Catrocentos deportistas participaron no Torneo de Reis organizado polo Rías Baixas

Xela Martínez, Cristina Garrido, Antón Martínez e Javier de la Fuente gañaron as carreiras de categoría absoluta
Un momento dunha das probas. JAVIER CERVERA- MERCADILLO
photo_camera Un momento dunha das probas. JAVIER CERVERA- MERCADILLO

O mal tempo converteuse no principal inimigo do IV Torneo de Reis. Pero finalmente o atletismo derrotouno sobre o tartán do Centro Galego de Tecnificación Deportiva.

Preto de 400 deportistas dos diversos grupos de idade tomaron parte nunha proba xa asentada dentro do calendario deportivo local, que vai pola cuarta edición, e na que se citaron competidores dos grandes clubs de Galicia.

Malia a mala meteoroloxía, tanto no relativo a precipitacións como no que se refire a temperaturas, os deportistas gozaron da mañá atlética pontevedresa.

undefined

Entre os presentes, destacaba a presenza de Xela Martínez, moza da Atlética Lucense e gran promesa do medio fondo galego. Aos seus 16 anos (cumpre 17 o próximo 25 de xaneiro) impúxose con autoridade nos 1.500 femininos, cunha marca de 4.36.57, anos luz diante de tódalas súas rivais. María Carballido do Friol e a ximnástica Isabel Caeiro ocuparon a segunda e terceira posicións a case medio minuto da vencedora.

A velocista da Sociedad Gimnástica Pontevedra Cristina Garrido foi a máis rápida nos 200 metros lisos cun tempo de 26.99. A segunda posición foi para Lucía Sánchez do AA Mazi e o terceiro posto para a tamén ximnástica Lucía Ferrer.

En categoría masculina, na media volta á pista, o máis veloz foi Javier de la Fuente, do Viguesa de Atletismo, con 23.88. Miguel Gómez e Alberto Pérez acabaron segundo e terceiro respectivamente, en representación das cores do Celta.

Antón Martínez, do Atlética Lucense, reivindicou o bo estado do medio fondo no club da cidade amurallada, ao impoñerse nos 800 cun rexistro de 1.58.57. Por detrás del concluiron Cristian Montecelo do Friol e Álex Román do Viguesa de Atletismo.

undefined

Lucas Huertas, do Marineda Atletismo, foi o que voou máis lonxe no foxo de area. Malas novas para Sergio Sánchez, do Rías Baixas, que rematou segundo con 5,01, pero acabou mancado despois do intento inicial e non puido seguir saltando. Pedro Reino, do AA Mazi foi terceiro.

Os gañadores das demais probas foron: Álex Muñoz (Atlética Lucense), nos 50 metros sub-10; Martín Otero (Pinarium), nos 60 sub-12; Beltrán Pérez (Viguesa de Atletismo) nos 80 metros sub-14; Leo Rodríguez (At. Samertolameu) nos 300 sub-16; Hugo Collazo (At. Vila de Cangas) nos 1.000 metros sub-14; Diego Virel (Sociedad Gimnástica) no salto de lonxitude sub-10; Nicolás Villafín (At. Samertolameu) no salto de lonxitude sub-12; Diego Allegue (Atlética Lucense) na lonxitude sub-14; Hugo Casañas (At. Rías Baixas) no disco sub-14, e Pablo Cariñena (Millaraio) no disco sub-16 masculino. En probas femininas, venceron Olivia Casañas (Rías Baixas) tanto en lonxitude como en 50 metros sub-10; Lara Torres (SD Compostela) nos 60 sub-12; Carla Allegue (Atlética Lucense) nos 80 e lonxitude sub-14; Celia Castro (AA Mazi) nos 300 sub-16; Sabela Castelo (San Miguel) en 1.000 sub-14; Celia Couto (Rías Baixas) en lonxitude sub-12, e Mar Simón (Celta) no disco sub-16.

Comentarios