Bahrein e Ineos, a alianza de Silgar

A veciñanza de Sanxenxo gozou coa saída da vixésima etapa de La Vuelta, na que a carreira estivo cargada de emoción, mesmo cun xiro de guión inesperado ► A comarca viviu un inicio frenético de etapa ata que se fixo a escapada
A saída neutralizada. CSCYCLING
photo_camera FOTOS: CSCYCLING, CHARLY LÓPEZ E DAVID FREIRE

Saida da Vuelta a Espana desde o paseo de Silgar de SanxenxoNa liña de saída de Sanxenxo, co horizonte do Atlántico e a fina area de Silgar como testemuñas, a megafonía relataba o transitar dos protagonistas polo control de sinatura. A vila madrugou para recibir ás estrelas do pelotón masculino internacional.

LaVuelta partía onte do mar e remataba no monte, unha alegoría do que é Galicia. Entre os afeccionados que se desprazaron para contemplar a carreira foron aparecendo para poñerse á cola os mellores do carreira. Entre eles, apareceron os Ineos e os Bahrain. Os primeiros, escasos en número, coa figura humilde pero sempre malintencionada de Egan Bernal á fronte. A camisola branca da carreira detívose a departir un anaco cos insistentes vencedores do Bahrain, o equipo revelación da temporada.

Algo andaba a cociñarse? Non. Non era posible... A casualidade quixo que entre ámbolos dous conxuntos intentasen poñer LaVuelta do revés. Non o conseguiron de todo, pero fixeron as súas capturas, que llo pregunten a Superman López, que houbo de esquecer a capa.

As autoridades políticas foron uns privilexiados no porto, mentres centos de persoas contemplaban desde detrás da barreira a ídolos sobre cabalos de metal.

Despois do corte da cinta (alí estaba Telmo Martín con Javier Guillén para gardar un anaco de historia da carreira cos demais tesouros do consistorio sanxenxino) o coche vermello do director de LaVuelta botou a andar e, devagar, detrás del, as estrelas. Percorrido neutralizado entre vítores e algunha que outra acción reivindicativa. A maxia de LaVuelta: aínda que non che importe o ciclismo, a caravana publicitaria, dos coches de carreira e dos deportistas ben valen un aplauso.

A proba percorreu a vila mariñeira entre vítores e ovacións, entre berros de ánimo para os ciclistas máis populares, agora, a diferenza de hai anos, tan ocultos baixo as gafas de sol e os cascos que son apenas irrecoñecibles.

O municipio viu a serpe multicolor atravesar os seus dous centros urbanos costeiros, Portonovo e Sanxenxo en dúas ocasións. E despois chegou o kilómetro cero e lanzouse a proba en dirección a Pontevedra. Non tardaron en probalo os cazadores de tesouros, os que adoitan meterse nas fuxidas (Champousin, Calmejane, Storer, Bardet, Jesús Herrada, Trentin). Todos eles comezaron a intercambiar golpes para distanciarse do pelotón.

Saida da Vuelta a Espana desde o paseo de Silgar de SanxenxoPorén, cando hai tantos interesados en marchar, non marcha ningún. Poio e Pontevedra asistiron á danza de ataques incesantes para facer a escapada. Non foi ata o traxecto que vai da capital ata Ponte Caldelas cando solidificaron e permitiron formar un amplo grupo cabeceiro de gran calidade, o que xogaría a etapa.

Con coidado das medidas de seguridade, sempre coa intención de preservar a saúde pública e dos ciclistas por enriba de todo, a organización conseguíu o seu propósito e o gran pelotón atravesou a comarca nun fermoso día cunha agradable temperatura, para que os afeccionados puidesen gozar da carreira sen limitacións.

Comentarios