O Arxil ten moitos canóns

Sete xogadoras diferentes remataron como máximas anotadoras do equipo verde nalgún partido desta temporada
Nena Trajchevska no partido do Arxil contra o GEiEG. GONZALO GARCÍA
photo_camera Nena Trajchevska no partido do Arxil contra o GEiEG. GONZALO GARCÍA

Outra proba máis da profundidade de banco do Arxil 2023-24: a cantidade de xogadoras diferentes que son quen de ser a máxima encestadora do equipo nun partido. Ata sete mulleres da escadra verde lograron rematar un duelo deste curso coa mellor cifra anotadora do seu conxunto.

Nerea Liste, Heather Forster, Marta Fernández, María Lago, Andrea Glomazic, Nena Trajchevska e Carolina Bernardeco conseguiron ser as máximas encestadoras da escadra nalgunha das 19 tiradas do campionato celebradas ata o momento.

A cifra reflicte a variedade de recursos dos que dispón Maite Méndez. A diversidade na ‘oferta’ ofensiva do colectivo tamén se traduce noutro dato: a cifra de puntos individuais por choque non é excesivamente elevado. O pastel repártese entre máis mulleres que de costume. 

Nerea Liste é a xogadora que máis veces foi máxima encestadora das lerezanas: once veces, oito en solitario

Así, o gorismo máis alto que logrou unha xogadora no que vai do curso é o de Marta Fernández na primeira tirada do campionato, no que as pontevedresas caeron contra o Miralvalle Plasencia. 23 puntos obtivo a miúda base focense naquel duelo diante do único rival que lle venceu os dous duelos a este Arxil.

Entre as xogadoras verdes, a máis recorrente máxima anotadora é Nerea Liste, que logrou os mellores díxitos en oito partidos e noutros tres máis compartiu o dato de mellor anotadora cunha compañeira.

O maior salto de calidade na faceta ofensiva no que vai de campionato foi dado pola montenegrina Andrea Glomazic. A xove balcánica materializou a súa suba de confianza con catro 'top' de puntuación en encontros deste curso. Heather Forster e Carolina Bernardeco tamén repetiron protagonismo, mentres que a eterna María Lago foi a máis brillante en ataque unha vez: nun dos seus primeiros partidos deste campionato de liga.

A última en unirse ao grupo de máximas encestadoras foi unha das xogadoras de máis calidade do colectivo, a internacional macedonia Nena Trajchevska, que se sumou á lista a pasada fin de semana, na vitoria pontevedresa contra o GEiEG. Os seus trece puntos foron fundamentais para o triunfo verde.

Nena Trajchevska, Carolina Bernardeco, Marta Fernández, María Lago, Andrea Glomazic e Heather Forster tamén foron as mellores encestadoras nalgunha cita

Das baloncestistas que contan con protagonismo na rotación de Maite Méndez, só restan tres por unirse a esa estatística: Míriam García, Margarita Moreira e Cristina Díaz-Pache.

Iso si, canto a xogadora máis valorada do conxunto houbo menos variedade, xa que a achega no aspecto reboteador das dúas pívots verdes marca as diferenzas. Tanto Liste como Forster ocupan lugares de honra nas clasificacións estatísticas dese aspecto do xogo e iso axudoulles a ser as MVP do conxunto en tódalas xornadas excepto contra o Tenerife, cando Nena Trajchevska foi a que máis créditos sumou.

Non é de estrañar que as pívots estadounidense e, sobre todo, santiaguesa, sexan as máis valoradas do Arxil. E é que tamén destacan no global da categoría: a galega é a líder do MVP do grupo, mentres que a norteamericana é décima. 

Más en Deporte Local Pontevedra
Comentarios