O Arxil ten un exame para subir nota

O equipo pontevedrés visita o Maristas da Coruña coa terceira posición do grupo en disputa
Nena Trajchevska nunha acción contra o Segle XXI. DP
photo_camera Nena Trajchevska nunha acción contra o Segle XXI. DP

É un exame para subir nota. O bo, e tamén o malo, é que ante tal test non hai máis presión que a que cadaquén se queira impoñer. O Arxil é responsable da súa propia esixencia na visita deste sábado á Coruña para medirse ao Maristas (18:00 horas). 

O equipo verde, cuarto da liga, ten unha confortable vantaxe na pelexa polos postos de play-off, despois do triunfo que conseguíu a pasada fin de semana contra o GEiEG. Dispón de dous partidos de distancia e o coeficiente directo gañado sobre o Cortegada e de tres encontros sobre o propio cadro xerundense. Dos bloques que ten por debaixo, o León, a dous triunfos, é actualmente a súa principal ameaza. Pero é que a perda dunha soa posición non lle arrebataría ás mulleres de Maite Méndez a posibilidade de xogar polo ascenso, porque o quinto clasificado do grupo A tamén terá lugar na fase final. 

O colchón fai que o Arxil poida afrontar o duelo contra o Maristas como unha proba para o play-off, unha forma de subir a calificación media antes da selectividade e en condicións similares ás da proba chave do curso. Terá un rival de alto nivel enfronte, nun encontro fóra da casa e nunha cancha sempre complicada: bos condicionantes para medir os progresos en materia de personalidade da escadra pontevedresa, dubitativa por momentos no partido do sábado pasado contra o GEiEG, pero finalmente resolutiva ao ritmo marcado por Bernardeco e Trajchevska.

Os dous conxuntos están empatados a triunfos, pero as coruñesas xogaron un partido menos

Na Coruña está en disputa a terceira praza do grupo A. Os dous bloques chegan igualados a trece triunfos ao duelo, pero as coruñesas teñen un partido menos, o adiado contra o Magec Tías contra la Violencia de Género

No partido de ida, o Arxil venceu de forma convincente ao cadro herculino, que non estivo cómodo en ningún momento sobre a cancha. Foi un envite que non reflectiu a diferenza real entre as dúas escadras (80-56 para as locais).

Agora cambian os argumentos e os elementos. A que realizará á Coruña é a visita máis complexa, a priori, que lle resta ao bloque de Maite Méndez. A traxectoria recente como visitante non é a máis favorable para as verdes, que perderon en catro das últimas cinco saídas que afrontaron, contra o GEiEG, contra o León, contra o Miralvalle Plasencia e, a última, contra o Ponce Valladolid. O triunfo diante do Segle XXI, líder invicto ata ese momento, foi a única excepción a unha traxectoria que o bloque pontevedrés intentará refutar esta noite.

No encontro de ida, o Arxil venceu con autoridade (80-56)

O Maristas chega á cita de hoxe despois de ver rachada unha xeira de cinco triunfos consecutivas. Foi contra o Náutico Tenerife, bloque da zona baixa que está en claro crecemento. Antes, as coruñesas demostraran capacidade competitiva para resolver con máis ou menos claridade os duelos que tivo contra a clase media e baixa da categoría.  

Con tódolos seus efectivos, o Arxil intentará facer valer o seu teórico dominio na pintura contra un bloque no que destaca a base chilena Sendy Basáez, cuarta xogadora máis valorada, quinta máxima encestadora e mellor asistente da liga.

Comentarios