O atletismo vólcase con Dacal

O control de marcas organizado pola Federación Galega e a Sociedad Gimnástica congregou a máis de 400 atletas galegos de tódalas categorías para reunir fondos económicos para axudar ao ex xavelinista pontecaldelán
Os atletas, amigos e representantes políticos no CGTD pedindo axuda para Gustavo Dacal. RAFA FARIÑA
photo_camera Os atletas, amigos e representantes políticos no CGTD pedindo axuda para Gustavo Dacal. RAFA FARIÑA

O atletismo galego volcouse con Gustavo Dacal na mañá pontevedresa. O control de marcas celebrado no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra congregou a centos de persoas nas bancadas e centos de deportistas de diferentes grupos de idade sobre o tartán coa fin de recadar fondos para colaborar coa recuperación do exatleta da Sociedad Gimnástica.

O club pontevedrés foi o organizador do acontecemento en colaboración coa Federación galega. Ademais, o organismo federativo puxo a disposición dos cidadáns un dorsal 0 na súa páxina web para donativos. A iso, hubo que agregar a colaboración económica da Xunta, do propio ente federativo e os cartos reunidos polas inscricións de atletas. O total, ascendeu a arredor de 3.250 euros que irán á conta de axuda ao pontecaldelán.

A sesión deste domingo á mañá, ademais de permitir que deportistas de diversos grupos de idade, desde os máis cativos ata os séniores, puidesen poñer en práctica as evolucións realizadas durante o inverno, tivo momentos moi emotivos. Entre eles, a reunión dunha ringleira de lanzadores con cadansúa xavelina, que posaron cunha pancarta de axuda para Gustavo Dacal. No medio deles estaba o secretario xeral para o deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete Lasa, que non quixo faltar ao evento, como tampouco o fixo o delegado de Deportes do goberno autonómico, Daniel Benavides.

Tamén estiveron os amigos de Gustavo Dacal que encabezan, xunto coa familia do deportista, a campaña de captación de fondos para a súa axuda. Tamén estivo un dos principais responsables deportivos da Sociedad Gimnástica, Santi Ferrer. Na pancarta coa que posaron, ademais da páxina de Instagram coa que se publicita este movemento, tamén se incluía o número de teléfono do Bizum vencellado á conta a través da que se poden realizar as doazóns (665630202).

A boa climatoloxía axudou a que se producise un notable ambiente nas bancadas e colaborou a que os deportistas e os presentes puidesen gozar dunha emotiva sesión deportiva.

En total, 421 atletas participaron no evento, nas carreiras e concursos que se levaron a cabo no CGTD. Foi unha notable cifra, malia a coincidencia no calendario co Campionato Galego de Atletismo en pista cuberta que se levou a cabo entre o sábado á tarde e onte á mañá (celebráronse as probas combinadas) nas pistas de Expourense da Cidade das Burgas.

Por suposto, tamén houbo momentos para a proba de xavelina nas categorías masculina e feminina, tanto absoluta, como sub-16 e sub-18. Na categoría absoluta masculina impúxose Pedro Santos Villalón, do Celta, por diante de Jonathan Correa, da Sociedad Gimnástica, ámbolos dous bos coñecedores das pistas lerezanas.

Paula Piñón, do Atletismo San Sebastián, foi a vencedora da proba feminina absoluta.

Esa especialidade foi a que encumbrou a Gustavo Dacal dentro do atletismo, permitíndolle gañar varios campionatos nacionais e bater o récord de España.

Comentarios