25-43. Bailar coa máis fea tamén é bailar

O Cisne perde contra o Barcelona o día do debut de Bruno Vázquez e Román Arboleya en Asobal
André de Moura lanzando a portería durante o partido. DAVID FREIRE
photo_camera André de Moura lanzando a portería durante o partido. DAVID FREIRE

O que inventou o de Bailar coa máis fea pensaba no Barcelona. Ningunha tan fea: non hai quen lle siga o ritmo e quen lle mire á cara. Pero non queda outra. De todo se aprende. Mesmo de todo se goza.

O Cisne sufriu e desfrutou a partes iguais na visita do mellor equipo do mundo. Coa súa xente, cun Municipal ofrecendo unha magnífica imaxe de presencia e decibelios e ducias de nenos agardando para tirarse retratos coas estrelas culés ao remate do duelo.

O partido estaba programado como un adestramento de competición para os dous adversarios. Porque o resultado estaba escrito de antemán. Como practicamente tódolos enfrontamentos do Barcelona en categorías nacionais. Co Barça de por medio non hai partido. Pero dase a circunstancia de que para que non o haxa, o propio Barcelona o afronta crendo o contrario. Ninguén se converte en xogador do mellor equipo do mundo tomándose as citas oficiais como pachangas contra uns amigos.

O Cisne foi quen de soportar a treboada durante cinco minutos. No inicial intercambio de golpes, Cavalcanti dáballe a dianteira aos de Márquez no minuto 5. O pivote tivo momentos de calidade no medio da selva de brazos, pernas e músculos do campión de Europa. Foi a primeira vantaxe do cadro pontevedrés. E a única. Pareceu unha ofensa a unha superpotencia mundial. E a reacción foi devastadora. En dez minutos, os cataláns enlazaron un parcial de 1-10 que atallaron o sublevación.

O nivel defensivo azulgrana era un pesadelo para a primeira liña cisneísta, incapaz de atopar situacións de vantaxe para finalizar ou para deixar a un compañeiro en disposición de superar a Nielsen. Nas poucas ocasións que iso acontecía, ou Nielsen ou os paos evitaban que o balón chegase ao fondo da rede. E nesas circunstancias, a sentencia estaba escrita á contra. Porque o Barça saía en estampida. E non había nada nin ninguén quen de frealo.

O equipo pontevedrés púxose por diante no 3-2, pero non puido opoñer resitencia ante o vixente campión de Europa

Foi un festival no que Parera brillou na posición de pivote e nas accións de velocidade. Os xogadores de seis metros do Barcelona foron os que máis beneficio puideron sacar das limitacións na liña defensiva do Cisne. Mentres o Barça rachaba o encontro, Márquez presentaba en sociedade a Román Arboleya e Bruno Vázquez, con cadansúa ovación desde a bancada. Máis intensa para o lateral. Os dous contaron con minutos de calidade despois da saída das lesións que os tiveron ausentes na competición ata este domingo. Arboleya, eficaz como pivote; Bruno, desde o lateral dereito. Cadanseu par de goles e a positiva sensación de que van poder achegar calidade e profundidade de banco á escadra de Márquez, que agarda como un oasis a reaparición da triple C na zona defensiva (Calvo, Conde, Cavalcanti).

Entre ovacións e recoñecementos, o partido continuaba pola liña do seu destino. O Cisne achegaba carraxe e o Barça, velocidade (contraataque ou contragol), intensidade defensiva e, cando se terciaba, brillo nos lanzamentos de nove metros e nas conexións co poderoso pivote Luis Frade.

Para Carlos Ortega foi día de reservar a xogadores vitais nos seus esquemas para competir en Europa e pelexar por todos os títulos ao remate do curso.

O cadro da cidade do Lérez incurría en perdas provocadas pola desesperación, o cansanzo e o inimigo. Apenas encontraba aos extremos durante o primeiro acto e chegaba ao descanso perdendo por 10 (11-21).

O decorado non recibiu moitos retoques no segundo tempo, con pequenos matices. Entre eles, o momento de Mateo Arias, que encadeou tres magníficas accións consecutivas para lograr o mellor parcial da sesión dos lerezanos (3- 0), do 17-34 pasouse ao 20-34.

O Barça xa non dobraría nunca máis ao Cisne no tanteador. Despois, o que concatenou ata catro meritorias accións baixo paos foi Kilian Ramírez, dando continuidade a algún brazo e perna milagrentos de Franzini no primeiro tempo. Non crean, tampouco foi un festival dos arqueiros. O Cisne encaixou 43 tantos. Evitar case calquera deles implicaría un notable mérito por parte dos porteiros cisneístas.

Sen mancados, cun pavillón entregado aos autógrafos e as fotos cos ídolos, un pavillón que por fin puido asistir a un Cisne-Barça en plenitude de condicións, o partido avanzou cara o final predeterminado, sen danos que lamentar e unha festa que celebrar, aínda que fose bailando coa máis fea.

Ficha técnica:
25 - Cisne: Franzini, Carlos Álvarez (3,1p), Pombo (3), Chan (2), Franceschetti (2), Ocaña (1) e Mateo Arias (3) -equipo titular- Ramírez (ps), Furtado (2), Javi Vázquez (1p), Arboleya (2), Chapela, André De Moura (2), Bruno Vázquez (2), García, Dani López (2).
43 - Barça: Gonzalo Nielsen, Aitor Ariño (1), Parera (8), Carlsbogard (2), Fabregas, Richardson (2) y Aleix Gómez (3) -equipo titular- Makuc (5), Cindric, Pablo Urdangarín (1), Dika Mem (4), Wanne (5), Frade (10) e Cikusa (2).
Marcador cada cinco minutos: 3-3, 3-6, 4-10, 6-14, 8-17, 11-21 (descanso); 14-25, 15-31, 18-34, 21-37, 22-38 y 25-43.
Árbitros: Macías de Paz e Ruiz Vergara. Excluíron a Franceschetti, Furtado por parte do Cisne, e a Makuc por parte do Barça.

Comentarios