Míriam García e Carla Fernández teñen 13 por duelo,  Carmen Ortiz preto de oito e Aldara Vázquez, a que menos, arredor de dous.

Comentarios